Vigo, trincheira do Antifascismo

O escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, recitando a súa «Crónica do espanto», no acto de Vigo Antifascista

Neste 17 de abril, os homes e mulleres de Vigo Antifascista, acompañados por militantes e cadros do BNG, como a deputada Alexandra Fernández, a portavoz da mesma organización en Bruxelas, Ana Miranda, de Agora Galiza-Unidade Popular, como o seu portavoz nacional, Carlos Morais, do sindicalismo nacionalista da CIG, da Marcha Mundial das Mulleres, de escritores como Pepe Cáccamo e Manuel Forcadela, do presidente do Centro Portugués, Bernardino Crego, do documentalista Xan Leira, e do ilustrador Evaristo Pereira, un feixe de bos e xenerosas, xuntáronse diante da cruz fascista do Monte do Castro, fronte o edificio do consistorio vigués, para  «denunciar a máxima autoridade do Concello de Vigo, que non só non aplica a legalidade vixente, senón que pretende incrementar a simboloxía franquista instalando unha escultura do “Sagrado Corazón de Jesús” no emblemático monte da Guía.»

O acto comezou pasadas as doce do mediodía, diante da cruz franquista do monte do Castro, fronte a sede do concello vigués, despois dun intento de boicot por parte dun grupo de fascistas que quixeron impedir a colocación de faixas e bandeiras coas que Vigo Antifascista estaba engalando o lugar, “estais profanando a Cristo” era o seu mellor argumento, e que chegaron a ameazar ós organizadores da concentración. De tódolos xeitos a policía expulsounos de alí, xa que a concentración contaba con todos os permisos e fora comunicada á Delegación do Goberno.

No mesmo lugar onde Vigo Antifascista realizara unha acción, fai xusto un mes, “para denunciar a simboloxía fascista que continua presente nos mais diversos espazos da cidade con a permisividade do goberno municipal e o cumprimento inmediato da actual lei de Memoria Histórica, aprobada polo PSOE no ano 2007”, e diante dunhas setenta persoas, o acto comezou presentado por una activista da organización, Belén, que deseguida deulle paso o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Iglesias:

“Temos que valorar, non só a realización deste acto necesario, senón o impulso imprescindíbel deste manifesto que o quere poñer de foco é que sigue vixente, moi ó noso pesar, a necesidade de despregar unha activa loita antifascista. E quixera comezar por poñer en valor, por significar a contribución que o nacionalismo galego, dende os galeguistas ata o nacionalismo contemporáneo, teñen feito a favor da causa das liberdades democráticas, e dende logo na loita antifascista. De Bóveda a Reboiras, máis tamén neses millares de patriotas galegos e galegas que na clandestinidade, e durante a ditadura franquista, se arrepuxeron á violencia fascista, soportaron torturas, persecucións, exilio, para defender a causa do pobo galego, para defender a causa da democracia, para defender a causa da xustiza social. A memoria non é cousa do pasado, a memoria é o soporte da nosa identidade. Somos, en grande medida, resultado do que fomos, e somos, en grande medida, a capacidade que temos de lembrar de onde vimos. Máis, hoxe en día, a loita antifascista tampouco é unha cuestión do pasado. A ameaza do fascismo está presente.”

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier Pérez Iglesias

«O BNG esiximos dende o primeiro momento que era hora de botala abaixo, o BNG quedamos sos na corporación municipal no ano 2013 e 2014, esixindo que o concello de Vigo, baixo a alcaldía de Abel Caballero, non recorrera á sentencia que recoñecía o evidente: que esta non é unha cruz máis, que é un símbolo fascista, que é un símbolo de represión, que é un símbolo que nos ofende. E hoxe, a mensaxe máis importante que podemos enviar, e que, por moito que lle pese a Abel Caballero, esta cruz ten data de caducidade, e dende logo, polo que depende do BNG imos facer o posible por botala abaixo canto antes.

O fascismo de hoxe ten alicerces no fascismo de sempre, e os fascistas de hoxe non fan máis que reivindicar a aquel réxime que naceu da violencia, que naceu dun golpe de estado, e ademais de traxiversar permanentemente a historia, para converter en culpables ás vítimas daquel xenocidio”. Así comezou a súa intervención o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, que leu a continuación cun poema do seu libro “Os cadernos da ira”, publicado vinte anos atrás, pero que non perde actualidade, titulado “Crónica do espanto”:

¿ONDE a memoria xusta, a obriga transparente

de gravar cunha brasa de alcatrán os nomes e apelidos de paseantes, verdugos, militares,

delatores, fiscais e falanxistas, señoritos da noite, corvos do amañecer?

Francisco Rodríguez alcumado “O Rabioso”, Fernando Lago Búa, Víctor Lis Quibén, Manolo Sanjurjo, Rosendo Bugarín, Benito de Haro, Rivero de Aguilar, José Peñarredonda, José Tabeirón, Monseñor Reisiño, Paulino Lago Roig, Martín Barbadillo, José Viador, Joaquín Yáñez, González Vallés, Pita Lasantes, Panchito Leal, González Zaera, Antonio Rosón, Manuel Díaz Vilela, Luis Rosón, José Vila Fano, Pascual Pérez Rosón, Padre Nieto, Manuel Pérez Rosón, Pancho Hervada, Fermín Pérez Rosón…

A nómina macabra teme escrita nas pizarras subterráneas da noite.

Non haxa esquecimento.

MEMORIA,

memoria activa e arrepío

como unha faca de salitre verde, brava ira que me queima se convoco a ringleira de nove cadáveres

sobre as laxes do peirao de Vigo o vintecinco de Abril do trinta e sete, oito

con orificio de bala pola sen esquerda, un na dereita.

¿Como foi a crecente da morte na clausura da adega de popa?

Cercados de fascistas con mangueiras de augas a ferver,

e oito

con orificio de entrada pola sen esquerda, Ángel Nogueira pola dereita.

Desde dentro do furacán de augas a ferver,

a vintecinco de Abril, peirao de Vigo, soñadores da liberdade.

CON masa de terror foi fabricada a Historia e nos mesmos cimentos do crime

asentaron casa e familia

ministros                            delegados           curas     alcaldes secretarios                                                     inspectores                        policías burócratas                                        banqueiros                         militares asasinos            asasinos              asasinos

Sobre cincuenta estratos de ósos masacrados, enriba da canle seca por onde baixou o sangue, no alto da escombreira das horas derrubadas,

no cimo dos témpanos do pranto que nunca rematou, foi levantada a casa ignominiosa, paredes de cal negro, onde era xefe a besta

que calculou, alumeada por un cirio no centro dun altar,

a duración da morte inconsolábel, o peso total dos corpos esmagados, a rota definitiva do extravío, o rumbo

infinito da tristura, o beneficio do terror.

Cimentos

para a construción da casa ignominiosa, levantada sobre a lama de cincuenta

estratos de cadáveres. 

FOI a tebra norma exacta durante quince mil días e houbo fillos que aprenderon a negar

a voz da despedida,

e fillos de pais mortos contra os muros de carbón amnésicos traidores queimaron o fardo dos espectros

e déronse a berrar Viva Franco Viva Franco Arriba España.

Pero moitos cultivaron unha rosa secreta, silenciosamente feridos,

orgullosamente firmes na conciencia sen quebra, arrizadamente vivos polo alto dos montes, duramente organizados,

subversivamente acesos de verdade, explosivamente dispostos, soñadoramente esperanzados, sementadores da memoria e da razón na vontade que herdamos

e será testamento inextinguíbel.

Xavier Moreda, porta-voz de Vigo Antifascista dando lectura ó manifesto

A última intervención no acto foi a de Xavier Moreda, porta-voz de Vigo Antifascista, que deu lectura ó manifesto fundacional da organización: “Vigo, Cidade Antifascista:

Este ano, o próximo 20 de Xullo, cúmprese o octoxésimo quinto aniversario do inicio do xenocidio perpetrado polo fascismo. Iniciado na nosa céntrica Porta do Sol polos traidores capitaneados por Carreró. Foron días onde a resistencia organizada, sen apenas armas ou mal armada, tentou defenderse.

Por desgraza imperou o criterio legalista e inxenuo das autoridades: non armar ao pobo traballador. Os falanxistas rapidamente medraron como o que eran: matóns útiles da oligarquía, perfectamente organizados coa axuda inicial da importante comunidade nazi articulada polo Consulado e o “Cable” alemán. Durante a nosa longa noite de pedra o criminal réxime instaurado polo franquismo continuou exercendo máis de 40 anos de xenocidio intermitente. Mais nunca lograron derrotar a resistencia antifascista.

Tentáronno mediante todos os métodos: asasinando ou encarcerando, dando malleiras e cometendo violacións, depurando mestres. Mediante queimas exemplarizantes de libros, rapando para escarnio público as cabezas de centenares de veciños, incautando bens públicos e privados, pretenderon extirpar da memoria das xeracións que naceron despois de 1936, o legado republicano, apagar do imaxinario colectivo as conquistas e avances democráticos, laborais e sociais.

No exilio, mais tamén no interior dos centros de traballo e barrios da nosa cidade, a resistencia mantivo sempre iluminado o facho da liberdade.

De VIGO ANTIFASCISTA con grande orgullo, queremos honrar porque nos honran, ás mulleres e homes que loitaron por un mundo mellor e que nos fan mellores cos seus exemplos, e esta é a grandeza da Memoria Antifascista: o diálogo que establecemos coas nosas auténticas estrelas, cos nosos heroes e heroínas. Queremos e debemos recuperalas publicamente. Demostrar o noso profundo amor por aquelas valerosas mulleres antifascistas como Urania Mella, coa que militaba Lola Vieites Moreda, xove víctima no lexendario Bou Eva.

Honrar Heraclio Botana, dirixente do PSOE e presidente da Casa do Pobo, fusilado en Pereiró; Manolito Soler, humillado e perseguido pola hipócrita homofobia promovida polo réxime. Amante Caride, atleta, operario do naval e presidente do Sindicato Agrario de Cabral, paseado polos escuadróns da morte; os combatentes e ampla rede de “enlaces” do destacamento ‘Paco Barreiro’ do Exército Guerrilleiro da Galiza; Mercedes Nuñez, sobrevivente do holocausto nazi, exiliada durante décadas, e custodia da memoria das vítimas galegas nos campos de exterminio como os vigueses Agustín Cameselle, Manuel Fernández e Ricardo Rodríguez; o Teis rebelde de Moncho Reboiras e Abelardo Collazo; o insurxente setembro da indelébel folga xeral de 1972; o Vigo proletario da mellor estirpe fabril de Santo Domingo, Barreras, Freire, Vulcano, Reyman, Atiscar, Forjas del Miñor, Censa, Álvarez, Citroën; a xuventude comprometida representada polos inesquecíbeis Xosé Humberto Baena Alonso e José Luis Sánchez-Bravo Solla, os  nosos últimos fusilados; o Suso Vaamonde da canción protesta, censurado e perseguido por exercer a liberdade de expresión en 1979. Eles e elas representan millares e millares de anónimos vigueses e viguesas, que non se renderon frente á tiranía, que nunca se resignaron nen aceptaron a ditadura franquista.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.