Lembra que Antonio Rosón foi un militar golpista, integrante da Falanxe desde a primavera de 1936 e dirixiu unha represión extremadamente violenta na comarca de Becerreá e os Ancares, como máxima autoridade militar, entre xullo e setembro de 1936, e por estas razóns non é merecedor da homenaxe do
Pola Iniciativa Galega pola Memoria
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021.
As asociacións de memoria histórica galega, reunidas na IGM, manifestan o seu rexeitamento firme e rotundo da decisión da mesa do parlamento galego -aprobada cos votos a favor do PP, coa abstención do PSOE e co voto en contra do BNG o pasado 27 de xullo-, pola que se designa a sala de reunións de portavoces dos grupos parlamentares co nome de Antonio Rosón Pérez.
Consideramos que esta decisión atenta contra numerosas resolucións da ONU e contra os principios que deben rexer a política pública de memoria, baseada no exercicio dos dereitos á verdade, á xustiza e á reparación. E ademais agride a memoria das vítimas da represión franquista e constritúe un insoportábel aldraxe para as súas familias.
Entendemos que o parlamento galego non pode honrar a unha persoa como Antonio Rosón Pérez que tivo unha participación directa no golpe de Estado contra a República de xullo de 1936 e que dirixiriu persoalmente, como comandante militar de Becerreá, a represión violenta e cruenta na zona de Becerreá e Os Ancares contra militantes e simpatizantes de partidos demócratas, co resultado de máis de 30 persoas asasinadas desde o 22 de xullo até finais de setembro de 1936, así como outras múltiples formas de violencia física e psicolóxica, detencións, humillacións, extorsións, amedrentamento e castigo. Non é xusto facer un relato parcial e sesgado da biografía do personaxe, enxalzando os méritos que non dubidamos que ten e ocultando de maneira burda a súa executoria falanxista, golpista e represora, abondosamente acreditada pola hemeroteca, pola memoria oral e pola documentación oficial.
Consideramos que este nomeamento é consecuencia do pacto de silencio, de amnesia e impunidade
da transición española, que impediu durante décadas o coñecemento da verdade histórica, a investigación sobre os executores da represión, a reparación integral das vítimas do terror fascista, así como a investigación, xuizo e condena de graves crimes contra a humandidade cometidos desde 1936 até 1977. E tamén é resultado da actitude de opcións políticas que en pleno século XXI non renegan do pasado franquista, non o condenan con todas as consecuencias, e fan bandeira do incumprimento da lei de memoria histórica e da legalidade internacional.
Para a IGM, a estas alturas do século XXI o parlamento galego non pode seguir ignorando e aldraxando as vítimas e glorificando os vitimarios.
Por estes motivos, a IGM dirixiuse no día de hoxe á Mesa do Parlamento galego para solicitar
1º A retirada do nome de Antonio Rosón Pérez dunha das salas do parlamento, e a súa substitución polo dunha persoa que teña unha traxectoria íntegra e intachábel de defensa dos valores democráticos e dos dereitos de Galiza.
2º A organización por parte do parlamento dunha homenaxe ás vítimas da represión franquista en Galiza, organizada en colaboración co movemento memorialista galego e coa participación dunha representación das vítimas.
3º A organización por parte do parlamento galego dunha homenaxe á resistencia antifranquista galega, homes e mulleres que deben ser honradas como combatentes contra a Ditadura e loitadoras polas liberdades.
Se el primero en comentar