Chámanlle reconciliación pero é impunidade. España é un paraíso para a impunidade das graves violacións de Dereitos Humanos. Por iso, as vítimas do franquismo teñen que ir a Arxentina na procura de Xustiza.
Polo Encontro Estatal de Colectivos da Memoria Histórica e de Vítimas do Franquismo
Cúmprense 73 anos da aprobación da Declaración Universal de Dereitos Humanos. Un fito histórico, un dos grandes avances da humanidade que engrandece ao ser humano e que debe ser motivo de celebración en calquera recuncho do planeta comprometido coa democracia, a xustiza e o benestar xeral.
Pero, infelizmente, hai moitos lugares do mundo onde non hai nada que celebrar xa que neles a carta dos Dereitos Humanos é papel mollado.
Un deses lugares é España, no que atinxe ao colectivo de Vítimas do Franquismo. Para as vítimas da ditadura, a Carta dos Dereitos Humanos non existe, porque non se aplica. O principal culpable diso foi o Estado Español, co Parlamento e o Goberno á cabeza, e seguido polo Poder Xudicial, coa inestimable colaboración dos grandes medios de comunicación.
Por parte do Estado, faise referencia á modélica transición, á reconciliación e ao perdón entre españois, coma se fose posible a transición á democracia, ao perdón e á reconciliación, aplicando unha política de equidistancia, esquecemento e amnesia colectiva sobre as graves violacións dos dereitos humanos cometidas polo franquismo durante a súa andaina dende o golpe de estado do 36.
O franquismo foi un crime en si mesmo. Dan fe disto, centos de miles de asasinados, de presos políticos, de deportados, de desaparecidos, de escravizados, de torturados, ou depurados. O franquismo, dende o principiar da súa existencia, dende o día un ata a chegada da democracia, planificou e executou unha política sistemática de exterminio e eliminación do inimigo político e de control social totalitario sobre o conxunto da sociedade española.
Tras 43 anos de democracia, no 73 cabodano da aprobación da Declaración Universal de Dereitos Humanos, nin un só criminal franquista foi investigado e moito menos xulgado polos seus crimes. Nin un só.
Chámanlle reconciliación pero é impunidade. España é un paraíso para a impunidade das graves violacións de Dereitos Humanos. Por iso, as vítimas do franquismo teñen que ir a Arxentina na procura de Xustiza. Só así foi posible conseguir recentemente que o ex-ministro Rodolfo Martín Villa poida ser procesado pola xuíza María Servini por 4 asasinatos no marco de delitos contra a humanidade a través da querela arxentina.
No momento actual estase a debater no Parlamento Español o proxecto de Lei de Memoria Democrática. Dende o Encontro Estatal de Colectivos de Memoria Histórica e Vítimas do franquismo valoramos positivamente as importantes melloras lexislativas que supón polo que atinxe á Lei de Memoria Histórica de 2007, especialmente a respecto das políticas de verdade e reparación. Pero esas melloras son insuficientes, fundamentalmente no que se refire á Xustiza. O actual proxecto de lei de memoria democrática non aborda, con garantías xurídicas suficientes para a súa superación, o denominado modelo español de impunidade.
Moito nos tememos que a impunidade seguirá a ser a norma tras a aprobación do actual proxecto de lei; sobre todo, se non se mellora o seu articulado polo que atinxe á investigación e persecución xudicial dos crimes do franquismo.
A enmenda conxunta presentada polo PSOE e Unidas Podemos con relación á Lei de Amnistía que di, “Todas as leis do Estado español, incluída a Lei 46/1977 de 15 de outubro, de Amnistía, se interpretarán e aplicarán de conformidade co Dereito internacional convencional e consuetudinario e, en particular, co Dereito Internacional Humanitario, segundo o cal os crimes de guerra, de lesa humanidade, xenocidio e tortura teñen a consideración de imprescritibles e non amnistiables”, cremos que caerá en saco roto. Pasará a pelota á xustiza española, e xa sabemos o que dixo esta de xeito unánime, co Tribunal Supremo á cabeza, que considera que os crimes do franquismo non son crimes contra a humanidade, están prescritos, e a maiores, están amnistiados.
Ese artigo que está redactado para non tocar a Lei de Amnistía do 77, dará para un longo debate xurídico e para numerosas resolucións xudiciais, pero non resolverá o problema da xustiza para as vítimas do franquismo.
Estamos diante da derradeira oportunidade. Non haberá outra para os loitadores e loitadoras antifranquistas e vítimas da ditadura que continúan entre nós. Será, pois a derradeira posibilidade para que a acción da xustiza caia sobre os criminais franquistas aínda vivos. Lexislativamente falando, non haberá outra oportunidade de poñer fin á longa noite de pedra do franquismo. Sen Xustiza non haberá Democracia.
Nas mans dos parlamentarios españois está poñer fin á situación de inxustiza na que se atopan as vítimas do franquismo.
Só hai dúas opcións. Ou continúan o camiño da impunidade que sinalou a actual Lei de Memoria Histórica, é dicir, ou póñense ao carón dos criminais franquistas e da súa impunidade, ou lexislan unha lei que garanta a verdade, a xustiza e a reparación a todas as vítimas do franquismo e que, ao tempo, poña fin á impunidade e sexa quen de sentar no banquiño dos acusados aos criminais franquistas aínda vivos.
Si o que se pretende é poñer as bases legais do fin á impunidade, no Encontro Estatal de Colectivos de Memoria Histórica e de Vítimas do franquismo, cremos que e os alicerces básicos que debe conter a futura lei de memoria son os seguintes:
1.- Condena do Franquismo, nos termos declarados nas Resolucións das Nacións Unidas adoptadas pola Asemblea Xeral da ONU o 9 de febreiro e o 12 de decembro de 1946
2.- Recoñecemento xurídico de todas as vítimas do franquismo.
3.- Declaración de Nulidade da Lei de Amnistía de 1977 (ou, polo menos, dos apartados e e f do artigo 2) e que deixe de ser utilizada como lei de punto final.
4.- Recoñecemento dos crimes do franquismo como crimes de lesa humanidade sen que resulte de aplicación o límite temporal do 2004 establecido polo Tribunal Supremo. O Estado español debe ratificar a “Convención sobre a imprescriptibilidade dos crimes de guerra e dos crimes de lesa humanidade” de 1968.
5.- Garantía dunha tutela xudicial efectiva en todos os procesos de exhumación co fin de establecer a Verdade Xurídica, así como para impartir xustiza.
6.- Promover a modificación da Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro do Código Penal, incorporando ao noso dereito interno o principio de legalidade internacional e o cumprimento da lexislación internacional en materia de Dereitos Humanos.
7.-Os Tribunais e Consellos de Guerra franquistas deben ser considerados ilegais e as súas sentenzas, así como toda a lexislación represiva do franquismo, deben ser declaradas nulas de pleno dereito.
8.- Recoñecemento da responsabilidade patrimonial e civil do Estado, de institucións, organizacións, entidades e particulares que se beneficiaron do espolio franquista e dos traballos forzados.
9.- O período que abrangue a lei debe chegar ata 1983, agás nos nos casos de bebés roubados que debe chegar ata 1999.
10.- Apertura de todos os arquivos e facilidade para acceder á información da guerra, a posguerra e todo o período da ditadura e a transición.
11.- Dotación presupuestaria e desenvolvemento lexislativo de todo o e propón a lei.
Dende o Encontro Estatal de Colectivos de Memoria Histórica e de Vítimas do franquismo, cremos que unha lei que poña fin á impunidade do franquismo non só garante xustiza para as vítimas da ditadura, senón que é a mellor ferramenta legal que podemos ter para combater ao fascismo e á extrema dereita na actualidade. Por iso, facemos un chamamento a todas as persoas e entidades comprometidas coa democracia e os dereitos humanos a que apoien as reivindicacións dos colectivos de memoria e se sumen ás nosas mobilizacións por unha lei de memoria que poña fin dunha vez por todas á impunidade do franquismo.
¡Verdade, Xustiza e Reparación!
!XA ABONDA de impunidade do franquismo!
Se el primero en comentar