Cousas que perdemos no lume (crítica de O que arde)

Por Angelo Nero

A última película do director francés, de orixe galega,  Oliver Laxe, que xa nos deixara abraiados coa súa particular ollada poética en “Mimosas”, iniciase cunha escena apocalíptica, que mesmo semella que comezamos a ver un filme de ciencia-ficción: no medio da noite, o alento duns focos iluminan unha masa mesta de eucaliptos que, un tras outro, son abatidos por un monstro invisible. Sorpresivamente, o monstro revelase como dúas máquinas taladoras, abríndose camiño entre a fraga, ata que estas atópanse co tronco dunha enorme árbore queimada, que as fai recuar. Esta fantástica alegoría da inicio á historia de Amador, un pirómano que sae da cadea, despois de cumprir condena por prenderlle lume á montaña, e regresa á casa da súa nai, Benedicta, no cerne da Galiza máis profunda, nos Ancares, onde semella que se detivo o tempo, e os homes, as veigas, as bestas e as montes, aínda viven precisándose entre si, mantendo un fráxil equilibrio, sempre ameazado polo eslavón máis imprevisible: o home.  Esta é unha historia senlleira, narrada con moitos silencios, con olladas inzadas de néboa e orballo, con xestos de monótona derrota, e cun un chisco de tenrura, nun mundo no que esta semella máis doada cos animais que cos semellantes.

Laxe debuxa o fresco dun mundo que, pouco a pouco, vai desaparecendo no noso país, grazas ás erradas políticas agrarias e gandeiras das sucesivas administracións autonómicas, máis tamén das políticas forestais que o converteron nun inmenso eucaliptal. Hai moitas cousas salientables na película, a primeira delas a extraordinaria interpretación dos protagonistas, Amador Arias (garda forestal da Fonsagrada) e Benedicta Sánchez (unha xubilada do Corgo, que traballou como libreira e fotógrafa), os dous sen experiencia actoral previa, para quen semella escribiu o guión Oliver Laxe e Santiago Fillol. Amador, coa ollada agre do que leva un estigma, carrexado co pasado escuro do que lle prendeu lume ó monte e sen esperanza de futuro; Benedicta, loitadora de presentes, pendente sempre da horta, do fillo e das vacas.

A fotografía de Mauro Herce é outro dos acerto de “O que arde”, ofrecendo unha paleta de texturas abraiante, na que nos fai sentir na pel a humidade da néboa, o calor abafante das lapas, a lingua áspera das vacas, a poirenta volatilidade das cinzas. É nas escenas nas que arde o monte, no que as lapas son as protagonistas principais, e os secundarios os homes que as combaten, onde Mauro Herce acada os mellores resultados da cinta, mostrándonos, como nunca antes fixeran, a devastadora beleza do lume que, ano tras ano, devora o interior de Galiza, sen que ninguén lle poña remedio. Laxe non indaga nos motivos, nin tan sequera nos de Amador, tan so nos mostra os seus efectos, e o protagonista semella tan ermo como a terra despois dun incendio.

A dureza e a fraxilidade das paisaxes e dos homes desta Galicia rural, sempre en precario equilibrio, semella atopar unha faísca de harmonía nas mulleres. A figura de Benedicta é un dos piares do filme, esa muller de poucas palabras e xestos tenros (como non sentir o frío  na pel cando se tapa a cabeza coas mantas, as pingueiras da chuvia cando se refuxia no tronco oco dunha árbore, o xeito no que come un anaco de pan, ollando ó horizonte, ou como frite un ovo na cociña de ferro, apaña verzas na veiga ou como muxe a vaca na corte, facendo que o mundo cobre sentido con ela), avanzando entre as cinzas ou entre a néboa, como unha guerrilleira da monotonía, tentando que o pobo redima o seu fillo, ese Amador ferido polo seu propio lume, que so parece saír do ostracismo cando coñece a veterinaria, Elena. Esta simboliza tamén á muller resistente, á nova xeración que non quere afastarse do rural, en contra da corrente imperante dos “desertores do arado”, na mesma liña na que está Inazio, un dos rapaces que están rehabilitando unha vella casa para tentar sorte co turismo rural, mostrando tamén a deriva do pais de abandonar as actividades produtivas: agro, gando e pesca.

Mais “O que arde” dista moito de ser un filme promocional da Xunta, non tenta debuxar un país atractivo para unhas vacacións baratas, senón mostrar a alma dun mundo que vai esmorecendo, perdéndose entre o lume e o esquecemento das administracións centrais e autonómicas. Algo está pasando no cinema galego para que olladas tan interesantes como as de Oliver Laxe, Diana Toucedo ou Xacio Baño nos regalen historias tan sinceras e ben construídas e interpretadas coma esta.

Produción de España, Francia e Luxemburgo 2019. Título orixinal: O que arde. Presentación: Festival de Cannes 2019. Dirección: Oliver Lace. Guión: Oliver Laxe y Santiago Fillol. Produtora: 4A4 Productions, Tarantula, Miramemira, Kowalski Films. Fotografía: Mauro Herce. Montaje: Cristóbal Fernández. Vestuario: Nadia Acimi. Reparto: Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Fernández, David de Poso, Álvaro de Bazal. Duración: 85 minutos.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.