Aquí non se rinde nadie

HOMENAXE A CHATO GALANTE, INCANSABLE LOITADOR POLA XUSTIZA

Por Celso López Pazos / Presidente da Asamblea Republicana de Vigo.

Xa pasou un ano Chato e gustaríame ser eu quen che contara algunhas cousas que pasaron este ano ao redor do movemento memorialista galego. Primeiro de nada e a titulo persoal, teño que che dicir que fago  o que podo para non perder nada do moito que aprendín de ti a pesares de que, aínda que intenso, o tempo no que coincidimos non puido ser máis longo. E debo confesar que o meu contacto contigo representou un aprendizaxe fundamental que me permite manter os folgos e  afouteza imprescindible para non perder pulo no camiño na loita por devolverlle a dignidade e a memoria as vítimas do franquismo. Que saibas que ese “aquí no se rinde nadie” que tanto proclamabas  e esa forza, caseque telúrica,  que derrámache xenerosamente cando andaches entre nós, segue dentro de min e non deixará de agromar para sempre, estou ben seguro, en cada paso que dea  ou vaia  dar  o movemento memorialista galego.

Por se non o sabes,  o ano pasado e na Illa de San Simón, acordámonos moito de tí e lembramos o teu exemplo. Aínda que polo andazo da pandemia e por seguridade sanitaria non puideron estar todas as persoas que houberan querido facelo, que saibas que aínda  permanecía no ar da illa a túa leda imaxe cantando en galego os versos que o bardo  de Ponteceso escribiu  para honra da  patria galega.

Tamén che conto, porque sei que vas a alegrarte moito xa que estiveche alí cando isto ocurriu, que as querelas que en 2019 e no salón nobre da Deputación de Pontevedra os  familiares  de  Bóveda,  Paz e  Caamaño anunciaron que ían interpoñer diante da xurisdición arxentina polos asasinatos do seus familiares, xa son unha realidade.  Que che parece? Pois si, dende o luns 18 de xaneiro deste ano xa forman parte da documentación que manexa o xulgado de Buenos Aires do que é titular a xuíza Servini  xunto as demais querelas  presentadas contra os asasinatos e crimes da  ditadura franquista.

E xa postos a darche boas novas, direiche que o Pazo de Meirás volveu a mans do Estado logo de que o xulgado de Primeira Instancia nº 1  de A Coruña decidise, en setembro do 2019, devolvelo a mans publicas cunha sentenza na que estimaba a demanda presentada pola avogacía do Estado que condeaba á familía Franco e entregar o inmoble sen indemnización. Remataban así e pola vía xudicial  os 82 anos no que o Pazo de Meirás pertenceu á familia Franco. A sentenza, de máis de 400 paxinas, é acolloante Chato, xa que, en si mesma, é unha condena xudicial ao golpe do 36 e aos abusos e corruptelas da ditadura. A hostía non?. Pero,  por si te chega outra versión, compre que saibas que volveu a mans do Estado sen que o Estado fixera absolutamente nada  para conseguilo. Polo tanto, ten que quedar claro que foi a investigación que sobre o expolio de Meirás fixeron particulares ( os exemplares traballos de Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo  sinalaron o camiño á actuación dos avogados do estado) e, sobre todo,  a  teimosía, o compromiso e a loita cidadán o que máis fixo e contribuíu para  que Meirás volvera a mans do pobo.

Pero que che vou dicir sobre isto Chato, cando tí  sabes moito mellor ca min que o  Estado segue  empeñado en non investigar nada  que  teña que ver co expolio franquista. Xa  tés dito ti en mais dunha ocasión  que ese foi outro dos grandes silenzos que se argallaron cos pactos da transición, eses pactos que con tanta contundencia e enerxía sempre denunciaches.

A verdade é que podería ir contándoche máis cousas. Por exemplo, sobre o anteproxecto de Lei de Memoria Democrática. Pero como albisco que deste asunto xa terás información sobre os pasos que o movemento memorialista esta dando para introducir cambios decisivos no anteproxecto, vou ir rematando aquí pero non sin antes aclararte unha cousa

Estas totalmente trabucado se pensas que extrañamos a túa presenza.  Non estrañamos nada. E sabes porqué?. Porque meu querido e admirado Chato, aínda estas con nós.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.