Loita Amada: “Este foi un disco pensado para facer pogos, para berrar co puño en alto, e para que os directos sexan unha festa de principio ó fin”

Loita Amada. Foto: Candela Lora

Loita Amada volve ás trincheiras cun novo artefacto sonoro, “Rematou o simulacro”, que con Pablo Carracedo, Jasper, ó fronte, ven cunha banda armada de cordas e de ventos, co propósito de facernos berrar e bailar, de reivindicar e de festexar, sempre cantando ¡ata a vitoria final!

Por Angelo Nero | 13/07/2024

Rematou o simulacro” semella toda unha declaración de intencións, de que o proxecto de Loita Amada xa está consolidado, de que ides en serio, ¿entrades nunha nova etapa con este novo traballo?

A verdade é que si, o grupo decidiu coller outro camiño. Fixemos unha primeira xira co primeiro disco, gravado dun xeito moi diferente a como se adoitan facer as cousas, foi un disco en estudio, con músicos de estudio, e despois xuntamos un grupo de músicos para facer esta banda e podela defender en directo. Quedamos moi satisfeitos con como foi toda a xira, pero queríamos ser algo máis, queríamos ser unha banda máis consolidada, máis unida. O mesmo tempo queríamos explorar e tocar o que a min habitualmente me sae mellor, o para o que eu estou predisposto a facer, e queríamos facer un son máis duro, e entón houbo cambios na formación, e nese sentido quixemos darlle unha magnitude maior, co cal fomos a gravar con Kaki Arkarazo, unha persoa coa que xa traballara no pasado, guitarrista e produtor de Negu Gorriak, entre moitísimas bandas, e fomos a Garate, a Euskadi, a gravar durante dez días, un disco feito por todos nós, e que pretendíamos que fora un bo golpe na mesa.

Neste novo comando de Loita Amada xa non está Nébeda Piñeiro, que era unha das caras visibles da banda, máis aínda hai unha formación potente detrás para conservar ós seareiros da primeira etapa, e seguir sumando adeptos á causa, ¿Quen está na trincheira de Loita Amada nesta nova andadura?

Pois nesta nova andadura está Iván Barreiro de guitarrista, Iván Bernárdez de baixista, Xiana Naval de trombonista, María Prado de trompetista, Amos Varela de batería i eu, Pablo Carracedo, Jasper, de guitarra e voz.

Cando semella que os novos proxectos da música galega tiran cara o trad e a electrónica, como Caldo ou Baiuca, vos insistides no rock e no punk, aínda que sempre en clave galega, ¿segue habendo público para o rock, ou vos sentides un pouco como os últimos mohicanos? E, por outra banda, ¿pensades que pode ser compartido o público de Loita Amada co de outras escenas musicais como as citadas?

Si que nos sentimos un pouco mohicanos, claro que si, pero tamén pensamos que é algo que é necesario facer, realmente a moita xente non lle satisfai cara onde esta tirando a música, e especialmente cara onde está tirando a música galega, hai moita xente que xa está cansada da electrónica, e está cansada de que todo tire cara isto, e que aínda que haxa cousas que teñan raíz galega, no fondo estase tirando cara un pop electrónico.

No noso caso temos claro que non é a nosa intención ir cos tempos, ou cunha onda actual, a nós nos gusta este estilo de música, é o que máis nos satisfai, e é o que nos gusta facer, e nos gusta ter un grupo que non vaia cun pendrive coa música gravada a un concerto. Nos gusta levar amplis, e gústanos tocar en directo, e cantar as cancións en directo, non facer playback, e penso que a esta onda electrónica quédalle pouco, porque a está alimentando un grupo de xente moi mediocre, está alimentando un público mediocre, que lle vale calquera cousa, que lle da igual que estea afinado ou desafinado, mentres faga festa. E dentro do público, que é moito máis amplo do que se nos pretende facer ver, a través de poñer na cabeza de cartel dos festivais a este tipo de estilos, hai moita xente que demanda unha música que soe analóxica, que soe con tripas e con corazón, unha música feita con instrumentos. Moita, moita xente demanda isto.

Si que vemos unha fenda xeracional enorme, pero bueno, nós tamén somos xente dunha edade, tamén facemos unha música non para un público determinado, pero si que somos conscientes de que lle gusta máis a xente de trinta para arriba, e ese é o noso público, o público que veu acompañándonos durante toda esta xira, e o público que vamos a atoparnos todo este verán, no que estamos tocando todos os fines de semana. Hai maior espazo do que se pretende ver a través dos medios ou dos grandes festivais, e fora de toda esa propaganda hai moita xente que demanda o que estamos facendo nós, co cal nos sentimos un pouco últimos mohicanos cara a xuventude, cara o resto francamente estamos facendo o que tamén nos piden que fagamos.

E ¿se compartimos público? Penso que si, hai xente que lle gusta o que se está facendo agora, e que lle gusta o que estamos facendo nós, non creo que sexa incompatible, ningún dos estilos, a xente adoita ter un gusto musical amplo, e esa é a norma xeral, hai xente a que non, que non soporta a música electrónica, e xente que non soporta o rock, pero a maioría da xente penso que si, que lle gusta. E tamén penso que, fora do musical, do que poidas escoitar ti na túa casa, ou no carro, unha vez nun festival, as bandas que transmiten, e as bandas que teñen forza, fagan unha cousa electrónica enlatada, ou fagan música en directo, se fan festa, se transmiten, chegan á xente, e nese caso penso que tantos os grupos dese estilo coma nós, ó cumprir esta premisa, gústanlle á xente, entón, si que é compatible.

Rematou o simulacro” está producido, gravado, mesturado e masterizado por Kaki Arkarazo, que produciu discos míticos de Kortatu, Negu Georriak, Banda Bassoti o Amparanoia, ¿como foi traballar con Kaki? ¿que aportou ó son que xa tiña explorado a vosa banda?

Kaki aportou o que queríamos que aportara. Eu chameino moitos meses antes da gravación, dicíndolle que quería que el producira este disco, que tiña que vir a Galiza ós ensaios, porque estabamos facendo un son novo, con respecto ó que viñamos facendo, e queríamos que el lle dera o seu toque.

Paseille as cancións, gustáronlle, nun principio non sabía moi ben como ía facelo, e que toque seu lle ía dar, pero viu ata aquí, estivemos ensaiando todo un fin de semana, mañan, tarde e noite, e fixo moito fincapé na composición dos ventos, a maioría compúxoos el, fixo moito fincapé tamén en que os temas tiveran forza, houbo temas que aceleramos, houbo temas que acortamos partes para facelas máis duras, e tamén no tema de voces… logo, unha vez no estudio, estivo súper implicado, dende o principio ó fin, de que cada tema tivera unha dinámica diferente de son, gravamos con todo tipo de guitarras, de amplis, de pedais, e logo atopar o punto clave, tamén nas colaboracións que viñeron, na trikitixa de Mikel Alcorta, tamén da xente que viu facer coros, especificamente, porque el sabía que lle ían dar esa tonalidade especifica, a implicación foi total e este disco é grazas a el, e o que estamos facendo agora en directo tamén ten gran parte de responsabilidade en que isto sexa como está sendo.

O primeiro adianto do disco, “Unha revolución”, ven acompañado dun vídeo-clip dirixido por Lara Caeiro, e protagonizado por tres mulleres que, dende logo, ben poden encabezar unha revolta, ¿é este tema a faísca que prende o lume da nova acción musical de Loita Amada? E ¿como xurde a idea deste vídeo tan divertido e combativo?

Lara Caeiro é unha directora artística marabillosa, súper intelixente e súper competente, ademais de xoven. Nós tiñamos outra idea para o primeiro vídeo-clip, queríamos que fose da canción “A nosa hora”, pero ela escoitou o disco e chegou coa proposta de que a primeira canción debía ser “Unha revolución”, que ela tiña unha idea, que partiu dela exclusivamente, que era reivindicar o que eu viña a dicir nesa canción, que no fondo do que fala e do tema de “Dysphoria mundi” de Paul B. Preciado, no tema de romper con todos os estereotipos, de esas marxes que provoca o sistema capitalista, que é onde se van cocer as pequenas revolucións que están habendo agora, e especialmente das mulleres e do colectivo LGTBI, e da xente da periferia, como di el no libro, que era o que quería eu transmitir na canción.

Eu expliqueille isto e ela viu con esa idea, de dicir ¿que hai máis radical?,¿ que é o que non se espera da xente maior? Que teña ese tipo de actitudes, eso si que é transgresor e revolucionario, teño de man tres actrices marabillosas que poden darnos moito xogo, esta foi a proposta dela e o deixamos nas súas mans.

E queríamos que os dous vídeo-clips se enlazaran, no sentido de que o primeiro enganchara co segundo, que queríamos que fora “Cadáver sen cabeza”, entón o primeiro vídeo-clips remataba con estas señoras entrando nun concerto noso, e o segundo estaba con estas señoras no concerto, e a verdade é que estas chicas fixéronno marabillosamente ben, unha delas deixounos, desgraciadamente, a compañeira Olga González Vilas, e dende aquí un bico enorme á familia, e as amizades.

Imperio fracasado / reino en decadencia / España en un cadáver sen cabeza”, decides en noutro dos vosos novos temas que ven acompañado tamén dun vídeo-clip onde se pode albiscar a forza do voso directo. ¿É tan importante para Loita Amada a profundidade da mensaxe, como o xeito de dicilo, con esta base musical que axuda a espallar a protesta?

Para nós é importantísimo, e vai ligado. Normalmente adoito ter unhas ideas de cousas que quero transmitir nas cancións, cando estou compoñendo, penso en cousas que me preocupan, que me rondan na cabeza, como actualmente pode ser o tema de Altri, que fixemos unha canción, que era un tema que me preocupaba enormemente e sabía que en algún momento algo disto faría, ó final acabei facendo unha canción específica. Nós queríamos facer tamén unha canción na que rirnos de España, e especialmente dos nacionalistas españois, porque vemos que están cunha forza incrible e totalmente respaldados pola xudicatura e polos poderes represivos do estado, pola policía, a nivel político o que se chama centro e dereita, o que se chama dereita e extrema dereita, e o que se chama esquerda e centro dereita, por dicilo dalgún xeito. A nivel de España preocúpanos moitísimo todo este nacionalismo español rancio, moi noxento, e queríamos facer unha canción ríndonos deles, porque realmente son uns imperialistas fracasados e teñen un reino en decadencia, entón era algo que queríamos comentar, que queríamos cantar de que nunca máis van conquistar outro país, nunca máis vai haber un imperio español, por moito que esta xente de VOX vaia con este discurso, e realmente é un discurso que cala entre xente desesperada, e un discurso que cala tirando do egoísmo, sempre das mentiras e dos fake-news, con que nos invaden, coas paguitas, é unha política de merda feita a través dos medios de comunicación que xa quitaron a careta e son todos de extrema dereita, os grandes medios, e queríamos rirnos deles e cantalo publicamente nos festivais e dai saíu esta canción.

E falando de protesta, tamén a Loita Amada berra, coma unha boa parte do pobo galego, contra a instalación da Celulosa de Altri, en “O seu puñal”, ¿é importante o compromiso do mundo da cultura, da música, na defensa da terra, cando está, como con este tema, tan gravemente ameazada?

Nós somos unha banda comprometida, nós non lle pedimos ó resto de persoas da cultura que sexa comprometidas, pero o que si pedimos e que, por favor, haxa un certo rigor. Moitas veces falase de que nós somos música política, incluso a veces escoito entrevistas de outras bandas nas que critican ós que facemos política, ós que cantamos dun xeito comprometido, de que lle facemos dano á cultura galega, cheguei a ler este tipo de cousas de grupos que actualmente me vai tocar compartir escenario, este verán.

E, realmente, todos facemos música política, e eu quero plantexar unha reflexión, e convidalos a que non estean ó marxe, porque cando estás tocando nun país como o que é Galiza, e tes unha ameaza tan inmensa como é unha macro celulosa que te vai contaminar todo o río Ulla e toda a ría de Arousa, que te vai a esquilmar a auga completamente, nun encoro, que vas ter unha polución no aire que vai afectar a unha comarca enorme, con varios concellos, e ó mesmo tempo vai crear unha demanda tan enorme en consumo de eucalipto, que sexas do lugar de Galiza que sexas, vai haber eucaliptos, e cada vez vai haber máis, co problema que trae engadido de incendios, de secas, de todo tipo, e ti te mantés ó marxe, e cantas “fiesta, fiesta, drogas, drogas, sexo, sexo, culo, culo”, pois te estás posicionando politicamente.

Entón, hai que ter certo rigor, neste sentido, facer un pouco de autocrítica, e eu lle convido a esta xente a que reflexione, ós compañeiros de escena, que reflexionen, e que se posicionen non lado correcto da historia, porque manterse ó marxe nunha situación deste tipo non é unha opción razoable. O mesmo acontece co tema de Palestina, hai moita xente mirando para outro lado, e nós, os músicos, sobretodo se temos medianamente certo nivel de influencia, que o temos, porque nos sigue a xente, e a xente mira para nós, e canta as nosas cancións, e nos ten en alta estima, temos unha ventá aberta para poder denunciar este tipo de cousas. Non posicionarse co tema de Palestina, realmente denota falta de humanidade ou un egoísmo, ou un certo medo, bastante cateto, a que me censuren, a que me cancelen, etc, e realmente o que están demostrando é que non lles importa absolutamente nada do que acontece ó redor, mentres eles sigan tocando e o conselleiro lles siga botando a man no lombo, a min pareceme triste, e dáme pena e dáme rabia, cando logo, inda por riba, se nos cita en determinadas entrevistas, ós grupos comprometidos de que lles facemos dano a cultura galega, como teño escoitado aí atrás. E algo que é desatinado e hai que ter maior compromiso, claro, porque non vivimos sos, nin estamos nunha illa, nin o máis importante son os nosos grupos, nin as nosas familias. Nós non podemos ser libres se a xente non é libre, e nos non podemos vivir nun país de xeito saudable se temos un país completamente contaminado, entón eu os convído a reflexionar, e que se sumen á corrente boa e que pasen ó lado correcto da historia.

Un dos temas máis combativos do disco e “Le Otto Ore”, unha versión ska dunha canción comunista italiana de principios do século pasado, onde a sección de ventos semella o empuxe dun exército proletario ¿é importante ollar a outros tempos, a outras terras, para lembrar que non son tan distintas das que temos que dar aquí e agora?

“Le Otto Ore” é unha canción que atopamos Nébeda e eu, buscando cancións protesta para versionar, cando empezamos a tocar en formato dúo, e a verdade é que a letra é súper cañera, e o que nos sorprende é que é de vixencia actual, en países de Europa que están aumentando a xornada laboral, de oito a nove horas, dez horas incluso, é incrible que vaiamos para atrás, e que isto se cantara no milnovecentos e cento e pico de anos despois segue estando en plena vixencia. Para nós mirar para outras latitudes, e darnos conta de que a nosa loita é a loita en defensa do xénero humano, e da defensa da liberdade e que é unha loita que se está dando en todos os países do mundo pola liberdade do xénero humano, e iso danos folgos, e o mesmo tempo fainos cómplices e nos da unha certa camaradería co resto de pobos e nacións do mundo en defensa da liberdade.

Tamén hai tempos lentos, momentos máis íntimos, como “Perdoei” e “Benditos nós”, e nesta última tendes a colaboración especial de Olaia Maneiro de Tanxugueiras, un tema que rezuma complicidade, ¿tendes pensado que esta colaboración, nun futuro, pode agromar novos temas de Loita Amada?

“Benditos nós” e unha canción que compuxen pensado na relación que teño coa miña compañeira Olaia, e entón e unha canción moi fermosa e quería que ela participara, loxicamente, e ela tamén quixo participar dende o principio, e a verdade é que quedou un tema moi fermoso. Non sabemos se no futuro haberá máis colaboracións deste tipo, xa que temos axendas bastante incompatibles, pero a min encantaríame.

Conquistadores do pan” é case un manifesto, un aturuxo de liberdade onde berrades “sempre resistindo, ata a vitoria final”, pero cun ritmo que non so anima a loitar, senón a bailar, ¿vos pensades tamén, como Emma Goldman que Se non podes bailar, non é a miña revolución?

Nós temos claro que se non podemos bailar non vai ser a nosa revolución. E neste disco tiñamos claro que queríamos facer festa, pensamos que estas ideas que queremos transmitir, estes conceptos, se transmiten mellor se estamos nun ambiente máis lúdico, e se transmiten mellor coa xente bailando e cantando, nós queremos que a xente cante, que baile as nosas cancións, e este foi un disco pensado de principio a fin, para facer pogos, para berrar co puño en alto, e para que nos festivais o concepto de Loita Amada sexa unha festa de principio ó fin.

Para rematar, ¿que concertos tendes programados para este verán?

5 XULLO O Porriño (Festas de Mosende)
13 XULLO Valga (Festa da xuventude)
20 XULLO Festival Aturuxo Bravos-Ourol
27 XULLO Armadiña rock (Combarro)

3 AGOSTO Carqueixa Rock (Laza)
4 AGOSTO Festival de Pardiñas (Guitiriz)
10 AGOSTO Festival 27373 (Begonte)
14 AGOSTO Feito a man COMPOS
17 AGOSTO Festival Irmandiño (Moeche)
31 AGOSTO Festival da Poesía no Condado (Salvaterra do Minho)

14 SET Revenidas (Vilaxoán)

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.