1975 Un crime de estado na conta final do Franquismo

A Comisión 27 de Setembro de Vigo acaba de editar «1975 Un crime de estado na conta final do Franquismo» con motivo do 50 cabodano dos derradeiros fusilamentos de Franco

Por Angelo Nero | 16/09/2025

1975 foi un ano de intensas mobilizacións populares. A ditadura agonizaba e na rúa librábase a última batalla pola liberdade, mentres o réxime negociaba por abaixo para deixar todo “atado e ben atado”. Aquela loita non ía ser pacífica, como nos quixeron vender nos libros de historia da transición, o clima de represión no último ano con Franco á cabeza daquel estado fascista acentuouse, especialmente contra aqueles sectores populares que demandaban unha ruptura total e unha democracia plena, que non chegaría. As folgas e manifestacións por toda a península foron reprimidas, en moitos casos, a tiros pola policía armada e a garda civil, e despois dunha campaña orquestrada para descabezar o movemento de oposición política e sindical, foron detidas centos de persoas e aquel réxime militar montou catro consellos de guerra, dous en Madrid, un en Burgos e outro en Barcelona. Do segundo xuízo na capital saíron once condenas a morte, das que foron executadas cinco, entre elas as dos nosos veciños Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez Bravo, militantes do FRAP.

Pablo Mayoral, compañeiro de militancia de Baena e Sánchez Bravo, condenado a 30 anos no mesmo xuízo, relataba así aqueles días:

Os consellos de guerra apenas duraron cinco horas cada un de eles, non foron aportadas ningunha proba incriminatoria e impediuse a defensa real dos acusados. No segundo consello de guerra de Madrid, nada máis empezar a vista, todos os avogados defensores foron expulsados da sala a punta de pistola, co que foron defendidos por militares que nin tan sequera eran avogados. Todos os acusados negaron a participación nos feitos dos que se lles acusaba e denunciaron torturas e malos tratos, e afirmaron con orgullo a súa militancia en distintas organizacións antifascistas. Deuse a circunstancias de que os dous consellos de guerra de Madrid celebráronse no cuartel do Goloso, baixo o mando do xeneral Milans del Bosch, o mesmo que en 1981 sacou en Valencia os tanques á rua no intento de golpe de estado.”

Outro dos condenados no consello de guerra de Madrid, Manuel Blanco Chivite, contaba: “Para a comunicación de sentencias de morte non nos baixaron do furgón policial, e nos dixeron a Humberto Baena, a Vladimiro Tovar e a min que estabamos condenados a morte. E seguimos en celas de prevención, en illamento absoluto, ata o día dos fusilamentos, da confirmación das penas e a conmutación de outras.»

Máis 1975 tivo unha longa nómina represiva, que antecederon ós fusilamentos de setembro. O ano comezou ca detención de máis de mil persoas en todo o estado español, nos primeiros meses, e co asasinato, por parte da policía do militante do PCE (i), Víctor Pérez Elexpe, e ferindo gravemente a Carlos Urritz, do PCE (m-l), mentres repartían propaganda. Tamén morre, a consecuencias da tortura, o militante independentista Pedro Mora. En abril decretase o estado de excepción no País Vasco durante tres meses.

Na Galiza tamén hai movemento de oposición nas rúas. O primeiro de maio nunha manifestación organizada polo FRAP e a LCR, un policía dispara contra a multitude e mata a un obreiro de Fenosa, Manuel Montenegro. Esto levou a unha vaga de detencións en toda a comarca, da que, milagrosamente logrou fuxir Humberto Baena, que marchou a Madrid. Entre marzo e maio de 1975 houbo outras 700 detencións. Mais o réxime non era quen de parar as mobilizacións obreiras que se espallaban por toda a xeografía do estado.

A longa lista de vítimas do franquismo seguía: en maio a garda civil asasina ó estudante Luis Arriola, e a alemá alesandra Leckelt, nun control de estradas; en xuño a Alfredo San Sebastián, nunha despedida de solteiro, a a Josu Mujika, militante de ETA (p-m). En agosto a policía mata nunha manifestación a Jesús María García Ripalda, e tamén na Galiza é asasinado pola BPS o militante da UPG, Moncho Reboiras.

Esta é so unha mostra de que o franquismo morreu matando, en total foron trinta persoas as que perderon a vida a mans das forzas represivas do réxime, policía armada, garda civil e o exército. Máis, por se quedaba algún cabo solto nese “atado e ben atado”, aquel regueiro de sangue continuou durante toda a transición.

Como nos contaba Pablo Mayoral: “Seguimos en prisión preto de dous anos e medio, e se saímos en liberdade foi grazas a miles de manifestantes que loitaron pola liberdade de todos os presos antifranquistas, moitos deles foron asasinados polas forzas represivas do réximen, así que a todas eles debemos a nosa liberdade. Me ven a memoria o asasinato de Arturo Ruiz nunha manifestación pro-amnistía en xaneiro do 77, ese foi o inicio da semana negra de Madrid, o día despois a policía armadda mataba a Mari Luz Nájera e unha banda de fascistas, con relacións probadas coa policía, matou a cinco avogados laboralistas, sendo ministro do interior Martín Villa, no que aínda era Ditadura Fascista.”

Con este libro que hoxe presentamos, no 50 cabodano do asasinato de Humberto Baena, Sánchez Bravo, Txiki, Otaegui e García Sanz, queremos render unha homenaxe a todos aqueles que loitaron por unha democracia plena, que aínda estamos lonxe de conseguir, pois, so como mostra, somos o único estado do mundo que leva máis de oitenta anos sen elixir o xefe do estado.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.