Homenaxe ás vítimas do fascismo en Mondariz

Este exercicio de memoria colectiva que estamos a facer aquí, recentemente en Salvaterra, na Galiza e no estado enteiro, é un exercicio de Memoria Antifascista

Por Condado Antifascista

85 anos van dende que foron vilmente asasinadas nas proximidades deste lugar Domingo Paramos Nuñez, Manuel Pérez Besada, Hipólito Gallego Camarero, Francisco Rodríguez Otero, Manuel Piñeiro Zuñiga e Manuel Rubio Estévez. 85 anos de desmemoria imposta, de esquecemento cómplice da barbarie e tamén do medo, frío e pétreo, dos que non puidemos ou non soubemos darlle o recoñecemento merecido ás persoas que padeceron a violencia do fascismo na súa pel.

A tarefa é tan grande e co paso do tempo, so nos cargamos con mais afaceres. Sobre todo o traballo que hai pendente para iluminar unha loita silenciada e desprezada e que máis que nunca está a agromar na estela do avance feminista. Neste momento non debemos so pensar nas asasinadas, mais tamén as moitas outras vítimas do fascismo da nosa comarca, as encarceradas, as torturadas, as violadas, as perseguidas, as sinaladas… ; as que viviron, e as que morreron sen o desafogo da xustiza, sen nin sequera poder contarnos abertamente os seus padecementos e sentir o noso apoio e cariño.

É por iso estamos hoxe aquí, as fillas, as netas e as bisnetas das que padeceron aquela barbarie para lembrarnos delas e darlles o aloumiño público e colectivo trala morte, que non recibiron durante todos estes anos.

Pero tamén para non esquecer, para aprender da experiencia, e para estar alerta e non voltar caer nos mesmos erros. O regueiro de sangue deixado polos fascistas tería sido evitado ou polo menos minimizado se o lexítimo goberno da República Española non houbese infravalorado os movementos de inspiración fascista que estaban tendo lugar no interior dos acuartelamentos. Tamén o dubidar na entrega das armas a un pobo que as pedía para defender os avances e as grandes conquistas socias conseguidas no período republicano.

O longo da historia levase repetido en numerosas ocasións que cando os poderosos ven perigar os seus privilexios no dubidan en empregar todas as ferramentas na súa man para protexelos. Infunden a precariedade e o medo para manter o pobo sometido, banqueiros que inxectan o xerme das crises económicas para que os ricos sexan mais ricos e as clases traballadores mais pobres, empresas multinacionais que esmagan multitudes e crense donas do sol, do vento, dos rios ou da terra, relixións fundamentalistas que negan as persoas a fin de recluílas no seus dogmas de submisión.

Contra esa violencia exercida polas minorías oligárquicas dos grandes propietarios, evocamos aquí, como a primeiro do século XX o movemento agrarista, no que participaban os hoxe aquí homenaxeados, organizaban-se, loitando pola terra e pola xente que nela vive. Pola desaparición dos foros e contra o caciquismo, movemento popular con forte implantación na nosa bisbarra, exemplo disto é a figura de Ramón Cabanillas, quen foi concelleiro en Mondariz Balneario e do puño do que saíu o Himno de Acción Galega. Himno recollido no segundo posto, so por detrás do Himno galego no repertorio de Agarimos da Terra, o coro tradicional fundado no Balneario de Mondariz ala polo 1916 co apoio do galeguista Enrrique Peinador Lines. Mais tamén é exemplo o paso por Mondariz de Basilio Álvarez, dando un mitin a unha grande multitude fronte a propia igrexa de Mondariz, ou a outros referentes políticos daquel movemento, dos que hai constancias visuais e na memoria dos mais vellos. Igrexa, por certo, na que lamentablemente aínda figuran a día de hoxe os nomes dalgúns dos golpistas que morreran no obxectivo atinxido de derrocar o goberno democrático emanado das urnas.

Traballamos e traballaremos para que a igrexa católica, compañeira, cómplice, e beneficiaria por iso dos privilexios concedidos polos asasinos, borre eses nomes expostos cara a vía pública e cumpra coa lei, que moito tardiamente ven a nos dar ferramentas legais contra todos os que se beneficiaron do golpe e do réxime e continúan impunes e vangloriados.

Polo tanto non parece casual que os asasinos de Domingo Paramos Nuñez, Manuel Pérez Besada, Hipólito Gallego Camarero, Francisco Rodríguez Otero, Manuel Piñeiro Zuñiga e Manuel Rubio Estevez, escolleran Mondariz para deixar os seus corpos sen vida, pois parece mais ben encadrado no seu afán de amedrentar e coa vontade exemplarizante característica daquel golpe de estado, no que como formulaba o General Mola a súa guerra debería rematar co exterminio dos inimigos de España sementando o terror e creando unha impresión de dominación. Eliminando sen escrúpulos a todos aqueles que non pensaran coma eles.

O fascismo é a ferramenta que os poderes económicos empregan para manter baixo control do medo e da represión as clases traballadoras.

Empregando artimañas para xerar odios contra colectivos, odios que serven de caldo de cultivo para o agrome de formacións de esbirros movidos polo medo e o rexeitamento ao diferente, e que están dispostos a todo para protexer os seus amos e apañar algunha das migallas que caen dos seus suculentos petos. E isto ocorre case sempre co beneplácito dos gobernantes submisos, cínicos, que ate son capaces de declararse de esquerdas para enganar ao pobo ,mais que  da súa man pasean, polas mesmas alfombras vermellas, os verdugos das clases populares, gobernantes que mesmo son capaces de ocupar cargos nos consellos de administración das súas empresas, traizoando ao pobo que os escolleu.

Pero, ante iso, estamos nos, ese mesmo pobo, que sinte e padece, mais que se organiza contra a violencia ultraliberal, en posición alerta e con animo de revolta, facéndolle fronte as inxustizas e soñando un mundo mellor.

Este exercicio de memoria colectiva que estamos a facer aquí, recentemente en Salvaterra, na Galiza e no estado enteiro, é un exercicio de Memoria Antifascista. Non debemos esquecer nunca o dito anteriormente: o fascismo foi o recurso das clases dominantes para manter os seus privilexios e para frear a un pobo que colocaba xa os cimentos das súa liberdade.

De nada serve recuperar a memoria e maquillar o acontecido. Os obxectivos principais do xenocidio perpetrado foron persoas destacadas polo seu compromiso militante. Desde as fileiras do anarquismo, do comunismo, do republicanismo liberal ou socialista, desde o agrarismo, e o galeguismo, desde o nacionalismo galego, loitaban pola transformación dunha sociedade inxusta que é a que nos somete o modo de produción e organización capitalistas.

A mal chamada guerra civil foi desigual por territorios e os golpistas non gañaron a guerra, aquí continuamos!

Cando a situación virou insostíbel polas protestas e mobilizacións no interior do estado franquista, combinados co contexto internacional, promoveron unha suposta transición. Con esa operación, co-promovida polo capitalismo alemán e o dos Estados Unidos principalmente, neutralizaron intelixentemente a oposición ao réxime e canalizaron a maioría das protestas populares cara a aceptación dunhas institucións rexidas polos mesmos que promoveron e sostiveran a ditadura. So así podemos comprender boa parte da realidade que padecemos no presente no estado español.

Hoxe aquí os homenaxeados son os represaliados polo réxime fascista do 36, mais mañá tamén poderemos ser os que loitamos polos dereitos dos pobos, en Palestina, no Sáhara, no Kurdistán, na Galiza ou en América Latina, ou as que defendemos unha sanidade pública e de calidade no noso país, ou as que plantamos cara ao espolio dos nosos recursos, ou as que loitamos pola defensa dos nosos montes, ou as que loitamos, si loitamos, pola defensa dos nosos rios, e a fin de contas a todas as que loitamos día a día para construírnos xuntas outra realidade mais xusta.

Mondariz, 3 de outubro de 2021

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.