Soto, sentinela do Campo das Laudas

Familiares de Juan Soto descubrindo a lauda.

Co gallo da homenaxe en Cerdedo a Juan Soto, membro de Capitán Gosende

Por Calros Solla | 27/07/2025

Houbo un home chamado Juan Soto. Houbo xacando un home que andou ceibo e consciente polo mundo e que nos escolleu por compañeiros de viaxe. Houbo un home que andou entre nós, que nos quixo, e que nós quixemos con amor fraterno.

Juan Soto, duro e incorruptíbel coma esta pedra que dende hoxe o representa e, asemade, mol coma unha pabea de herba seca; sabio coma os poucos sabios “que en el mundo han sido”; xeneroso coma un río Gafos de enchedeira: sete veces sete. Republicano, galeguista, librepensador, crítico e descrido; pero sobre todo, humano, “demasiado humano”.

O noso Labordeta meteu a comarca de Montes na mochila e, espetándolle á acorvadada e cómplice resignación un “¡A la mierda!”, puxo o seu tempo, a súa ansia e os seus haberes ao servizo do colectivo Capitán Gosende. Mal sabe este malfadado territorio quen foi Soto en verdade, pois non hai medalla que colme a súa impecábel e pecadenta folla de servizo.

Soto pasou pola comarca coma un cometa, retratándonos en curto e dende o alto, sen filtros, sen efecto seda. Benaventurados os poucos que, levantados das patas de diante, intuíron que tamén cumpría erguer a vista e seguir o lúcido e silandeiro planar do miñato.

Mentres en Cerdedo lle fan festa ao Amigo Invisíbel, nós, aquí e agora, honramos o amigo omnipresente, o que sempre estivo aí, o que deu a cara por nós, o que, con dotes extraordinarias, camiñou sobre os toxos e abofé, multiplicou os pans e os peixes na nosa mesa.

Velaquí o Soto, atado á columna do noso recordo perdurábel. Chova que vente!

O Campo das Laudas é, certamente, alcouve da Memoria. Afirmou Castelao que nesta terra se cumpriría a vontade dos mártires. Si, pero tamén se ha de cumprir a vontade dos heroes: dos heroes anónimos, dos cotiáns, dos irredutíbeis, dos que, sen espaventos de vangloria, porfiaron e porfían en facer un mundo mellor; faltosos deles estamos.

Aínda é fecundo o ventre do que xorde a besta inmunda. Faise, pois, máis ca nunca imprescindíbel este Campo das Laudas: a súa simboloxía, a súa diáfana mensaxe; a lección imperecedoira que transmite esta parroquia de pedra que decontino nos interpela. E, sobre terra, facédesvos impresindíbeis todos vós, a heroica comunidade, a parroquia vivente que se congrega arredor do camarada que se foi e que, a canda el, segue esixindo en tempos avoltos: resistencia, dignidade, xustiza e reparación.

Soto encarna, xaora, a vontade dos nosos heroes; ende ben, sempre se identificou co pobo subalterno, sempre defendeu as causas perdidas, sempre apostou por cabalo perdedor e sempre se aliñou coa infantaría de avanzada. Coma os heroes, Soto morreu coas botas postas, a pé de obra.

Ninguén coma Soto, sentinela da Memoria; ninguén coma Soto para gardar e alentar dende o curuto da Fontedorraca o proxecto do Campo das Laudas, que el tanto agarimou e do que tanto facía gala.

Juan Soto, até sempre. Grazas polo teu traballo, grazas por tanto. Sit tibi terra levis.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.