Restos

Por Montse Fajardo


Chamádeme esixente –coa democracia- pero esta algarabía pola exhumación do ditador lémbrame a un mal estudante que fai festa por sacar un dous en vez do cero de costume.

A permanencia dos restos do Franco no mausoleo construído con traballo predominantemente escravo, era un proído para este estado, unha débeda pendente que non podía seguir sendo adiada. O traslado a Mingorrubio é un paso importante pero queda moito camiño por andar e, de paso, tampouco facía falla facelo con tanto boato. Cómpre lembrar que ese señor que sacaron a ombreiros foi un xenocida responsábel último de centos de miles de asasinatos, condenas de cárcere por cuestións ideolóxicas, exilio, vexacións sexistas, depuracións dun maxisterio que traballaba na construción dunha sociedade máis equitativa e libre… En fin, que oxalá obtivesen as súas vítimas a metade, aínda que fora, do respecto que se lle amosou a el. Porque lembremos, moitas seguen soterradas en gabias, e outras tantas foron sacadas das foxas ás agachadas e metidas en caixas de cartón para seres levadas polas viúvas enriba da cabeza ata unha tumba onde tampouco podían poñerse lápidas, que ata chorar lles estaba prohibido aos rojos.

Esta democracia non ten nada que celebrar. En cuestións de memoria histórica, nin rozamos o aprobado.

O mesmo día en que o ditador era exhumado, unha navieira viguesa, co beneplácito da Xunta de Galicia, anunciaba a celebración dunha festa do Samaín na illa de San Simón, nunha nova burla ás persoas que estiveron alí encerradas e ás súas familias.

Os gastos do traslado a Mingorrubio foron pagados polo Estado, mentres  as nosas foxas agardan para ser abertas cartos de sindicalistas noruegueses ou de familias cuxos bens foron espoliados daquela, para maior luxo da descendencia si respectada.

Mentres o ditador agonizaba na cama, a loita polas liberdades estaba colgada nunha cela da DGS para que Billy el niño a golpeara. E houbo que acudir á Arxentina na procura da xustiza que negaba esa democracia parida con tanta dor.

A ONU reproba a España, unha e outra vez, por incumplir o dereito das vítimas á verdade, á xustiza e á reparación. Mais, como un mal estudante, o goberno  celebra sacar a ombreiros a un ditador, entre vivas, saúdos fascistas, e bandeiras de pus e sangue.

Sacar sacariamos do mausoleo os restos do ditador, mais fican moitos restos do franquismo manchando esta democracia.

Montse Fajardo é xornalista en prensa e radio, e escritora. Publicou Matriarcas, mulleres en pé de vida (2012); Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015); Invisibles (2017); e O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (2018). Portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria, forma parte do programa A memoria das mulleres.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.