Florencio Delgado Gurriarán: exilio e lingua

E esa preocupación pola lingua, e pola calidade da lingua galega, supón un eixe que debería aquilatarse como merece na traxectoria deste autor

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Exilio e lingua constitúen, particularmente, dúas das facetas que me suscitan un maior interese no perfil de Florencio Delgado Gurriarán, figura que a Academia decidiu que protagonizase o Día das Letras Galegas no vindeiro ano.

E ambas as dúas fúndense, talvez, nunha aliaxe inmarcescible que cultivou o escritor valdeorrés ao longo de boa parte da súa vida tal e como se confirma tras a publicación da monografía que, en 1999, Isaac Díaz Pardo acolleu na serie “Documentos” de Ediciós do Castro: colección que é un verdadeiro tesouro bibliográfico e grazas á que tantas persoas nos formamos. Refírome ao título Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista a cargo de Ricardo Gurriarán: un traballo excepcional, no que supoño que algún selo editorial reparará, pois neste voluminoso libro, saudado no seu día nestas mesmas páxinas por Xesús Alonso Montero cun artigo de título significativo e elocuente: “Delgado Gurriarán volve do exilio”, condénsase un traballo de investigación minucioso e infrecuente que abriu ángulos descoñecidos na biografía e obra do autor de Córgomo, mesmo nalgúns casos insospeitados grazas á incorporación de numerosos inéditos e dalgún material epistolar rescatado.

E sospeito que a realidade do exilio en México será abordada con profundidade ao longo de 2022 pois, alén de que xa constituíu un foco de interese cando se abordaron análises e estudos de figuras como Lorenzo Varela, Elixio Rodríguez, Luís Soto ou Carlos Velo e máis alá das investigacións realizadas arredor das revistas Saudade ou Vieiros, foi neste ámbito onde salienta o labor desenvolto por Delgado Gurriarán na defensa das liberdades democráticas de Galicia como ben amosa, por exemplo, o Cancioneiro da loita galega (1943), do que de certo se falará por extenso. É o seu labor no exilio un lugar común que agroma aquí e acolá nos epistolarios éditos e inéditos por volta da súa figura. Nunha modesta incursión realizada nos fondos do arquivo Fernández del Riego exhumei unha carta de Delgado Gurriarán, remitida a Del Riego  e datada en Nadal de 1959, onde a preocupación e o seguimento da cultura galega era unha constante e na que, ao mesmo tempo, reflexionaba sobre a revista Vieiros: un proxecto que entendía como <<indispensábele para que renda froitos proveitosos e non sexa “llamarada de petate” (algo asín como lume de pallas) como decimos en México>>.

E esa preocupación pola lingua, e pola calidade da lingua galega, supón un eixe que debería aquilatarse como merece na traxectoria deste autor. Revisar a súa obra literaria publicada evidencia a relevancia que sempre outorgou a este aspecto como testemuñan, por exemplo, os apuntamentos lingüísticos inéditos referidos a Valdeorras  e recollidos nun apéndice da devandita monografía baixo o título de “Vocabulario valdeorrés. Palabras, ditos e falas da xente valdeorresa”. Aínda máis: en O Soño do Guieiro (1985), como Patricia Calviño e Sechu Sende se encargaron de salientar, existe toda unha lección de socio-lingüística galega que, teño para min, resulta de extraordinaria utilidade didáctica para aplicar en ámbitos docentes, e non só, neste vindeiro 2022.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.