As malas mulleres, de Marilar Aleixandre

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Imaxina Marilar Aleixandre, nesta novela galardoada co Premio Blanco Amor, vidas e actitudes -resilientes tantas veces- dun pasado que, ata agora, non constituíu un marco temporal que se abordase en ningunha novela contemporánea.

Tal é o dese período que cadra coa data de publicación do fundacional Cantares gallegos e non casualmente pois poemas dese libro, mesmo a presenza rosaliana evocada nalgún faladoiro, percorren algunha pasaxe clave deste libro.

Velaquí un territorio que acolle ficción, naturalmente, mais tamén deseña unha época na que se visibiliza o labor de figuras máis coñecidas como Juan de Vega, Concepción Arenal ou a propia Pepa a Loba, contempladas en momentos claves da súas biografías, e as vidas desas mulleres encarceradas na prisión da Galera coruñesa entre as que salienta unha delas, Sisca, na que se pon o foco tanto para simbolizar a desgraza persoal que sofre inducida polo infortunio e a atmosfera social como para representar con ela un posicionamento ético e vital que, en tantas ocasións, se sostén grazas á memoria e ao amor.

Construída con atinadas doses epistolográficas e alicerzada nunha exemplar e plástica reconstrución de atmosferas, non rexeita asomarse ás polémicas ideolóxicas do tempo a carón, ás veces, de incorporar un diálogo coral con textos literarios galegos da época que entendo como un dos seus grandes valores.

Todo se tece, talvez, desde unha perspectiva panóptica -non é difícil tampouco ver nestas páxinas o gromo dun guión cinematográfico espléndido- tan acaída a unha proposta na que se fala da vida dunha prisión, desas “malas mulleres” en terminoloxía da época, sometidas á incomprensión, aos xustillos sociais aínda hoxe tan presentes, á infamia e ao trato inhumano, ás dificultades da vida cotiá naquel contexto e fóra del.

Reclusas mergulladas nuns muros case infranqueables de silencio e esquecemento onde a sororidade, a aprendizaxe dun oficio e a importancia da lectura -memorables as páxinas nas que Sisca aprende a ler- se converten na forza motriz e na esperanza de tantas vidas. Probablemente unha das novelas máis salientables deste ano.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.