Por Alberto Gonçalves / Secretario comarcal da CIG en Vigo
O Día Internacional da Clase Obreira non é unha data ritual. Non é apenas unha conmemoración simbólica. É unha oportunidade para afirmarmos con orgullo de clase a nosa determinación por avanzar cara a unha nova sociedade. Unha sociedade xusta, igualitaria, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación, que nesta terra e neste tempo só pode tomar forma dunha Galiza ceibe e socialista.
Sobre esa premisa, hoxe somos novamente moitos millares de traballadoras e traballadores en Galiza e no mundo, que saímos á rúa para defender os nosos dereitos e para plantar cara a quen pretende seguir a roubarnos.
Este primeiro de maio celebrámolo nun contexto especialmente complexo. A pandemia do coronavirus acabou por desatar non só unha crise sanitaria senón unha profunda e grave crise social e económica. Unha crise que chega cando Galiza e a comarca de Vigo inda non lograramos superar a situación de emerxencia laboral e produtiva que arrastramos desde a anterior crise de 2008.
A nosa comarca está nun momento límite, nun punto crítico. Hoxe son máis de 45 mil as persoas sen emprego na bisbarra de Vigo. Ás que temos que engadir varios millares máis en situación de ERTE e sumidas na máis absoluta incerteza sobre o seu futuro laboral.
O feche de empresas e de estabelecementos ten sido unha constante no último ano. Non só por causa dos efectos directos da crise derivada da pandemia, senón en grande medida pola falla de políticas públicas efectivas para facerlles fronte. As medidas adoptada polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos téñense demostrado erradas e insuficientes, ao que temos que engadir a total inacción da Xunta de Galiza do Partido Popular.
O devalar industrial avanza inexorábel, desertizando a nosa base produtiva e debuxando un horizonte nada esperanzador. Só na cidade de Vigo hoxe hai 5400 empregos industriais menos dos que había no ano 2009.
Actividades estratéxicas como a automoción enfrontan grandes retos e dificultades. Non se trata so dos retos derivados da chamada transición enerxética e o seu impacto no modelo produtivo. Falamos da ameaza real da deslocalizacion, que xa provocou que nos últimos 8 anos non se teña aberto ningunha nova empresa do sector do automóbil na comarca de Vigo. Pero tamén da crecente precarizacion do emprego, cun cada vez maior peso dos contratos eventuais e a tempo parcial, e cunha brutal intensificación dos ritmos e cargas de traballo que teñen aumentando o nivel de explotación laboral. E diante deste cadro de situación a Xunta de Galiza non ten feito absolutamente nada. Nin impulsar unha tarifa eléctrica galega que nos permita competir sen mais precariedade, nin a creación dunha Mesa Galega da Automoción como levamos anos a reclamar, para fixar unha estratexia de Pais que asegure o futuro desta industria.
Pero se hai un exemplo rotundo e dramático do retroceso industrial ese é o sector naval. Un sector estratéxico, fundamental, imprescindíbel para a nosa comarca e que chegou a representar 10 mil postos de traballo. Non esaxeramos nin un pouco cando alertamos de que corremos o risco real de que o sector naval de Vigo, tal e como coñecemos, acabe desaparecendo.
Estamos a presenciar en directo o naufraxio do sector naval. Unha nova reconversión encuberta. Temos a Vulcano nun caleixón sen saída, por culpa da brutal campaña antinaval emprendida polo PP desde a Autoridade Portuaria, que leva anos manobrando para que o que era un estaleiro centenario se converta nunha prolongación da terminal de contedores.
Pero estamos a velo tamén na gravísima situación que atravesa Barreras. Falamos do principal estaleiro privado do Estado español, e o verdadeiro bastión da construción e a reparación naval na nosa comarca. Hoxe, despois dos sucesivos fiascos de Pemex e da operación de Ritz Carlton, temos as gradas de Barreras paralizadas. O persoal das empresas auxiliares hai moitas semanas que xa marcharon do estaleiro. A empresa vén de prescindir de preto de 50 traballadores e traballadoras eventuais e o algo máis de 100 operarios que restan non teñen carga de traballo a vista.
O Evrima está en Santander pero non vai entrar a dique para ser pintado até como mínimo o mes de xuño. E agora sabemos que non hai, nin moito menos, ningunha garantía de que retorne a Vigo para rematarse. E o que é máis grave, máis alá do Evrima non hai nada en carteira.
Compañeiras e compañeiros, non podemos permitirnos o luxo de que o naval desapareza. E por iso desde a CIG queremos insistir en que o futuro de Barreras, de Vulcano, e por extensión do conxunto do sector naval non pode pasar por seguir a meter máis e máis diñeiro público no peto dos accionistas privados.
A experiencia histórica dinos que a solución para saír deste permanente día da marmota non é esa. Urxe unha INTERVENCIÓN PÚBLICA DIRECTA. Diante da incapacidade do capital privado para poñer en marcha as enormes potencialidades do sector naval, blindar o futuro desta actividade estratéxica esixe dotar a ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico, no que toda achega de diñeiro público estea condicionada á participación directa da toma de decisións.
Temos que romper esta espiral de fiascos. De promesas incumpridas. De crises cada poucos meses. Para evitar o risco de que o naval desapareza, co que iso suporía de golpe para o conxunto da industria, temos que tomar o control desde o público.
A situación non é grave. É crítica. Estamos a xogarnos literalmente a vida dun sector industrial clave para o futuro da área de Vigo, e por iso a CIG como primeira forza sindical na nosa comarca vamos dar un paso adiante e por iso queremos anunciar, precisamente hoxe, que imos impulsar unha grande mobilización comarcal para o próximo día 19 de maio.
O 19 de maio temos que facer que esta comarca berre coa forza de millares e millares de voces en favor do futuro industrial. Temos que esixir con contundencia na rúa o noso dereito irrenunciábel a poder vivirmos dun traballo digno na propia terra. Temos que esixir oportunidades para que a nosa mocidade non siga a ser expulsada á emigración forzosa.
Non podemos asistir como meros espectadores ao enterro do naval. Non podemos permitirnos o luxo de ver o final de estaleiros tan importantes como Vulcano e Barreras. É momento de dar un paso á frente, e de esixir dos gobernos español e galego, solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector naval. A situación do naval vigués é hoxe moito máis crítica do que o foi a crise do tax lease hai unha década. Temos que saír a pelexar con uñas e dentes polo sector naval e pola reactivación industrial.
Compañeiras e compañeiros, este primeiro de maio non remata nada. Hoxe collemos impulso para levarmos adiante unha resposta firme diante da situación crítica da nosa comarca e en defensa dos dereitos da clase traballadora fronte a quen quere converter esta crise nun novo saqueo contra o pobo.
A CIG queremos facer deste 1 de maio o punto de partida dunha nova vaga de mobilizacións e de accións a nivel sindical e social, desde a premisa clara de que sabendo que nunca nos regalaron nada, temos todo, absolutamente todo por gañar. E coa certeza de que a loita é o único camiño.
Viva a loita obreira!
Viva a CIG!
Viva Galiza ceibe e socialista!
Se el primero en comentar