Apuntes sobre a Lei da Memoria

POSICIÓN DA IGM ANTE O ANTEPROXECTO DE LEI DE MEMORIA DEMOCRÁTICA

Membros dos colectivos que forman a IGM na Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en San Simón, no ano 2019

Pola Iniciativa Galega pola Memoria

A IGM é unha plataforma de asociacións memorialísticas que reúnen a colectivos e persoas de distintas sensibilidades políticas que, porén, comparten un mesmo ideario con respecto á memoria, que entendemos debe quedar perfectamente recollido na nova lei, e que se sustenta nos seguintes puntos:

01.- O FRANQUISMO É UN RÉXIME ILEGAL

Para a IGM o Franquismo é un réxime que se instaurou de xeito ilegal, tomando o poder pola forza e manténdose pola represión. A lexislación emanada dese réxime para avalar os seus crimes non poden servir de base nin de límite para evitar que se cumpran neste Estado os acordos e convenios internacionais en materia de dereitos humanos. Ningún compromiso co franquismo ou cos seus herdeiros pode atar aos lexisladores actuais para que así o fagan. Nese sentido non estaremos satisfeitos até lograr os obxectivos que nos temos fixado de Verdade, Reparación, Xustiza e Garantías de non repetición. Obxectivos que son algo máis que palabras baleiras nun preámbulo senón que teñen un contido moi concreto.

02.- ACCESO AOS ARQUIVOS

VERDADE: É preciso facilitar o coñecemento da verdade co apertura e dixitalización de arquivos para a súa doada consulta e a promoción da investigación e divulgación. Non aceptamos ningunha restrición a coñecer toda a verdade do acontecido. Esiximos o acceso a todos os documentos, todos os nomes e todos os feitos que impliquen esclarecer o ocorrido e a súa autoría. Dada a natureza ilícita e xenocida do franquismo, ás persoas que colaboraron conscientemente co seu sostemento non poden acollerse á aplicación dos dereitos á protección de datos, intimidade, honra, etc… como escusa para ocultar o coñecemento de toda a información relativa aos graves delitos contra a humanidade cometidos.

03.- ESPAZOS DE MEMORIA E LOITA CONTRA O ESPOLIO

REPARACIÓN: Os espazos da memoria deben ser debidamente sinalados e respectados. Os bens adquiridos como froito do golpe de Estado polos franquistas e gozados polos seus herdeiros deben ser incautados para resarcir económica e moralmente ás vítimas do franquismo. O Estado debe asumir a responsabilidade de compensar os danos de todo tipo sufridos polas vítimas do franquismo, mesmo o espolio, traballo escravo ou roubo de bebés. A reparación non é só individual senón tamén social, é preciso facelo coas organizacións e cos valores e idearios polos que foron vitimizados, recoñecendo a súa lexitimidade para rebater a criminalización que se deitou contra as diversas ideoloxías republicanas e laicas como escusa para a súa represión e que aínda persiste.

04.- ACCESO Á XUSTIZA UNIVERSAL

XUSTIZA: Os crimes do franquismo deben ser investigados e xulgados polo Estado. Compre acatar pois a recomendación do relator da ONU de derrogación da lei de Amnistía do 77 e calquera normativa que tivera o obxectivo de manter a impunidade dos crimes contra a humanidade no noso Estado, cometidos tanto no franquismo como na transición. Os levantamentos das fosas é responsabilidade do goberno co obxectivo de que se fagan coas debidas garantías para que as probas recollidas sirvan de base da investigación do crime cometido. Todos os procedementos xudiciais abertos por razóns políticas durante a ditadura e a Transición deben ser anulados e declarados ilegais.

05.- ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA E MEMORIA NO ENSINO

GARANTÍAS DE NON REPETICIÓN: Debe eliminarse todo vestixio de simboloxía franquista. O Estado debe garantir que tomará medidas xudiciais oportunas para evitar a propagación e enaltecemento do fascismo, e tamén debe garantir o tratamento curricular da memoria nos centros educativos.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.