Por Telmo Comesaña / Asociación Viguesa pola memoria histórica do 36
Ramón finou a madrugada do día 17 de outubro do 2014 na súa moradía da rúa Manuel de Castro, en Vigo, rodeado da súa familia.
Home bo e xeneroso, culto e conversador, elegante no vestir e no trato, dialogante e respectuoso coas ideas dos demais, ateo, republicano, (sempre co pin da bandeira republicana na solapa), comunista por herdanza e por convicción, coherente e firme como una rocha nos seus principios.
Ramón foi home de mar e de terra:estudou náutica(maquinista naval), e navegou polos océanos como xefe de maquinas e cando voltou a terra adicouse a familia e aos amigos e,sempre pensando no seu pai asasinado no 1936 polo fascismo franquista. Era tranviario, sindicalista e comunista: estaba nos parámetros das consignas do xeneral Emilio Mola (Serán detenidos todos los directivos de partidos políticos sociedades y sindicatos no afectos al movimiento y se les dará castigos ejemplares a estos individuos. Tenemos que crear un clima de terror y violencia sin que nos tiemble el pulso, eliminando sin escrúpulo ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros. Cualquiera que sea abierta o secretamente defensor del Frente Popular, debe ser fusilado).
Coñecín a Ramón na Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, na que traballamos dende agosto do 2005: os seus consellos e as súas afirmacións cando dubidabamos en algo eran determinantes e balsámicas, por exemplo: temos que loitar, “si loitas podes perder, pero si non loitas xa estás perdido”, ou, “eu nunca crin que o lobo poida ser vexetariano”, cando se refería aos comentarios de xente non fiable co noso sentimento.
O pasamento deste home exemplar, deunos mostras do que xa coñeciamos, pero levadas ata despois da norte. El dicía: ”deitarse só para morrer”, e así foi: ás 20 horas do día 15 de outubro tivemos unha concentración na cruz do Castro, – día de choiva e vento – e, Ramón, nunha cadeira de rodas, estaba alí, xa nas derradeiras horas da súa longa vida levado pola súa familia cumprindo os seus derradeiros e firmes desexos de ver derrubado, o monumento fascista do Castro.
El fixo o testamento vital: austero como el era: caixa de indixente, ningún símbolo relixioso, nin curas nin flores. Dúas bandeiras republicanas: unha para envolvelo seu corpo e outra para cubrir o cadaleito. A esquela publicada no Faro de Vigo do día 18 escribina do seu puño e letra: Ramón Pérez Domínguez / Miembro del Partido Comunista, Izquierda Unida/Amigo de la III República / vocal de la Memoria Histórica del 36. Falleció en el día de ayer, a los 87 años de edad. “Me fui para la nada, harto de estar harto de ver en el mundo tantas injusticias. Viva la III República”.
A familia cumpriu rigorosamente a súa vontade, o que demostra o respecto e o cariño dunha familia exemplar.
Nos anos en que convivimos e participamos en xuntanzas e en actos de memoria falabamos das nosas familias e do devalar das nosas vidas, e Ramón tiña moitas cousas que contar das súas andainas mariñas polos océanos planetarios, e tamén o gozo que tiña cando se enterou que tiña en “camiño” un bisneto, estaba moi preocupado pola netiña que llo traía: Rodrigo era unha ilusión que nos transmitía a cada momento: chegamos a saber as grazas do neno que non quixo ser rei. Disfrutamos moito con el.
A despedida en Pereiró ás cinco da tarde do sábado 18 de outubro, foi dunha solemnidade emocionante: situados no frontal do tanatorio de Emorvisa, estábamos familiares, amigos e coñecidos de Ramón e, publicamente lembramos ao amigo que se nos ía ó crematorio: Moncho, o seu fillo; Ana Aller, presidenta do colectivo de Mos; Celso López presidente da Asemblea Republicana de Vigo; Tere, a súa filla e un sobriño; Telmo Comesaña, presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36; Claudio Rodríguez Fer, Poeta, recitou un poema; Aroa, do Partido Comunista-Esquerda Unida… Rematou acto coa Internacional interpretada por una violinista, neta dunha camarada de Ramón.
Moncho deume unha sorpresa admirábel, coa que non contaba: -a familia, acordamos que a metade das cinzas ímolas votar ao mar –na ponte de Toralla – e a outra metade levádelas vós e soltádelas onde queirades. Nunca agradeceremos tanta xenerosidade. Alí mesmo, entre Monroi, Ana Aller e eu mesmo decidimos deitalas no xardín do monumento de Mos.
O domingo día 19 de outubro acompañamos –Monroi e máis eu – a familia ata o lugar onde Moncho, emocionado polo trascendental momento, coa urna entre as mans bicaba o pequeno sartego, portador das cinzas e, con esforzo pola separación definitiva do seu pai, lanzaba ao mar o que sempre pertenceu ó mar. A outra metade correspondíalle fertilizar a terra da que tamén formou parte. Verdadeiramente emotivo, coa familia presente e a inocencia de Rodrigo enredando por alí alleo a solemnidade do momento. Algún día os país contaranllo e lembrarase de Monchooo… como o seu bisavó dicía que lle chamaba.
O sábado seguinte día 25, ás seis da tarde, xuntámonos en Mos un grupo reducido de amigos e amigas e a familia nun acto íntimo para dar a derradeira despedida aos restos que quedaban de Ramón,e tamén resultou emotivo: Ana e Monroi foron deitando as cinzas enriba da herba, pasando a formar un conxunto MEMORILISTA. Ramón de cando en vez que chegaba de viaxe achegábase a Mos e deitaba caraveis no lugar onde asasinaran ao seu pai, e a outros moitos entre eles, ó pai Antonio Monroi. Agora é el quen repousa xunto con eles.
Ana e Monroi tiveron palabras de agradecemento para a familia, e tres poetas leron poesía da memoria en homenaxe a Ramón e a familia: Carmeliña García, Manolo de Rinlo e Manuel Xio Blanco.
Chegou o tempo / Carmeliña Garcia
Chegou o tempo das verbas silandeiras conxugadas para Ti dende a distancia no núcleo fragmentario do sistema. Chegou si queres… O tempo da memoria. Chegou o dia de analizar contigo o tempo aquel dos bidueiros tolos que arrasaban conciencias migratorias. Chegou si queres… O tempo das eixadas. Chegou o dia de atopar respostas avanzando no camiño da prudencia, ata chegar a Ti, ao pé da árbore.
Ondas do mar de Vigo / Claudio Rodríguez fer
Ondas do mar de Vigo amigo, / que sabedes onde levaron a norte / Antonio Pérez solidario rail / baixo o tranvía da historia viúva / que se chama Lucía e se apelida Domínguez / catenaria das auroras / que deu refuxio ata o fin / aos sen saída / inmolados no circulo letal / da súa casa do Toural de Teis / aínda o seu fillo Ramón indómito / Pérez da resistencia á alba / e solidario Domínguez / da acollida no crepúsculo / insina cada día que se se loita / se pode perder mais que sen loita / xa está todo perdido / saúde e memoria fillo da dignidade / contra todo terror / compañeiro de loita / Ramón de Teis / porque devólveche / a vida aos país / que cha deron e a compárteche con nos
Barricadas / Manolo de Rinlo
Hoxe queremos lembrar/ a eses nosos camaradas,/ que para enfrontar ó Feixismo/ fixeron as barricadas./ Unha foi feita no Seixo/ outra perto dos “Xhoróns”/ e contra elas fusís/ e ata un morteiro ou canón./ Heroes contra das tropas/ dun exercito traidor,/ que a única vitoria/ contra o seu Pobo gañou./ inda non se producirá/ o rancor do Xenocidio/ do Pobo republican/ derrotado, non vencido./ Que non nos veñan falar/ de guerra entre os irmáns,/ pode un Estado loitar contra ítalos e alemán?/ Se acó houbo poucos tiros/ e se aquí non houbo fronte,/ que é o que aquí vivimos, logo?;/ una vinganza indecente,/ e si aínda hoxe os caídos / dan herba nas nosas gabias,/ por qué hogaño as leis/ protexen estas infamias?/ Si todas estas preguntas/ están inda sen contestar,/ a que estamos agardando/ en facernos respectar?/Ós heroes das barricadas,/ de nobre e outo Blasón,/ hai que sacalos das gavias,/ e levalos ó Panteón./ Hai, pois que desenterralos,/ onde están sen rescatar,/ e levalos, como é xusto,/ ó panteón familiar .
Corvos agoreiros a espreita / Manuel Xío Blanco
Chaban as presenzas / delatores máis ruíns / que analfabetos / covardes de solemnidade / que daban a voz / xauría de palleiros / uniformados / ouveaban querendo imitar / o lúpus común / só rabiosos cans / de cinchas correaxes / e pistolas / estouridos na rota / estralos, tiros de graza / valados, muros, cunetas/ tinxidos de sangue / asasinos sanguinolentos / alimentados de pólvora e odio / dieta da norte.
Se el primero en comentar