Diante do cemiterio de Pereiró. Lembrando ás vítimas do franquismo

Temos que saber e facer saber de nomes e lugares que enchan a nosa memoria de coñecemento histórico verdadeiro para llo transmitir ás novas xeracións

Por Antonio Giráldez Lómba

Hei de recoñecer que nunca me gostaron moito os monumentos “ó soldado descoñecido” que hai en bastantes países. Eu coido que o primeiro que podemos facer cos soldados que loitaron coa súa vida por defender as leis e a dignidade dun pobo é dar a coñecer os seus nomes, contar a historia da súa batalla e explicar o porqué da súa loita.

A ditadura de Franco, lembrando sempre a súa vitoria na guerra civil, contou durante corenta anos a historia dunha guerra que xustificaba a existencia daquela ditadura. Xa antes de rematar a guerra, no ano 36, e dacordo coas autoridades eclesiásticas, a España de Franco establecía que nos muros das eirexas de tódalas parroquias se inscribiran os nomes dos soldados caídos en defensa da Cruzada e vítimas da revolución marxista, uns nomes que aínda hoxe lucen sobre a pedra de moitas das nosas eirexas.

Acabada a guerra civil, na paz incivil de Franco, os vencedores seguiron axustando contas cos vencidos lembrándolles durante décadas quénes eran os patriotas e onde estaban os traidores. Rúas, prazas, escolas, hospitais de pobos e cidades levaron durante moito tempo o nome dos militares golpistas e de dirixentes fascistas de primeira, segunda ou terceira fila. Aqueles nomes e aquelas inscricións eran parte dunha historia que se nos contou durante 40 anos namentres durou o ditador, un ditador que impuxo coa man de ferro do seu réxime o silencio sobre o que lle pasara e o que pasaran os que optaran por defender á República.

Morto xa o tirano que impuxera o silencio sobre a memoria dos vencidos na guerra e na posguerra, é hora xa de que morra aquel silencio. Sabemos que se pasou do franquismo á democracia facendo unha sorte de pacto polo esquecemento e moitos franquistas convertéronse en demócratas a cambio de gardar silencio sobre as súas responsabilidades na ditadura. Sabemos tamén que aínda hoxe en día algúns din que hai que deixar en paz ós mortos.

Non debemos confundir a paz co silencio, con estar calado. A verdadeira paz, a paz de espírito, ten que ver coa xustiza e se fai xustiza cando se di e se sabe a verdade. ¿Poden acaso estar en paz aqueles mortos sobre os que se botou lama, terra e esquecemento? ¿Poden quedar en paz os familiares que non teñen un camposanto no que ir a por unhas flores ou un lugar no que verter unhas bágoas polo seu familiar soterrado nalgunha foxa descoñecida? O esquecemento é a segunda morte para aqueles que morreron por defender á República ou por non amosar demasiado entusiasmo polo novo réxime franquista. ¡Non os volvamos a matar! ¡Que vivan na nosa memoria!

Velaí a tarefa dos historiadores e a das asociacións como a que preside Telmo Comesaña (a Asociación Viguesa “pola Memoria do 36”) que loitan por recuperar a memoria dos que morreron e dos que aínda que non morreron sentiron eles e as súas familias nas súas carnes e na súa conciencia a humillación e o medo de saber que pertencían ós derrotados. Estou con vos en que historiadores e asociacións levamos adiante a mesma tarefa aínda que con distintos medios e por diferentes camiños.

Tanto nos coma vos temos a vontade de construír o recordo de que pasou e do que pasaron eles e elas. Temos que saber e facer saber daquelas noites de saca, de quénes eran elixidos para morrer, da desconfianza, do non fiarse de ninguén, das humillacións, do medo…Temos que saber e facer saber que o que hoxe queremos que sexa un lugar de memoria foi un lugar de represión e de morte.

O 22 de agosto de 1936 tivo lugar no Pazo de Xustiza de Vigo, o que hoxe en día é o MARCO (o Museo de Arte Contemporáneo), o proceso máis importante dos que se seguiron na nosa cidade contra dirixentes da Fronte Popular. Cinco días despois daquela farsa xudicial, o 27 de agosto de 1936, dez homes ían pagar coa súa vida a lealdade á República.

Na noite escura do 27 de agosto de 1936, escura coma os anos escuros da represión, escura como a longa noite de pedra da que falaba o poeta, un pelotón do exército ó mando do capitán Carreró, acompañado polo tenente da Garda Civil Francisco Rodríguez, “O Rabioso”, fusilaba contra ás tapias deste cemiterio ós irmáns Bilbatúa (Antonino, deputado socialista, e Demetrio, fotógrafo e militante socialista), a José Antela Conde (alcalde de Lavadores), a Enrique Heraclio Botana (impresor, exdeputado a Cortes e concelleiro socialista), a Emilio Martínez Garrido (alcalde de Vigo), a Waldo Gil Santostegui (médico e concelleiro socialista), a Ramón González Brunet (concelleiro socialista), a Apolinar Torres López (dirixente socialista que presidira a Agrupación Socialista de Vigo), a Ignacio Seoane Fernández (deputado socialista) e a Manuel Rey (alias “Villagarcía”, panadeiro e sen relación algunha cos anteriores).

Temos que saber de tódolos nomes dos que sofreron a represión naqueles anos escuros. Temos que saber e facer saber de nomes e lugares que enchan a nosa memoria de coñecemento histórico verdadeiro para llo transmitir ás novas xeracións, unhas xeracións ás que lle queremos transmitir unha educación democrática e verdadeiramente coñecedora do seu pasado. Por xustiza, por saúde mental, por dignidade e por rigor histórico, todos merecemos saber a verdade e as novas xeracións de hoxe e as de mañá teñen dereito a que a memoria histórica que reciban se compoña da memoria de todos e de todas e non só da memoria dunha parte.

Sabedes que temos urxencia en levar adiante esta tarefa porque agora aínda hai xente que pode dar fe da súa historia contándoa en primeira persoa. Eles teñen dereito a contar a súa historia, a reivindicar a súa memoria e a dos seus familiares e os historiadores e as asociacións que loitan por recuperar a memoria temos a obriga de darlles voz e de escoitalos.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.