O metal de Pontevedra lánzalle unha mensaxe clara á patronal no quinto día de paro masivo e de protestas multitudinarias

Milleiros de traballadores/as do sector percorreron as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía nunha xornada marcada de novo polas cargas policiais

Por Avantar / CIG

O sector do metal da provincia de Pontevedra non desfalece e rexistrou hoxe o seu quinto día de folga por un convenio colectivo digno, unha xornada marcada de novo por un seguimento masivo do paro e por manifestacións multitudinarias en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. Mais tamén polas cargas policiais en Vigo para impedir o remate da manifestación diante da porta principal de Stellantis, que deixaron unha vez máis ducias de persoas traballadoras feridas.

Dende a CIG insisten en sinalar a responsabilidade da patronal na violencia policial ao instigar actuacións desproporcionadas coas que se pretende boicotear o éxito dunhas xornadas de folga que comezaron o pasado 15 de xuño precisamente pola actitude inmobilista do empresariado, que non dubida en criminalizar a lexítima loita do persoal do sector en demanda dunhas condicións de traballo dignas.

De feito, para a central sindical as recentes declaracións do presidente de ASIME asegurando que o 80% dos empregados/as do metal “queren ir a traballar pero non lles deixan” incapacítano e deslexitímano para negociar, “tendo en conta o seguimento practicamente total que están a rexistrar os paros”.

Esta foi precisamente a tónica xeral durante toda a mañá de hoxe, na que os piquetes informativos que percorreron os principais polígonos e empresas puideron comprobar que se atopaban sen actividade na maioría dos casos.Xa ao mediodía, coincidindo co inicio das manifestacións en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, as rúas das tres localidades ateigáronse de traballadores/as, que novamente desenvolveron protestas pacíficas a pesar do excesivo celo co que se empregaban os axentes da unidade antidisturbios.

Até o punto de que en Vigo volveron a producirse cargas policiais para impedir que a manifestación rematase diante da porta principal da fábrica de Stellantis. En consecuencia, ducias de persoas resultaron feridas, entre elas o propio secretario comarcal, Alberto Gonçalvez.

Dende a central condenan este xeito de proceder e queren deixar moi claro que “non van conseguir amedrentarnos, por moito que a patronal instigue este tipo de actuacións policiais coas súas declaracións intentando criminalizar a loita dos traballadores/as”. Ao mesmo tempo, anuncian que as xornadas de folga previstas para este venres 7 e para os vindeiros días 12 e 13 de xullo continuarán, “porque non imos permitir a chantaxe do empresariado, que di que só se sentará a negociar coa condición de que suspendamos os paros”.

Neste senso sinalan que dende a última xornada de folga, que tivo lugar o pasado 28 de xuño, “tiveron tempo dabondo para retomar as conversas, pero preferiron non facelo e optaron por mentir e insultar a través dos medios de comunicación”. Por iso inciden en que a patronal ten que volver á mesa de negociación sen tratar de impoñer condicións e con vontade de achegar posturas que permitan pechar o conflito coa mellora das condicións laborais do persoal do sector.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.