¿Indemnizar á familia Franco?

Resultado de imagen de pazo de meiras franco

Pola Iniciativa Galega pola Memoria

A IGM cre que indemnizar aos Franco polo mantemento da ocupación fraudulenta supón perpetuar a anomalía democrática en Meirás e reclama ao Estado que recorra a sentenza

Cre que a única vítima da demora na recuperación do Pazo foi o pobo galego, que conviviu durante corenta anos “coa vergoña do espolio impune» e que agora se vería novamente agraviado polo feito de compensar a quen herdou o roubado

Lamentan que o movemento memorialístico, motor fundamental do cambio na titularidade do Pazo, sexa menosprezado na sentenza e mantido á marxe no proceso de decisión sobre o futuro do inmóbel, malia que non se recuperaría sen a súa loita

Pontevedra, 16 de febreiro de 2021. A Iniciativa Galega pola Memoria quere amosar a súa discrepancia coa sentenza emitida pola sección número 3 da Audiencia Provincial de A Coruña  que recoñece o dereito da familia Franco a percibir unha indemnización polas catro décadas que, xa en democracia, gozou do Pazo de Meirás, e reclama ao goberno estatal que a recorra. Á IGM escápaselle a lóxica de indemnizar a alguén por aproveitarase dun ben que, segundo o mesmo fallo, foi obtido de xeito fraudulento. Que as institucións democráticas tardaran tanto tempo en recuperar o espoliado foi, precisamente, o que converteu o Pazo de Meirás nun símbolo da impunidade franquista. A única vítima desta demora foi o pobo galego que, tras a Transición, conviviu durante corenta anos coa vergoña do espolio impune. Sumar ao adiamento unha indemnización para quen herdou o roubado é, para a IGM, unha clara anomalía democrática, e non pode máis que lamentar profundamente o paso atrás que supón esta decisión para a recuperación da memoria das vítimas do franquismo.

Para a IGM, o máis grave da sentenza non está no desembolso económico senón na nova burla que supón que o tribunal estableza que non houbo “mala fe” na ocupación continuada dun ben obtido durante a ditadura militar mediante o uso do espolio. Que, unha vez máis, se branquee o franquismo e mesmo se poña en dúbida a loita das vítimas e do propio movemento memorialístico ao rexeitarse no texto a memoria oral como proba das irregularidades na ampliación da finca, a pesar de que estas están avaladas, ademais de polo testemuño da veciñanza represaliada, por abundante documentación.

A IGM lembra que o traballo de recuperación da memoria feito polo pobo galego, e nomeadamente polas persoas que nos albores da democracia fundaron a CRMH da Coruña, foi absolutamente imprescindíbel para que o Estado recuperase a propiedade a pesar da  absoluta inacción da administración durante catro décadas. Por iso lamentan o menosprezo,  tamén amosado durante o proceso de decisión sobre o futuro do inmóbel, para o que non se tivo en conta ao movemento memorialístico a pesar do seu papel determinante.

Malia insistir en que o novo xeito de branquear o franquismo é moito máis grave que calquera desembolso económico, a IGM non quere deixar de lembrar que a sentenza basea o dereito da familia do ditador a ser indemnizada, nos gastos de mantemento así como nas obras de rehabilitación levadas a cabo tras o incendio de febreiro de 1978. Porén, e sen entrar a valorar as incógnitas sobre a orixe do lume, a herdeira do ditador xa fora indemnizada coa importante cifra de 13 millóns e medio de pesetas daquel tempo, polo que esta sentenza suporía pagarlle a familia dúas veces polo mesmo incendio. Tampouco parece que sexan moi dignas de compensar as obras de mantemento e conservación dado o estado ruinoso no que se atopa actualmente o Pazo. Sinalar, por último, que o Estado seguiu prestando servizos, e polo tanto derivando recursos públicos a Meirás, cando menos, ata 1990. Ademais, a propiedade foi fonte de ingresos para a familia do ditador, que a explotou e especulou con ela durante décadas.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.