![]()
A Iniciativa Galega pola Memoria, como lugar de encontro do movemento memorialístico galego, quere manifestar a súa condena as aldraxes contra unha vítima do franquismo pronunciadas en sede parlamentar pola portavoz do PP Paula Prado.
Por Angelo Nero | 23/04/2026
Tras unha intervención do deputado nacionalista Paulo Ríos Santomé, no parlamento de Galicia, no que puxo en valor a colocación en Santiago de Compostela dunha estatua adicada a Moncho Reboiras, dirixente da UPG asasinado pola policía franquista en Ferrol en 1975, a deputada do Partido Popular, Paula Prado criticou esta homenaxe co argumento de que Moncho Reboiras, “non ten máis vinculación con Santiago que ser un delincuente”, ao que o parlamentario do BNG respondeu que “ao único delincuente ao que se lle fixo unha homenaxe”, a o que se deron honras no parlamento de Galicia “foi ao asasino fascista Manuel Fraga”, que antes de ser presidente da Comunidade Galega, ocupou varios cargos na ditadura: “foi designado procurador en Cortes, Conselleiro Nacional, membro do Consello de Estado e Delegado Nacional de Asociacións, unha das delegacións da Secretaría Xeral do Movemento”, foi Ministro de Información e Turismo, e xa na Transición, fo Ministro da Gobernación e Vicepresidente, no goberno do tamén franquista Arias Navarro.
Ante estes feitos que constitúen un novo aldraxe do Partido Popular ás vítimas do franquismo, a IGM, que aglutina a diversas organizacións galegas que traballan a prol da Verdade, Xustiza e Reparación para todos e todas aquelas que sufriron no noso país a represión durante a ditadura e a transición, emitiron un comunicado no que se salienta que:
“A Iniciativa Galega pola Memoria, como lugar de encontro do movemento memorialístico galego, quere manifestar a súa condena as aldraxes contra unha vítima do franquismo pronunciadas en sede parlamentar pola portavoz do PP Paula Prado.
A reparación é un recoñecemento de responsabilidade por parte do Estado por fallar na súa obriga e deber de protexer os dereitos humanos, admitindo o acontecido tralo Golpe de Estado e a Ditadura, e restaurando ás vítimas. Nun acto celebrado na Delegación do Goberno en Galiza en 2009 así se fixo no caso de Ramón Reboiras Noia. Neste acto efectivamente se recoñece a dor e devolve á vítima a súa condición de cidadán con dereitos.
Mais a reparación, tal como esixe os estándares internacionais (ONU) como recurso efectivo esixe máis. É dicir, compre a restitución da súa honra fronte as calumnias coas que os responsables do seu asasinato quixeron xustificalo, para o cal son precisas as homenaxes públicas que sirvan para socialmente facer valer que foi vítima dunha inxustiza e non a culpable do que lle pasou.
Por iso, parécenos especialmente graves estas declaracións contrarias á mínima sensibilidade humanitaria e democrática, e esiximos a desculpa por parte da persoa que as pronunciou e da organización á que pertence.”
Se el primero en comentar