A muller do Eternauta: A memoria do horror dos Oesterheld

A historia de Oesterheld, ainda sumándolle a historia do Eternauta, estaría incompleta senón contara a de Elsa Sánchez, que sobreviviu á traxedia da súa familia, e loitou sen descanso pola súa memoria.

Por Angelo Nero | 12/02/2023

A historia de Héctor Germán Oesterheld, fillo dun xudeu alemán e dunha vasca, é unha das historias máis dramáticas da Arxentina contemporánea. En 1919 cumpriuse o centenario do seu nacemento, pero se descoñece a data da sua morte. Foi un dos máis de 30.000 desaparecidos do Proceso de Reorganización Nacional, como se denominaba a ditadura cívico-militar arxentina, que dende 1976 a 1983, baixo a presidencia de sinistros militares como Videla, Viola, Galtieri e Bignone, converteron o país suramericano nun inmenso escenario do horror. O primeiro deles, se lle atribúe a frase: “Non están vivos nin mortos, están desaparecidos”, e foi un dos estrategos da creación de preto de cincocentos centros de detención clandestinos, onde secuestraron, torturaron e asasinaron ós cidadáns que, dalgún xeito, resistíronse ó golpe militar, ou que se significaran pola súa militancia en organizacións de esquerda, ou simplemente participaran nalgunha protesta, como os adolescentes que protagonizaron a terrible “noite dos lapiceiros”.

Oesterheld, un guionista e escritor de renome, especialmente no xénero da ciencia ficción, creador de personaxes como Bull Rocket, Sargento Kirk, Ray Kitt (en colaboración con Hugo Pratt), e o que lle deu fama mundial: O Eternauta, desapareceu na noiteboa de 1977, cando se atopaba na clandestinidade, debido a súa militancia na organización guerrilleira peronista Montoneros. Antes do seu secuestro, xa desaparecen as súas catro fillas: Beatriz, Diana, Estela e Marina, de entre 18 e 24 años, tamén militantes montoneras, dúas delas embarazadas, das que se ten constancia que foron torturadas e asasinadas, aínda que so o corpo dunha delas, Beatriz, foille entregado a súa nai. Tamén foron secuestrados e desaparecidos os catro xenros de Oesterheld: Raúl Mórtola, Raúl Araldi, Alberto Seindlis e Carlos Della Nave. Da súa familia so sobreviviu Elsa Sánchez, a súa muller, e os seus netos, Fernando e Martín.

Pero a historia de Héctor Germán Oesterheld está ligada para sempre coa súa creación máis universal, O Eternauta, que debuxou Francisco Solano López, e que entusiasmou ó mesmo Borges, cunha trama certamente visionaria, que vai máis alá da ciencia ficción e pode interpretarse como unha metáfora da ditadura que asolaría o país. Nesta novela gráfica narrase unha invasión alieníxena da Terra, mediante unha tormenta de neve tóxica que acaba coa maior parte da humanidade, centrándose a historia nunha bolsa de resistencia situada en Buenos Aires, onde o protagonista, o Eternauta, narra o sucedido ante Oesterheld, tras materializarse na súa casa despois dunha viaxe no tempo. A segunda parte do Eternauta foi escrita co guionista xa na clandestinidade, din que ditada dende cabinas telefónicas, e tivo varias secuelas, debuxadas por Solano López.

A historia de Oesterheld, ainda sumándolle a historia do Eternauta, estaría incompleta senón contara a de Elsa Sánchez, que sobreviviu á traxedia da súa familia, e loitou sen descanso pola súa memoria ata o seu falecemento en 2015, non sen antes contar con todo detalle os anos de loita de de perdida, da procura dos verdugos e dos netos que lle foron arrebatados ás súas fillas durante o secuestro, nunha longa conversa coas periodistas Alicia Beltrami e Fernanda Nicolini, reflexada no libro “Los Oesterheld”.

No libro, Elsa conta os terribles anos da ditadura, na que tivo que sacar adiante ós seus dos fillos orfos, no medio de constantes ameazas dos esbirros daquel réxime militar, e a súa voz é acompañada por outras duascentas voces, testemuños directos e cartas sacadas de poeirentos arquivos, para contarnos as vidas dos desaparecidos, das súas vidas militantes, dos seus soños truncados, para darnos unha idea de que a traxedia das rapazas Oesterheld, foi a traxedia de toda unha xeración, de todo un país.

Tamén no libro Elsa lembra os anos previos ó golpe militar, rememorando a aquel país que se perdeu, no que foi feliz, xunto ó creador do Eternauta. Elsa viviú a ausencia do seu marido rodeada de bosquexos e de guións do Eternauta, visións dun futuro que xa se fixera presente, vivindo no mesmo edificio que moitos deses militares que fixeran desaparecer a súa familia.

Solano López debuxou a Héctor Germán Oesterheld, escribindo no seu faiado e escoitando a historia do viaxante perdido na eternidade, pero el non puido volver, media hora despois, como o seu protagonista, coa súa muller e coas súas fillas. A nevada mortal xa caera sobre Buenos Aires e os Eles xa ordenaran a invasión ós Cascudos e ás Mans, para converter ós superviventes da raza humana nuns robots obedientes, sen capacidade para resistirse ó seu goberno. A memoria transferise no Eternauta ó guionista, e este a transferiu a Elsa, para que nos chegara a nós.

En 2011, o director valenciano Adán Aliaga, dirixiu o documental “A muller do eternauta”, con guión do escritor galego Diego Ameixeiras, que recolle a testemuña de Elsa Sánchez sobre aquel tempo no que a súa casa era un centro de reunións artísticas e políticas, rodeada das súas fillas, que foron desaparecendo da foto familiar unha a unha, ata ficar so ela. Allea á actividade política do seu entorno, encarou a perda pelexando contra a barbarie, pescudando os nomes dos víctimarios, a historia feita de relatos de torturas das súas fillas, e reivindicando a obra do seu marido.

O escritor galego Manuel Rivas, que tamén participou no documental, relataba nun artígo escrito no diario El País: “Elsa Sánchez de Oesterheld cóntame outra historia que a deixou sen fala. Fai uns anos, no 2002, ó remate dun acto, se lle acercou unha muller que estivera detida-desaparecida na Esma (Escola da Mecánica da Armada, dende onde se calcula que fixeron desaparecer preto de 5.000 persoas) e que sobrevivira ó cautiverio. Era médica de profesión e lle contonu que un día Alfredo Astiz, oficial da Esma, coñecido como o Anxo da Morte, sacou dun caixón da súa mesa un libro e lle dixo, máis ou menos: «Toma, lee isto. É o mellor libro da Arxentina.». Tratábase do Eternauta. Alí, un dos personaxes laméntase: «Todos desaparecidos, como se nunca existiran».”

Elsa Sánchez, aínda que naceu en Buenos Aires, era descendente de emigrantes galegos, cuxos orixes estaban nunha pequena aldea preto de Santiago de Compostela, Loño, que visitou en 1983, onde, ó ver o canastro no que se fixaban as nostalxias do seu pais, lle preguntou ó seu tío, porque estaba despintado, ó que este lle respondeu: “É que a túa aboa non quixo que o tocaran. Que o deixaran como o pintara o teu pai.” Agora son outros os que escriben e debuxan a historia do Eternauta, pero é imprescindible volver pintar a historia dos Oesterheld, dos que sucumbiron á ditadura, e dos que, como Elsa, a sobreviviron, para que non esqueceramos o horror: o seu, o noso.

O documental completo podese ver pinchando este enlace.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.