![]()
Entrevistamos a actriz galega Isabel Risco, a propósito do seu espectáculo ‘As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante’.
Por Angelo Nero | 6/10/2026
A estas alturas do campionato xa estamos un pouco fartos dos superhérois da Marvel, dese exceso de testosterona ó servizo do capital e do patriarcado, onde os malos son sempre os outros, rusos, chineses, feministas, ecoloxistas ou comunistas, calquera que ameace ó “mundo libre”, máis nunha aldea poboada por irredutibles galos (e máis irredutibles galegas), hai unha superheroína destemida que ven combatendo, dende fai unha década, o esmorecemento cultural do noso pobo, dende os escenarios de todo o país. Agora ben de enfundarse outra vez o seu traxe de superheroína, empuñando a fouce e coa estrela vermella na fronte, para presentar o novo espectáculo “As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante”.
Máis, remontémonos á orixe, como fan sempre nas sagas de superhérois, para ir ó berce de Nabiza Girl, seica non viu doutro planeta, pero, como naceu esta personaxe que xa ten unha lexión de seareiros en todo o noso país?Esta personaxe,
Nabiza Girl, nace da terra e do mar, e tamén, e sobre todo, da herdanza de moitísimas mulleres, millentas e millentas, mulleres deste país, que amosaron sempre a súa bravura, e foron construíndo, maila tódolos atrancos e barreiras que lles puxeron por diante, atrancos e barreiras que aparecían e aparecen por diante, que non sabes onde a tes. Pois, a pesar diso foron construíndo este país, facendo que fora moito mellor, facendo moitísimos regos para que nos poidamos camiñar, non so coa cabeza alta, por orgullo delas e por orgullo de pertenza á súa xénese, senón por orgullo de ser quen somos, de ter a cultura que temos. Foron as grandes mantedoras da nosa tradición, da nosa lingua, da nosa música tradicional, da nosa cultura popular, entón meréceno todo. Por iso mesmo, estas mulleres si que son súper heroínas, todas elas. E tamén con compañeiros, ferreiros dun mundo mellor, que tamén colaboraron tamén en todo ise proceso.
Pero xa digo, sobre todo, e antes de nada, esta personaxe nace da terra e do mar, por unha banda hai que enchouparse do mar e por outra banda meter ben as raizames na terra, e tamén da herdanza e do legado tan marabilloso e de valor incalculable que nos foron deixando todas estas mulleres que, a día de hoxe, -e cando falo de legado non falo cunha perspectiva de pasado, senón tamén de presente- aínda hai exemplos de mulleres bravas, poderosas e valentes, que fan agromar no seu interior todo ese poder marabilloso e natural que teñen e que tiveron sempre todas as mulleres.
E digo todas, porque se vou moito cara atrás, podo imaxinar ás mulleres celtas nos castros, na covada ou nesas festas de Lugnasad, onde a idea de amor era moito máis diversa que a que nos quixeron despois impoñer, ou as mulleres que se enfrontaron sempre ó poder establecido, sen ter medo: María Castaña, María Soliño, a mesma María Balteira, tamén podo dicir María Pita, pero como ten tan mal carácter igual si digo algo que non lle gusta… non é unha brincadeira, porque non é ter mal carácter, é ter forza, e valentía e bravura, e afouteza, que se puxo de moda a palabra aí atrás, esa palabra tan bonita e que recolle tan ben esa capacidade.
E hai moitas outras, todas esas mulleres que foron exemplo, emprendedoras, precursoras, evidentemente temos unha alma mater que é Rosalía de Castro que tamén é unha súper heroína. E creo que somos o único país, polo menos de Occidente, que ten como alma mater, como referente de tantísimas cousas, xa non so por dicir que foi a iniciadora da literatura galega contemporánea, a primeira poeta oficial de Europa. Unha muller, iso é único. E de aí ven esa personaxe de Nabiza Girl.
E ademais pola necesidade que eu sentín sempre, e isto por favor que non pareza un fachendeo meu, porque non me sinto capacidata para iso, e que nos tamén temos que ter as nosas referentes na ficción, súper heroes e súper heroínas neste caso. E dixen: Hai que facer algo, aínda que despois non teña transcendencia para que se converta en referente, pero polo menos que está aí. E dixen, hai que facer algo. E todo isto faise coa axuda de moita xente, boa e xenerosa, que axuda a mover a máquina, a arrincar o motor, e que axuda a ir construíndo todo.
![]()
Nabiza Girl foi medrando en todos estes anos, e a súa pegada foise espallando por diferentes disciplinas, no ano 2023, en colaboración co guionista Carlos Ares e co debuxante Manel Cráneo, lanzouse a banda deseñada As aventuras de Nabiza Girl. Operación Breogán (Demo Editorial, 2023). Da subidón verse en papel, como nos cómics da Marvel?
Que se da subidón verse nunha banda deseñada? Por favor… Ademais, xustamente hoxe, fun con Rosana, cun amigo dela e máis o fillo de Rosana, Antón, fumos a unha tenda de cómics. Antón, que ademais é un neno marabilloso, normal coa nai e co pai que ten, é galegofalante, claro, ten unha nai que é de Camariñas, de Santa Mariña, e iso notase, por iso tamén esas mulleres bravas que antes dixen como nomes de moitas que son referentes, pero tamén falo das mulleres anónimas, que ninguén lle pon nome… Agora me ven á cabeza esa muller marabillosa que se comparou sempre, aínda que a min non me gustou nunca a Donald Trump, e digo como se chama esa muller, de onde é? alí na súa horta, que é unha muller traballadora, esa mirada potente, esa presenza, ese carácter espectacular, en realidade é unha súper heroína tamén, e xa lle gustaría a ese moneco de trapo malfeito e noxento. Pero esa muller é anónima, e de súpeto sae do anonimato e convertese na dobre muller galega de Donald Trump. Pois non!
Esa é unha muller a que hai que lle por nome e merece un gran respeto.
E, nada, volvo ó anterior. Fomos alí a unha tenda de cómics en Coruña, e lanzouse ós cómics de Deadpoll, que a min é un referente que non me desagrada, porque é un anti heroe, porque, aparte de que non para de falar, é un pouco fracasado, é todo por casualidade, por accidente, e a verdade é que hai algún personaxe da Marvel que se lle pode quitar proveito, pero pouco.
Como ti ben dicías no texto introdutorio, efectivamente, xa estamos moi fartas de súper heroes e super heroínas que veñen de Estados Unidos, onde os grandes viláns, sobre todo nas grandes producións de Hollywood, son rusos, ou teñen esas tendencias soviético-comunistas, ou feministas… Pois non, os grandes viláns de feito, por desgraza, os temos a día de hoxe en activo, destrozando o planeta, e cometendo xenocidios, atacándonos ós pobos, ás identidades colectivas, que somos as que lle damos diversidade ó mundo, e polo tanto convertémolo nun lugar mellor. Pero non, a súa avaricia, a súa depredación, non ten límites, e eses son os súper viláns dos cómics de toda a vida, que en realidade existen. E ise é o problema.
E xa me estou indo polas polas… porque a idea era a emoción, e o subidón, e o flipar total que supón estar nunha banda deseñada. Sei que non ten moita transcendencia e moita difusión, que non é nada mainstream, pero fíxome moitísima ilusión. E como algo que so de pensalo, non é so que se me poñan os pelos crechos, senón que ademais case se me enchen os ollos de bágoas da emoción, é algo espectacular.
E todo ese proceso que houbo ata conseguir sacar ese cómic adiante, que foi grazas a unha axuda do Concello da Coruña, traballar con Manel Cráneo, que é un gran referente, de feito, a día de hoxe é un dos artífices, dende o ano pasado, de Viñetas do Atlántico, que xa lle direi se fai falta que aparece por alí Nabiza Girl para algo, aínda que sexa para axudar coa produción e axudar a acomodar á xente convidada. E foi tamén unha experiencia marabillosa con Carlos Ares, que estivemos entre os dous co guión, pero participou tamén Manel Cráneo. Era a primeira vez que escribíamos un guión para unha banda deseñada, que non é o mesmo que escribir un guión para un produto audiovisual, nin moito menos para unha peza teatral. Entón, tamén foi moi interesante descubrir ese proceso creativo. Así que subidón todal e absoluto.
A día de hoxe so temos os exemplares que puidemos sacar coa axuda, e non temos máis, que se distribuíron polos centros de ensino de secundaria da Coruña, pero haberá que falar con outro piar fundamental dese proceso que foi Marta Horjales, que é a que tamén me axudou na produción deste último espectáculo de Nabiza Girl, o estraño caso da Cultura Minguante, sen ela tampouco sería posible o cómic, e tampouco sería posible a nosa entrega de Nabiza Girl en teatro, e teño que falar con ela por se sería posible sacar unha nova edición, non comercializar, aínda que vivimos nun mundo capitalista e éche o que hai, pero por un módico prezo, para pagar dereitos e todo ese proceso.
Pero queda aí pendente, que xa se falara, de facer novas aventuras en banda deseñada, como sempre pondo de referencia a xeografía do país e facer como unha especie de diferentes entregas en Corcubión, Coristanco, na Laracha, en Folgoso do Courel ou nas Nogais, por exemplo. Así que subidón absoluto, mi madriña, porque iso levou despois a facer unha animación.
![]()
Do comic a nosa superheroína da salto á animación coa serie Así falamos, así sentimos, tamén con Carlos Ares e Manuel Cráneo, e e Marta Horjales na coordinación dun traballo realizado por Algarabía Animación. ¿Cómo foi a túa participación nesta serie, e con que intención se pon en marcha?
Efectivamente, despois da banda deseñada, chegou a animación, entón o subión é total e absoluto, e fai que case case levantes un pouquiño os pés do chan. Insisto, sempre sen fachenda, é a sensación de que pasada! A animación foi espectacular e tamén foi co mesmo equipo, que tamén é o da nova entrega teatral de Nabiza Girl, o estraño caso da Cultura Minguante, porque tamén Carlos nos axudou co guión, na nova peza non é que Manel colaborara directamente, pero si axudou co cartel porque o deseño das letras son del. O cartel fixo Carlos Babío que é un rapaz paisano meu de Sada, que gravou comigo os capítulos daquela miniserie cutre de dúas entregas, a primeira de dous capítulos e a segunda de cinco capítulos, e tamén está el no equipo.
A maiores uniuse Algarabía Animación, Tomas e Virginia, e iso fixo medrar moito máis todo, e dun xeito tan xeneroso, cunha entrega tan marabillosa, con ese traballo que fan tan espectacular, poque hai que ter en conta que a animación en stop-motion, neste caso con boneca e porquiño de plastilina, e toda a escenografía que teñen, na que, por certo, tamén colaborou Laura, unha rapaza que ten unha traxectoria espectacular no mundo da animación e da banda deseñada, e foi ela, cos deseños de Manel Cráneo, tamén quen construíu toda esa atmósfera de Nabiza Girl. Por fin ten un hórreo, ese amigo inseparable que é unha porquiña, que ademais leva tatuado un trisquel, o seu valado, a súa leira, coa bañeira, cos sacos de fertimón, de Galiza Caníbal, gran nome para un produto agro gandeiro.
A miña participación consistiu en axudar no tema dos guións, ademais a idea era clara: poñer en valor á nosa lingua, que é hiper rica, e ten tantas palabras que, de feito, hai outras linguas que toman de empréstito palabras nosas, vexase o español, que ademais o español ten de todas un pouco, porque é posterior, é como unha lingua franca da península. Poñer iso en valor para a rapazada, para que teña orgullo da súa lingua e para que a fale. Porque ademais, tal e como falamos, a nosa lingua é a que non so nos coloca no mundo, senón que tamén nos axuda a pensar dunha maneira diferente e a facernos existentes.
A pesar de pensar dunha maneira diferente, porque estruturámonos o noso cerebro tal como falamos a nosa lingua, que ten as suas características, cun vocabulario riquísimo, cheo de palabras con moitísima forza, mesmo palabras que son onomatopedicas. Entón a experiencia con Así falamos, así sentimos, foi expectacular, a maiores do traballo de Tomas, Virginia e Laura, os deseños de Manel Cráneo, os guións de Carlos e eu, que a maiores aportei a voz da personaxe.
Son pequenas pílulas, pero non sei se poden axudar a que a nosa lingua medre máis, porque non sofre máis que ataques dunha banda e outra, e non é porque sexa a máis fermosa, porque todas as linguas teñen dereito a existir, senón porque nos temos que defender a nosa, porque é a construción colectiva máis valiosa que temos.
Hai atrás vin a película Kneecap, e son moi fan deles, e acaba dicindo como en cada semana morren non sei cantas linguas, non formes partes desa cifra. A nosa é unha lingua bimilenaria e sobreviviu a todo tipo de embistes e ataques, séculos escuros, tamén son algo escuros estes tempos, pero ímoslle dar a volta e ímolo conseguir, e se fai falta Nabiza Girl afía ben o fouciño e se é preciso con outras ferramentas.
En formato de video, podemos disfrutar a través da rede, unha serie protagonizada por Nabiza Girl, para aqueles que non puidemos vela en directo, nun escenario, ¿como foi a rodaxe desta divertida serie protagoniza pola nosa superheroína?
Xa falei antes da miniserie web, cutre de todo, con moi poucos medios, e durante dous anos consecutivos cunha daquelas axudas que daban despois da pandemia a Normalización Lingüística. A verdade que daba mágoa, que aínda que o produto era cutre de máis, despois nunca se usou moito. Si que teño que dicir que Nós Televisión a usou, e me alegro moitísimo que o fixera. Desde logo as dúas tempadas, aínda dáme a risa, porque é tan pouca cousa que dicir dúas tempadas… esta a dispor de todo o mundo está en youtube e pódeo descargar quen queira.
Na primeira tanta estabamos practicamente Carlos Babio, que agora está na Escola de Imaxe e Son de Someso, e ten preparación académica, fai unhas fotografías espectaculares, fixo tamén cursos de stop-motion, ten feito vídeos promocionais, vamos que ten traballo no mundo do audiovisual e, aparte, e de Sada de toda a vida, e veña, a colaborar coa xente do entorno e que sabes que tes confianza e que van a aportar cousas que son necesarias. Pois nesta tanda eramos el e máis eu, as veces viña unha colega a axudar, Esther. Eran catro capítulos, de feito, tíñase que ver na pandemia, porque Nabiza Girl ia acabar co bicho, e logo tamén quixemos poñer en valor a nosa cultura máis ancestral, e fixemos un capítulo no Campo Rupestre de Campolameiro, que é unha pasada, pola admiración que teño polo petroglifos e tamén por todo o noso patrimonio histórico-artístico, monumentos megalíticos, a época castrexa, todo iso. E despois tamén, seguindo con esa dinámica, e con esa filosofía, chegamos ó Museo da Olería de Buño, porque tamén é algo ancestral, a artesanía, que hai que ter sempre moi presente e revalorizar constantemente. Dicía Walter Gropius: se non hai artesanía non hai arte.
Na segunda tanda xa houbo un pouco máis de equipo, xa entrou Carlos a axudarme cos guións, tamén xa empezaba a falar con Marta, e a maiores tamén houbo un novo personaxe, que é Don Galiza, interpretado por Alberte Bello, que convertese nun acompañente imprescindible de Nabiza Girl, e polo tanto meu, que non podo dicir quen son, non vaia a descubrir a xente quen é Nabiza Girl. Logo colaboraron moitísimas colegas a facer personaxes pequenos, ata a miña sobriña Rosalía e unhas amigas, que facían de grafiteiras, e estivo moi ben ver a implicación da xente, e sempre digo que todo isto é un traballo colectivo, e que a xente está aquí para colaborar, e senón non sería posible. E esta segunda tanda tivo cinco capítulos, con guións algo máis elaborados, aínda que se nos foi a pinza en algún como o da moda que dura vinte minutos, onde, por certo, tamén colaborou Elena Ferro, e outra Laura Ferreiro, que ten un ultramarinos de toda a vida, alí na Gaiteira.
Tamén teño que por de referencia a parte musical, que a banda de cabeceira era unha versión do Coche fantástico, interpretada por Rubén, que e un rapaz de Fontán, Sada, que é un dos grandes gaiteiros de Nova Troula, unha das agrupacións de musica tradicional de Sada. E tamén temos unha versión de Moon River, de dous gaiteiros marabillosos de Cantigas da Terra, un deles o seu director artístico, Luís Bolón, e outro é tamén compañeiro -porque eu estou tamén aí, dirixo o cadro de teatro- que é Alex.
Este é un traballo colaborativo, e moitas veces a xente faiche as cousas e ni tan sequera ás cobra. É marabilloso.
![]()
Agora volves ós escenarios para enfundarte outra vez na pel da superheroína nas “As Aventuras de Nabiza Girl”, que escribes xunto a Carlos Ares e Fran Rei, quen se encarga tamén da dirección da obra. ¿Que imos a atopar neste novo retorno de Nabiza Girl? ¿cal é a amenaza que se torna sobre o noso país que tera que combater sobre o escenario? E seica que virá acompañada, tamén, ¿non, si?
“As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante” ten unha persoa imprescindible neste proceso de construción que é Fran Rei, o meu compañeiro de teatro de fai tempo, que é quen dirixe o espectáculo, e tamén Cultura Activa, da que tamén Fran é socio, coa que levo traballando dende tempo inmemorial, o que me fai sentir parte desa gran familia. Cultura Activa, ademais, distribúe o espectáculo, e Marta Orjales segue tamén traballando con nós na distribución e na xestión dos bolos, porque hai que facer o traballo de produción en cada un deles. Recuperamos equipo, porque penso que é importante, xerar unha familia, porque a familia de sangue, a que che toca, marabilla (a veces non tanto), pero as persoas que van entrando na túa vida tamén forman unha familia ou diferentes familias. Carlos Ares, Fran Rei, Marta Orjales, Alberte Bello, evidentemente, Carlos Babio, que tamén fixo as fotos, Manel Cráneo… e agora, a maiores, incorporamos unha marabilla de persoa, tamén de Sada, e ademais é unha profesional dun nivel espectacular que e Estefanía Gómez, de Nova Galega de Danza, que nos axudou coas pequenas coreografías, que escarallamos cada vez que temos un bolo, e co movemento escénico, e ademais aportou moitísimas cousas para mellorar dentro das nosas limitacións (falo por min), para intentar mellorar todo o espectáculo en xeral. O equipo medrou e iso sempre se agradece.
Ademáis de ver a Isabel Risco en escena, hai toda unha equipa técnica detrás, na coreografía, na iluminación ou na escenografía, ¿quen te acompaña nesta nova aventura teatral?
Neste novo retorno, neste novo episodio de Nabiza Girl sobre as táboas dos teatros, que poden ser calquera espazo, non ten que ser o teatro convencional, aínda que neste caso si é certo que ten unhas medidas a escenografía que condicionan os espazos a onde podemos ir. E aquí non me quero esquecer de dúas persoas moi importantes, e ademais para min un orgullo e unha sorte poder traballar con elas, como son Suso Monteiro, que foi o escenógrafo, que non so captou a filosofía de Nabiza Girl, e a súa estética e en que está inspirada, na nosa tradición e con noso criterio estético, pero tamén cunha das correntes artísticas que máis me gustan a min, que é o pop-art; e Alberto que construíu unha das partes máis importantes da escenografía: o ghalpón.
E neste retorno Nabiza Girl, acompañada de Don Galizo, enfrontase a un estraño caso no que a cultura galega vai minguando. Non vou dicir porque para non facer spoiler. Alberto Bello é Don Galizo, que xa me acompañou nesas dúas tandas da miniserie web, un compañeiro marabilloso. E unha das persoas importantísimas é Beca, Javier Adán Ayude, o noso técnico de son, que tamén fixo o deseño de luces, un compañeiro tamén marabilloso co que levo traballando moito tempo, que empeceu moi novo, e para el non hai problemas, so hai solucións. Cando el non pode, ven Joana, unha rapaza moi espelidiña que aprendeu o oficio moi rapidamente.
E logo temos unha banda sonora, na que eu metín man, porque son moi melómana, pero tamén son moi maniática, gústanme moitos estilos de música, son ecléctica, pero gústame moito o surf, o beat, o garage, o rock & roll, o punk, entón Nabiza Girl ten esa tendencia, pero sen esquecer a nosa música tradicional. Por iso aí hai referentes como Radio Océano, ou bandas como Ultracans que sempre nos deixaron utilizar as súas músicas, sen pedirnos nada a cambio noutros espectáculos, e tamén esta a versión de Moon River á gaita, que gravaron Carlos e Luís á gaita, que xa é unha cousa intrépida de todo, non hai límites para os gaiteiros e as gaiteiras deste país, reivindicando así o patrimonio musical que temos. E brutal. Esta inzado o país de nenos e nenas de cinco anos que tocan a pandeireta, que xa cantan, que bailan, que logo se meten na gaita, como estes rapaces de Unto Vello, que pasan da pandeireta ó acordeón, e dalí o violín, é impresionante…
![]()
Por último cumpre preguntar, para non perder o espectáculo, ¿onde vai poder verse As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante”?
Agora comezamos unha nova xira pola provincia da Coruña, grazas ó apoio da Deputación na área de igualdade e de dereitos civís, e de lingua, que tivo a ben contratarnos porque o noso espectáculo ten ese contigo, e trata de revalorizar a moitas mulleres que foron importantes como Celia Rivas, que foi a primeira muller camioneira de todo o estado; o Angeles Alvariño, que foi a primeira bióloga nun oceanográfico de toda Europa; o Joaquina García García, que inventou o traxe de augas, ela se que era unha deseñadora, ela si que conquistou o mundo; o Manuela Barreira Pico, que foi a primeira muller en abrir unha farmacia, en Ribadeo, en 1901… e pomos de referencia a todas estas mulleres tamén, e moitas que quedan sen falar delas, Angela Ruíz Robles, que inventou o prototipo de libro electrónico. Elas sempre están presentes. Tamén facemos todo o posible por poñer o galego na ciencia, non é que usemos nada científico, pero si que intentamos falar de ferramentas, materiais que se poden utilizar nun laboratorio, ou falar da morfoloxía dunha vaca…
E nada, quen nos queira, alo iremos, e se non collemos, adaptámonos a todolos espazos, porque xa é dabondo que a xente queira compartir con nós esta nova entrega de “As Aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante”.
2 de Outubro Arzúa
18 de Outubro Carballo
7 Novembro Illa de Arousa
23 Novembro Brión
24 de Novembro Zas
28 de Novembro Ponteceso
4 de Decembro Ordes
5 de Decembro Moeche
11 de Decembro Mesía
18 de Decembro Santa Comba
![]()


Se el primero en comentar