Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde, de Xurxo Martínez e David Rodríguez

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Reorganizando a biblioteca nestes días de certo vagar dei cun exemplar, sepultado entre outros moitos, de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde que lin hai xa varios meses e ao que lle debía unhas palabras. É un libro de carácter atemporal polo que, nestas dinámicas en que as novidades desaparecen a toda présa dos escaparates e dos fondos das librarías, agardo que a este volume non lle ocorra o mesmo que a tantos outros. Non o merece.

Un libro atemporal, dicía, válido e operativo para informarse e gozar coas historias que contén. É probablemente un libro preciso, ou máis preciso aínda en datas coma as actuais, cando as luces parecen querer cegarnos, para divulgar e axudar a convencer da existencia dun patrimonio cultural, literario, histórico e sociolóxico que inflñúe na idiosincrasia dunha cidade que chanta as súas raíces de vello e que cómpre coñecelo e respectalo.

A este labor puxéronse Xurxo Martínez, coa palabra, e David Rodríguez, responsable do corpus de ilustracións, e o resultado non pode ser máis suxestivo. Velaquí, así pois, un repaso iluminador que explora as dimensións dos avances de carácter social que foron xerándose ao longo do tempo e que asentaron, dalgún xeito, as peculiaridades da cidade a través da reconstrución, en corenta achegas, que se fai da biografía de xentes, de espazos ou de acontecementos fundamentalmente protagonizados por xentes anónimas e populares que, en tantos casos, nin mereceron ata agora ningunha consideración nos libros de historia local ou galega. Un Vigo diferente do que hoxe teiman en nos amosar: unha cidade reivindicativa, solidaria, poboada por persoas que tiveron que acaroarse en tantas ocasións á resistencia e que se articula en forma de guía, operativa para ler ou, se se quere, para percorrer a pé eses espazos e coñecer sobre o terreo as historias que se describen. Do Castelo do Penço ao café De Catro a Catro, da folga do 72 aos capítulos centrados na Guerra Civil, do Bou Eva a Chano Piñeiro, de Lugrís ás mulleres de Álvarez, de Gómez Román a Enrique Heraclio Botana, do Colexio Alemán a Olimpia Valencia, da Fundación Penzol ao Padre Seixas, da memoria de Reboiras a María Araújo, entre outros moitos capítulos. Hai moito onde escoller: historias individuais e colectivas para informarse e aprender a través dunha prosa creativa ficcional en que sobresae, ao meu ver, a súa polifonía, o abano plural de perspectivas narrativas e o uso dun rexistro expresivo rico e, en moitas ocasións, afastado á mantenta da rixidez normativa.

Como afirma Manuel Bragado nun sentido e indispensable prólogo desta obra: “Benvida esta guía única e singular da cidade atlántica de ferro e mel, da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea, amante da ansia perdida”.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.