Entrevista a Carlos Babío: «O proceso de Meirás é a primeira vez que o movemento memorialista consigue sentar ó franquismo no banco dos acusados»

Por Angelo Nero

Lendo o extenso estudo “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, decatámonos que as Torres de Meirás son so a punta do iceberg, e que agocha toda unha historia de espolio e impunidade, que comezou nos primeiros momentos da ditadura e que, lamentablemente, alongase ata os nosos días, coa familia Franco litigando para conservar esa herdanza ilícita. ¿Cómo comezas ti a pescudar no tema de Meirás, e esta investigación foi parella coa loita popular para a recuperación do Pazo?

O que ten que ver coa investigación empeza nunha historia familiar da que menos sei. Hoxe falabamos pola mañán de Memoria e víamos como arredor da Memoria hai medos e silencios, e a miña familia non é allea a iso, hai moito medo e moito silencio. E, de feito, a nós non nos contan nada, pero sabíamos que había unha historia de moitísima dor, arredor dese entrega e ampliación do Pazo de Meirás. E iso, digamos, é o que fai que eu arranque coa investigación sobre o Pazo de Meirás, pero moi cedo, e isto fai moitos anos que comecei, descubro que para saber o que lle pasa a miña avoa, e o proceso que se da na súa historia, hai que saber que ocorre no recinto principal, que é o que pasa nese mal chamado agasallo, que se produce no ano 1938. De feito, e que non había nada naquel momento, incluso estaban mal as datas que se atribuían ó proceso de agasallos, poñían que era no 1936-1937, cando, realmente, foi dende marzo ata finais do 38. E esa é a espoleta.

Despois, cando descobres e vas avanzando, en relación con ese espolio, un pouco como comentabas ti, ves que o Pazo de Meirás representa, é un edificio que a través do seu estudo e da súa historia na etapa franquista, ves que podes estudar o significado do réxime e o funcionamento do propio réxime. O Pazo de Meirás exemplifica, como ningún outro elemento do franquismo, que é o que representa o franquismo, en que medida o franquismo é corrupto, e como funciona ese tráfico de favores entre elites, que viñan de suplantar as elites económicas da República, e ves que para que funcione o franquismo ten que ser corrupto. Se non hai corrupción, o franquismo cae. O Pazo de Meirás, exemplifica, mellor que ningún outro elemento do franquismo esa circunstancia. Despois podemos poñer algún exemplo.

Aparte da recollida de numerosas testemuñas, para elaborar o estudo que escribiches co historiador Manuel Pérez Lorenzo, tiveches que facer unha titánica tarefa de  documentación, ¿puxéronte moitos atrancos nos arquivos dos concellos, ou de outros organismos para que puideras completar a investigación?

Se a xente puidese acceder ó xuízo do Pazo de Meirás, vería que Manuel Pérez Lorenzo máis eu, declaramos como peritos e testigos do estado case sete horas, e nesas seis horas e media longas que declaramos, unha hora ou algo máis dunha hora, dedicámola a explicar porque agora e non fai vinte ou trinta anos, cando empezou a reclamación do Pazo de Meirás: porque non era posible e agora si. E nesa aproximadamente unha hora de explicación á xuíza de porque tardamos tanto, estamos explicando á xuíza como funciona no estado español o sistema de arquivos, que é bastante caótico, en termos xerais, sería moi inxusto dicir que todos, porque hai casuísticas para tódolos gustos, pero, en termos xerais, os arquivos públicos españois teñen o apelido de públicos pero non no sentido do acceso, porque, en termos xerais, é moi complexo o acceso. Por diferentes circunstancias, por unha lexislación absurda, arredor do mundo do arquivo, e porque, ademais, sobre o franquismo hai unha represión especifica á hora da investigación, no estado español non gusta, non quere que se investigue sobre o franquismo, e non se poñen documentos a disposición.

E logo tamén ten que ver cos medios que teñen os arquivos. Moitos dos documentos que hai no libro de Meirás, que demostran o espolio franquista en múltiples vertentes, están a disposición do público dende hai moi pouco tempo, e iso ten que ver tamén coa capacidade dos arquivos para por a disposición fondos que teñen almacenados nos seus arquivos, que non están a disposición porque non os teñen clasificados, ou porque non teñen persoal suficiente, ou porque non hai intención de por iso a disposición. Nos sabemos que sobre Meirás hai documentación, fundamentalmente da Casa Militar, que tiñan dependencias propias no Pazo e que xerou moitísima documentación. E o digo por por un exemplo, que non está a disposición, pero sabemos que existe, e ademais sabemos onde está.

Aínda que a loita pola devolución do Pazo non é de agora, ultimamente semella que esta colleu un novo pulo, co apoio das corporacións locais e tamén da Deputación de A Coruña, e ata se pronunciou a favor o Parlamente Galego, ¿en que se traduciu ese apoio e con que outros aliados se contou para levar adiante a nova campaña de Meirás?

A campaña de Meirás iniciase tras a morte de Franco, practicamente. As primeiras manifestacións públicas de reclamación da devolución son do ano 1976-1977. A reclamación se produce en maior medida, cando hai algún elemento onde os Franco intentan dan un pelotazo en Meirás, e o Pazo pasa a primeira liña informativa, por exemplo, no ano 82 cando se pretende adquirir polas administracións públicas para montar dependencias da Xunta de Galicia, naquel momento, incipiente. E hai unha manifestación da Federación de Veciños de A Coruña, contra esa compra e onde se demanda a devolución do Pazo de Meirás, e onde se fala que iso foi un espolio. Iso está na memoria colectiva. E a reclamación sempre estivo presente.

Despois, cando a Memoria comeza a organizarse, a partir do novo milenio, na Coruña está fundación da CRMH que vai ter como eixo principal de reclamación, aínda que non so ese, a devolución do Pazo de Meirás, e vai convocar manifestacións no 2005, no 2007… esta que temos o 19 de xuño é a sexta mobilización arredor de Meirás. E vai estar presente, e cada ano vai adquirir novos actores. O feito que tamén se acompañara o traballo de investigación, que da os seus froitos dese libro que acabas de comentar, e onde participa moitísima xente que relato a todos eses baleiros documentais que se producen. E hai un momento que non so temos unha reclamación social detrás, que da corpo e vida a esa reclamación, senón que, ademais, podemos demostralo documentalmente.

E aí e cando hai un salto dende a rúa, dende a reclamación social, ás institucións. E a primeira institución que vai a coller a chama da reivindicación vai ser o Concello de Sada coa declaración BIC, que foi un argumento fundamental. Pero sobre a reclamación, dotándonos dunha estratexia de devolución xurídica e histórica, vai ser a Deputación Provincial de A Coruña, que vai crear a Xunta Pro Devolución, a vai a presidir Goretti Sanmartín, e vai a encargar un informe xurídico, que vai dirixir Xabier Ferreira, da Universidade de Compostela;  un informe histórico, que vai estar baseado naquel momento no borrador  do libro  “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, e que vai a dirixir Emilio Gandío, que vai a contar con Hispona, con membros como Manuel Pérez Lorenzo, que é historiador, e que fixo comigo o libro de Meirás.

A partir de aí virán a lexión de todas as administracións, crea unha, practicamente, unanimidade social en Galiza, e da o salto a Madrid, e alí chega un momento que xa non poden frear esa situación, e toman o tema en serio e plantexan a demanda. Pero todo nace da reivindicación social arredor través da Memoria. Sen mobilización social non habería absolutamente nada.

Parello a todo isto foi a loita xudicial, que tivo varias vertentes, por un lado a sentencia histórica que recoñece a titularidade pública do Pazo de Meirás, máis tamén o recurso da familia Franco na Audiencia Provincial, que establece unha indemnización para os seus descendentes, mentres isto segue sendo negado para as súas vítimas. A isto hai que engadirlle o xuízo contra ti, denunciado polos Franco por inxurias e calumnias. ¿Que lectura fas destes enredos xudiciais, con resultados tan dispares que amosan, cando menos, unha resistencia por parte da xustiza española para recoñecer o espolio que o ditador fixo?

O proceso de Meirás é a primeira vez que o movemento memorialista, a Memoria Histórica deste país, consigue sentar ó franquismo no banco dos acusados. E digo isto porque nesas xornadas histórica de A Coruña pasaron historiadores, pasamos Manuel e máis eu, que comentamos todo o proceso do ano 1938, 39, 40, 41, e é a primeira vez que se ten en conta a contextualización correcta dese proceso. Quero dicir, non se mira con ollos de 2021, feitos do 38, senón que se miran cos ollos dun levantamento militar, e nun contexto determinado, e isto é a primeira vez que se fai no estado español. Non se deu nunca. E de aí a sentenza. Porque a sentenza é correcta, a primeira sentenza que temos no Tribunal de Primeira Instancia, porque se lees as 400 paxinas da sentenza, baseándose no libro “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio” vai contextualizando correctamente todos os procesos que se dan, e chega a conclusións correctas, en base a que contextualiza o feito como un levantamento militar, e o réxime de Franco como o que é, produto dun levantamento fascista.

Claro, iso coñecendo a maneira de funcionar dos Franco, acostumados a ter determinada impunidade, determinados privilexios, en tódolos ámbitos da sociedade, xa víamos que non podía quedar así. E os Franco foron con toda a artillería, buscando as dúas cousas que buscan sempre: diñeiro e o relato do branqueamento do réxime franquista. E nesa artillería está tamén amedrentar a todas aquelas persoas que cuestionan o relato oficial do estado español, e dicir: o relato franquista.

E nestes días sobre Meirás, e con todo o que ten que ver co franquismo, chega un relato construído pola propaganda franquista. E a ditadura franquista, como todas as ditaduras fascistas, crean propaganda, e crean relato a través da propaganda, pero a propaganda é propaganda, non é a verdade. E cando ti intentas pescudar sobre a verdade, é cando os Franco actúan contra ti. E como o armazón do estado español é o mundo do revés, o sexa, que as vítimas teñen que demostrar que son vítimas, e o franquismo ten presunción de veracidade, se complica a cousa. Pero houbo xente que decidimos coller ese facho e levalo para adiante contando a verdade, e iso é o que non consenten os Franco. E sabemos que o bombardeo de demandas contra min, e o bombardeo de recursos contra Meirás está relacionado con iso. Por iso é tan importante Meirás, e por iso é tan importante que as administracións públicas tomen conciencia que defender Meirás non é soamente defender un patrimonio público, senón que é defender a ruptura contra a impunidade, que é o que representa Meirás.

Semella tamén que hai certa inanición no tema por parte do Estado e da Xunta, que se viron forzados a recorrer a sentencia da Audiencia Provincial so despois dunha forte campaña dos colectivos memorialistas, agrupados na IGM, a través dun manifesto. ¿A estratexia das administracións e quedarse quietas e mudas, como se a cousa non fora con eles, e deixalo en mans da xudicatura?

Como che comentaba ó principio, as accións que se dan nas administracións é produto da mobilización social, e da loita social. Na medida que esa loita social consigue unanimidade no conxunto das asociacións, incluso partidos políticos, forzadas pola propia sociedade, e polo movemento memorialista, fai que se presente esa demanda, e esa demanda, como comentabamos agora, fai a reacción do franquismo e unha loita encarnizada, que as administracións públicas non o asumen, i é o movemento memorialista, outra vez, quen ten que saír á rúa, para reclamar, primeiramente, que se recorra unha sentenza, que en determinados elementos da sentenza son asumibles para un estado democrático, lembraremos que inicialmente son todas menos os concellos as que din que non van recorrer a sentenza, pero cando comezamos a campaña xa se van sumando novas administracións. E, o final, o último día do prazo, conseguimos que todas as administracións, nada menos que cinco administracións: concello de Sada, concello de A Coruña, Deputación de A Coruña, Administración Xeral do Estado e Xunta de Galiza, acaben presentando todas recurso, ademais da de Sada, que xa desde o primeiro día anunciara.

Agora estamos nunha circunstancia aínda máis complexa, dende o punto de vista do finanzamento da impunidade, que ten que ver cos bens mobles, ca interpretación da execución da sentenza, que os Franco están limando para sacar todo o que poidan de Meirás. E nos entendemos que a administración, tanto do estado como a autonómica, non están a defender os intereses da democracia, que é, ó final, o que está detrás de todo isto.

E, alén disto esta o novo movemento da Xunta, en resaltar a figura de Emilia Pardo Bazán, antiga propietaria do Pazo, para evitar que este se converta nun espazo de Memoria Antifascista. ¿Cómo interpretas este novo movemento por parte do goberno galego para apropiarse do relato de Meirás, coa axuda, sospeito, de moitos medios de comunicación ben subvencionados pola Xunta, e incluso da propia Real Academia Galega?

Eu xa teño dito en algunha ocasión, eu declárome inxenuo, porque cando estamos na reclamación da devolución do Pazo de Meirás, nos chamabámoslle a aquilo a “Batalla de Meirás”, e dentro do movemento memorialista diciamos que era a batalla da democracia que tiñamos que gañar. E despois da sentenza do Tribunal de Primeira Instancia da Coruña, que nos daba a razón, quedamos todos absolutamente sorprendidos de ver como algunha xente que estivera desaparecida 45 anos, aparece socialmente para dar unha batalla, neste caso parasitada do movemento memorialista, para intentar apropiarse dos usos do Pazo de Meirás, que nos entendiamos como moi evidentes que tiñan que ser memorialistas, porque foi o movemento memorialista quen protagonizou esa loita, e vemos como hai entidades, e como hai un partido político que intenta parasitar esa loita, intentar a través dunha figura literaria, e utilizar determinados discursos que permitan tapar a loita da memoria democrática e as vítimas do franquismo. Algo absolutamente indecente, porque ademais o relato que intentan meter en Meirás, dicindo aquilo de se queres máis a mamá ou a papá, metemos a Memoria ou metemos a Emilia Pardo Bazán, que ademais é unha señora, moi boa escritora pero moi pouco demócrata. E ninguén cuestiona a calidade literaria e os homenaxes que poida ter esa señora, pero non en Meirás, alí ten que estar Pardo Bazán na medida que foi promotora da construción do edificio e influíu no seu deseño, e hai que explicar dende esa perspectiva, pero non dende outros elementos políticos, que solo meten ideoloxía política en Meirás cun obxectivo: volver a tapar ás vítimas, co cal é volver as esquecer novamente, polas administracións públicas, e tentar meter un discurso contraditorio coa loita da propia memoria da vítimas, e iso hai que explicalo acaidamente e dicir que aquí ninguén está en contra de Emilia Pardo Bazán. De feito, o movemento memorialista está a defender en solitario, e isto vai para os que dan golpes no peito co legado de Pardo Bazán, nós agora no proceso xudicial que determina os elementos vinculados a Emilia Pardo Bazán como o retablo da capela, a mesa onde escribía as súas obras, o seu diario, e que pode saír debaixo do brazo dos Franco, iso ninguén o reclama, nada máis que o movemento memorialista. Polo tanto hai moita hipocrisía, tamén e Emilia Pardo Bazán e das reclamacións ó redor dela. Pardo Bazán ten que estar na medida da historia, non para poñela como modelo de sociedade, de igualdade, a esta señora que escribiu tantas liñas contra a igualdade, que fixo da súa vida a loita contra a desigualdade, non ten sentido.

Fálanos, por último, da importante mobilización convocada pola Iniciativa Defende Meirás para o próximo día 19 de xuño, que quere marcar un antes e un despois nesta loita.

A mobilización do día 19 ten varias vertentes, primeiro pola actualidade máis recente. Son as administracións públicas que deberían estar con nós, ese día, e comprometéndose a defender ese legado, e esa loita por Meirás, e plantarlle cara convenentemente ós Franco, e que garantiren que de alí non vai a saír ningún elemento, porque todo o que hai alí é noso, e podemos demostralo non do dende o punto de vista moral e ético, senón dende o punto de vista de papeis, e polo tanto reclamamos que se defenda iso. Pero non soamente por unha cuestión de defensa do patrimonio que xa están obrigados as administracións públicas defender o patrimonio público, senón, e máis importante, como unha loita de ruptura coa impunidade franquista. Que teñamos unha foto dos Franco saíndo cunha mesa de Pardo Bazán e axenlloar á democracia, axenlloar e humillar ás vítimas do franquismo. Entón reclamamos iso, pero tamén reclamamos esa loita que acabamos de falar polos usos de Meirás que teña en conta á Memoria Histórica, que teña en conta a moitas vítimas, e os usos principais de Meirás teñen que estar vinculados á Memoria, por iso o slogan da manifestación resume estas dúas cuestións: O pazo para o pobo e para a Memoria!. Ese vai ser o lema da faixa que vai encabezar a mobilización, que esperamos que sexa maioritaria porque representa moito máis que a defensa duns bens de mais ou menos valor patrimonial, representa a defensa da Memoria das vítimas e da democracia.

1 Comment

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.