Celso López Pazos, Presidente da Asamblea Republicana de Vigo.
Se unha parella de extraterrestres, é un supoñer, caera de repente aquí e dera unha volta por iso que conforma o que chamamos España, descubriría un sistema político, presuntamente democrático, no que unha familia, unha única familia de apelido Borbón disfruta, sen ningún mérito coñecido a non ser a decisión dun ditador, dunha asignación de máis de 9 millóns de euros anuais para os seus gastos correntes. Comprobaría que esa familia que viaxa e pasa a súas vacacións a costa dos diñeiros de todos e de todas, posúe, para o seu uso e disfrute persoal, de pazos, coches e iates, pazos, iates e coches que non son en realidade deles, senón que son propiedade de todos os cidadáns, aínda que só poden usalos os membros desa familia á que chaman Real.
Abofé que eses extraterrestes, quedarían abraiados tamén ao descubrir que en ese país tan democrático poden meterte no cárcere se insultas ao Rei nunha canción ou debuxas uns cornos nun selo de correos onde apareza a súa faciana.
Porén, se cadra, o que máis lles chamaría a atención, sería comprobar que nesa democracia, unha persoa, o Rei que é o xefe do estado, non está suxeita ao control das leis e pode vivir ao marxe delas. E pode vivir á marxe delas, porque un dos artigo da constitución, por suposto democrática, que regula a vida dese pais, concretamente o 57.1 afirma que “ a figura do rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade” .
Ou sexa, que o xefe do estado, pode roubarlle o bolso a unha anciá ou maltratar a unha empregada domestica, ou gastar 9 millóns de euros en viaxes de pracer, ou recibir millóns e millóns de euros en comisións fraudulentas, ou agachar cartos no estranxeiro e en paraísos fiscais sen declaralos a Facenda, ou recibir diñeiro de monarquías absolutas e teocráticas con total impunidade, digo que pode facer todas estas cousas, non só para o seu beneficio, senón tamén e moi seguramente, non o esquezamos, para beneficio dos seus familiares, do seu fillo e fillas, do seu xenro e nora, dos seus netos e netas.
E iso por qué?, por qué o Rei e xefe de estado pode facer todo iso?, se preguntaran os extraterrestes. Pois porque os xuíces dese país, calificado de democrático, non poden actuar contra o xefe do estado porque a Constitución de 1978 impídello, a mesma Constitución á que hoxe se quere homenaxear como exemplo e modelo de marco democrático ignorando que un autentico marco democrático é aquel que establece, tal como recoñece o artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”. Principio este que flagrantemente incumpre a Constitución de 1978.
Pero o mellor de todo virá cando estes visitantes saiban que cando o Rei e xefe do estado dese país tan democrático morra, iso mesmo que el fixo poderá facelo o seu fillo e os sucesores do seu fillo porque esa prerrogativa está amparada pola Constitución.
A non ser, claro, que a forza consciente do pobo, de todos os pobos que conforman esta formación social histórica que chamamos España, decida impedilo, decida acabar coa Monarquía e cunha Constitución que mantén a un Rei como xefe do estado, un xefe do estado inviolable, inmune e impune diante das leis e que chegou ao cargo por decisión dun ditador.
Esa forza conscente dos pobos, articulada e en loita para acabar coa Monarquía, debería ser quen de dar canle á apertura dun novo proceso constituinte de carácter republicano que recoñeza no seu articulado e entre outras aspectos, o dereito a decidir das nacións sen estado.
Dende a Asemblea Republicana de Vigo que leva décadas loitando pola implantación da Repúblia e traballando humilde pero constantemente por crear conciencia colectiva sobre a necesidade de recuperala para o pobo, cremos que nunca como agora estivo máis perto esa meta e que, precisamente por iso, nunca como agora estivo tamén máis perto a derrota definitiva do franquismo e da ditadura.
Porque, non o dubidemos, derrubar á Monarquía borbónica e instaurar a República, significa non só rachar coa herdanza do ditador que foi quen a restaurou, senón que implica devolverlle a soberanía ao pobo e recuperar á legalidade e lexitimidade que foi roubada en sangue tras a sublevación fascista de xullo de 1936.
Debémosllo non só ao futuro, á historia e á democracia, senón tamén aos homes e mulleres que morreron naquela loita contra o fascismo que durou tres anos, fosen, anarquistas, comunistas, nacionalistas, socialistas, republicanos ou simplesmente cidadáns sen partido ou afiliación que defendían a legalidade dun réxime escollido polo pobo.
E debémosllo tamén a aqueles homes e mulleres que durante a ditadura e a transición foron obxecto da represión e sufriron cárcere e tortura nas comisarias de policía do franquismo e nos cuarteis da Garda Civil.
VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN¡¡ ABAIXO A MONARQUÍA¡¡ VIVA A REPÚBLICA¡¡
Se el primero en comentar