
Nas páxinas deste libro habita o mar, pero non só como paisaxe. O mar aparece como destino, como sustento, como ausencia e tamén como esperanza. Ese mar que estaba aí antes que nós, que é parte da nosa historia, e que estará aí despois de nós.
Por Angelo Nero | 2/06/2026
Hai libros que nacen para contar unha historia, e hai outros que, ademais, conseguen gardar a memoria dun pobo. Marusía, de Luis Chapela Bermúdez, pertence a esa segunda categoría: a das obras que respiran salitre, sentimento e a lembranza de un tempo no que o mar non era unha paisaxe, non era un escenario de xogos infantís e competicións deportivas, non era unha atracción turística, senón un escenario, as veces cruel, onde había que adentarse para matar a fame, para fuxir da miseria, para facerse homes ou morrer no intento. O mar era alimento e esperanza. Máis alá da liña do horizonte, o mar era un desafío, máis tamén era promesa de liberdade, cando a terra estaba sumida nunha longa noite de pedra. Neste mar, pescou o noso Luis da Roxa cando aínda era un cativo, mollado ata o calsonsillo, mareado polo fume dos Celtas que fumaban os vellos mariñeiros, pescando fanecas na ardora, para levar catro pesetas á casa, e nese mar embarcou, aínda sendo un rapaz, para cruzar o Atlántico nos mercantes, e descubrir que o mundo non era como aquel Nodo en branco e negro que puñan antes das películas de vaqueiros e onde nós sempre eramos os indios. Nesas interminables mareas, nas que foi curtindo a pel e abrandando o corazón, foron agromando versos nesa cabesiña que non para do noso Chapela. Tantos que non lle chegan os anos para ir publicando poemarios e tamén libros de relatos, que teñen as raíces no mar.
Nas páxinas deste libro habita o mar pero, como dixemos, non só como paisaxe. O mar aparece como destino, como sustento, como ausencia e tamén como esperanza. Ese mar que estaba aí antes que nós, que é parte da nosa historia, e que estará aí despois de nós. A súa presenza acompaña cada verso e cada silencio, do mesmo xeito que acompaña desde sempre a vida das vilas mariñeiras de Galicia. Cando lees un poema de Luis Chapela semella que estas bebendo un trago salgado, e deseguida sentes na gorxa os versos baixando pícaros, para facer unha dixestión de tenrura e de memoria. Porque Marusía non fala unicamente de lugares, de situacións o de persoas concretas; fala dunha maneira de vivir, dunha cultura construída arredor das mareas, da dureza do traballo e da dignidade humilde de quen aprendeu a mirar o horizonte sen deixar de pisar a terra.
Porque o noso Luis da Roxa, ten un pe no mar e outro na terra. Porque é un home do seu tempo e da sua terra, e escribe para os seus, para aqueles que teñen a ollada oceánica, a dos que soñaron co horizonte nos tempos da fame, e para os que o seguen soñando nos tempos da fartura, escribe para os bos e xenerosos, para os que non dan a esquecemento, para os que son quen de ler no ronsel dos barcos e imaxinar camiños na ardora. Luís escribe desde a proximidade e desde a memoria emocional. A súa poesía ten algo de conversa ao pé do peirao, de lembranza compartida nas noites longas, de relato transmitido entre xeracións. Sen artificios innecesarios, consegue que entremos nun universo íntimo e recoñecible, onde cada escena parece conservar o eco dunha vida real.
Ao longo da lectura de Marusía atopamos mapas do tesouro, bicos perdidos, soños afogados, treboadas e calma chicha, resistencia aos ventos, veñan de onde veñan, orgullo mariñeiro, identidade. E atopamos tamén unha defensa activa da esencia dun pobo de seu: da fala e da comunidade, da clase e da memoria colectiva, dese imaxinario que nos interpela sen que sexa preciso berrar. Os versos enredados nesta Marusía, son quen de emocionarnos sen estridencias nin grandes artificios, deixando que nos falen directamente ao corazón.
Nun tempo no que tantas historias pasan con rapidez e se esquecen axiña, Marusía detense a mirar con calma. E nesa calma agroma a literatura auténtica: a que non pretende impresionar, senón permanecer. Nun tempo no que todo ten data de caducidade, de que hai que consumilo todo a presa, Marusía fai escarnio dos reloxes, e anímanos a papar os seus versos con calma, por se atopamos neles algunha espiña.
Cada un de vos, cando abra este libro, abrirá unha xanela cara ó mar. Escoitará os ventos peiteando as olas, un rumor de gaivotas e cormoráns, o rasgar do lapis na libreta dun vello poeta. E, o rematar a última páxina, levaredes nas nasas algo máis que un feixe de poemas, a sensación de ter escoitado a voz salgada do noso mar.
Porque hai libros que se len.
E hai libros, coma Marusía, que tamén se lembran.
Se el primero en comentar