A curva da pantasma, de Fran Alonso

Fran Alonso achéganos á que se cadra é a esencia ou forza motriz destes relatos populares; isto é, o desacougo que provoca a incerteza, o descoñecido, o misterio e o propio medo

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Un le sempre con interese a obra do escritor vigués Fran Alonso desde os anos noventa, cando comezou a súa andaina literaria. Faino sempre alleo a xéneros ou formatos polos que transite —poesía, álbum ilustrado, novela, narrativa, ensaio, entrevista…—, pois na súa produción latexa sempre unha vontade de construír un macrotexto plural, heteroxéneo e suxestivo, onde foxe da reiteración, da recorrencia e tantas veces do convencional. Por iso, non é difícil na súa produción atopar algo novo, un xiro inesperado, unha faísca diferente que prenda luces para percorrer outros camiños.

Isto ocorre cos relatos incorporados ao seu novo libro —A curva da pantasma—, onde xa desde o título amosa unha visión, entre rebuldeira e subversiva, da temática que lle confire unidade a este volume que, talvez, non sexa outra que o de homenaxear, ou se se quere actualizar, outorgándolle unha nova perspectiva, a tradición oral e, sobre todo, internarse no ámbito das lendas urbanas que pertencen, por dereito propio, a ese territorio que ocupa, se cadra inxustamente, un papel secundario e que se relativizou con frecuencia como fonte de inspiración literaria.

Nestas páxinas, así pois, conservando unha consciente fidelidade aos patróns estruturais das devanditas lendas, Fran Alonso achéganos á que se cadra é a esencia ou forza motriz destes relatos populares; isto é, o desacougo que provoca a incerteza, o descoñecido, o misterio e o propio medo. Salienta nestes relatos unha vocación, talvez inherente a eles mesmos, de tributar un recoñecemento ás grandes voces da literatura de nós que, dalgún xeito, tamén se achegaron no seu momento a estes asuntos, mais agora obxectivados desde un exercicio de reescrita para suxerirnos atmosferas e preocupacións que resultan inequivocamente contemporáneas como son ese xogo de espellos que se dá entre a verdade e a mentira, o acoso escolar, a realidade que conforman as redes sociais nas nosas vidas, as adiccións, o machismo, ou, entre outras, o concepto da posverdade e mesmo o valor da literatura nos tempos de hoxe.

Recomendo, sen temor a errar, unha lectura desta nova obra de Fran Alonso coa seguridade de que encerra unha moi precisa e nova visión da tradición oral: sen dúbida un dos patrimonios que nos definen.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.