Homenaxe a Antonio Sueiro Cadavide, alcalde republicano de Cerdedo

O 13 de agosto, o Colectivo Capitán Gosende depositará unha ofrenda floral na lauda do alcalde republicano de Cerdedo

Por Calros Solla | 7/08/2026

Lemos na prensa do 31 de xullo que, noventa anos despois do golpe de Estado fascista e cincuenta e un da morte do ditador, a Corporación fusionada de Cerdedo Cotobade aprobara en pleno “unha declaración institucional de recoñecemento e memoria de Antonio Pousada Pérez, último alcalde republicano de Cotobade”. Sen tempo non era.

O colectivo Capitán Gosende apoia calquera mostra de consideración, respecto e gratitude (verdade, xustiza e reparación) dispensada aos valedores da II República e ás vítimas do xenocidio franquista e nada ten que obxectar aos fastos na honra do rexedor republicano cotobadés Antonio Pousada Pérez, ben ao contrario. Porén, semella necesario lembrar que, antes da componenda fusionadora, Cerdedo e Cotobade constituían dous territorios administrativamente independentes e así o eran o 18 de xullo de 1936, cando a dereita golpista atentou contra a legalidade republicana outorgada polas urnas uns meses antes. En conclusión, tanto en Cerdedo coma en Cotobade, a rebelión fascista converteu os seus respectivos alcaldes en vítimas da represión. Xa que a memoria é feble, lembremos tamén que o alcalde republicano de Cerdedo era o egrexio Antonio Sueiro Cadavide, Antonio do Lagharto, quen, polos seus faceres e pareceres, é considerado polo pobo o mellor alcalde do municipio.

Sinatura do alcalde Antonio Sueiro Cadavide.

Lemos na prensa “que o día 13 de agosto haberá unha homenaxe á figura de Antonio Pousada Pérez, descubríndose unha placa conmemorativa na casa onde viviu”. Ben haxa, pero entón, non é de xustiza que o alcalde republicano de Cerdedo sexa merecente dun recoñecemento semellante?

O colectivo Capitán Gosende informa que, co obxectivo de contrarrestar o terríbel desaire institucional e compensar na medida do posíbel o agravio comparativo, na mañá do xoves 13, ás 12 horas, celebrarase no memorial do Campo das Laudas (Meilide-Cerdedo) unha homenaxe a Antonio Sueiro Cadavide, no que se depositará unha ofrenda floral ao pé da lauda do alcalde republicano de Cerdedo, monólito nominativo fincado naquela herbeira hai case unha década: o 13 de agosto de 2017; o xornal Faro de Vigo do día seguinte titulaba: “Cerdedo loita contra o esquecemento”. Para quen teña interese en saber da vida e obra deste ilustre (e esquecido) cerdedés procure a información nas edicións comarcais de Faro de Vigo do 8, 10, 11 e 15 de xaneiro de 2017: “Antonio Sueiro Cadavide, o mellor alcalde de Cerdedo”.

E posto que falamos de “placas conmemorativas”, esixímoslle á autoridade cerdedesa que, no cumprimento da Lei de Memoria Democrática, faga desaparecer os rótulos que nunha rúa da localidade lembran o alcalde franquista e xefe local de Falange Manuel Gutiérrez Torres; suxeríndolle, así mesmo, que non desaproveite a ocasión de substituír o nome dun nefando alcalde franquista polo nome de Antonio Sueiro Cadavide, labrego, canteiro, gaiteiro, emigrante, líder agrarista e alcalde republicano de Cerdedo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.