Por Evaristo Pereira
A mañá do 23 de abril de 1937, nos peiraos do Berbés, despois de ser delatados por un mariñeiro, os falanxistas asaltaron o barco, tras arrimar ao costado un barco alxibe do porto de Vigo. De seguido asolagaron a sala de cadeas do bou Eva, primeiro con auga fría e despois con auga quente. Máis os tripulantes non saíron, decidiron pór fin á súa vida de maneira colectiva antes de entregárense ós falanxistas. O intento frustrado do bou Eva, suceso omitido polo réxime franquista, foi tristemente case esquecido durante a Transición española.
Durante a guerra civil o férreo control por parte das forzas franquistas en controlar a saída de embarcacións [da ría de Vigo], facía cada vez máis difícil fuxir a todas aquelas persoas contrarias ao réxime de Franco, sendo estas perseguidas, detidas, torturadas,e asasinadas polas forzas militares, e paramilitares franquistas.
O pesqueiro vigués bou Emilia Márquez conseguira burlar ese férreo control establecido polas tropas franquistas na Ría de Vigo, podendo este buque chegar a un porto sen o poder franquista, o porto seguro para este bou sería o porto de Bilbao.
En 1936, a Comandancia de Mariña de Vigo prohibiu faenar no interior da ría, prohibindo tamén a entrada e saída nos peiraos vigueses en horarios nocturnos.
Establécese un control no interior dos peiraos por parte das autoridades militares viguesas, por distintas forzas da Garda Civil, gardas de asalto, axentes portuarios, falanxistas e gardas cívicos. Tamén cun intenso control na documentación de todas aquelas embarcacións que tiñan que saír a faenar, como tamén o persoal daqueles buques eran concienciudamente revisados. As medidas de control facíanse máis intensas a bordo dos barcos de pesca, entre as dotacións dos buques introducíase xente “segura”, armada. Estes adoitaban ser militares ou membros da falanxe.
O control exercido sobre as embarcacións facíase máis intensa na saída da ría, tendo estas que saír entre as illas Cíes, en concreto, entre a illa San Martiño e a de Monteagudo. As canles exteriores das Cíes foran minadas, alertando de esta formación unha explosión nunha fuga nocturna. Foron dotadas de canóns de costa Cabo Silleiro e Monteferro, así como de unidades da flota nacional as próximas bases navais de Marín e de Ríos, en Teis. No atardecer do 12 de marzo de 1937, unha parella de bous que saían a faenar dende os peiraos vigueses cara o Gran Sol pasaron por todos os filtros de control e de documentación existentes. Eran o bou Manuel Vieira Manzanares e, seguindo a súa estela, o Emilia Márquez, en dirección ás Cíes, burlando os controis exteriores de ría, xa a moitas millas da costa galega. Na escura noite o Emilia Márquez, apagou as súas luces facéndose invisible ao barco que o precedía. Todos estes mariñeiros estaban conxurados a facer esta arriscada aventura.
Afastáronse o máis que podían da costa galega por temor a ser localizados por buques nacionais, poñendo dirección leste para un porto de salvación que sería o porto vasco de Bilbao. A epopeia destes mariñeiros durou case catro días de navegación. A forte e intensa represión por parte das militancias franquistas cubrían de medos a todos aqueles contrarios ó réxime franquista que, no silencio das entrañas das cidades e pobos, temían ser descubertos, torturados e asasinados. Moitos agocháronse en dobres paredes das casas, fallados e bodegas. Tamén fuxían ós montes próximos ás cidades e pobos, facendo un modo de supervivencia moi duro.
Dez persoas de distinta militancia de esquerda, nove homes e unha muller planearon unha evasión por mar. A fuxida sería dende os peiraos do Berbés no porto de Vigo. O barco que escolleran para a súa arriscada fuxida era un bou, con folio de Ferrol nas súas amuras. Este pesqueiro, de nome Eva era unha embarcación que non chegaba ás 300 toneladas e tiña uns 37 metros de eslora. A dotación deste buque estaba composta por 19 homes, procedentes de distintas localidades galegas. Este barco tiña todo preparado para saír o venres 23 de abril de 1937.
O plan de fuxida era concentrarse nun punto sinalado, para despois co silencio e a escuridade da noite, cubrindo as rúas da cidade, baixar sen provocar sospeitas as patrullas de gardas cívicos nin ós falanxistas que facían roldas preto dos peiraos do Berbés.
Embozados en escuros capotes e fundas de traballo, a paso natural entran disimuladamente nos novos peiraos do Berbés, mesturándose entre mariñeiros doutras embarcacións. A tensión e o corazón nun puño para poder afastar os controis diante as intensas miradas dos gardas portuarios.
Xa chegados ó buque, agárdalles un “mariñeiro cómplice”, un mariñeiro do bou que a cambio da súa colaboración, confiaba tamén nos planes da fuxida. Este coñecedor do buque agochounos no pañol de proa, onde gardaban as cadeas do áncora. Este pañol de reducidas dimensións tiña tamén no seu interior un depósito de auga, o cal facía a súa estancia moito máis reducida e incómoda. A aquel reducido pañol, dunha soa entrada, engadíanse a pouca mobilidade, e a pouca ventilación facía o seu interior case irrespirable. Como o estar en silencio pola proximidade do sollado dos mariñeiros que durmían a ó outro lado da parede.
Cando accedeu ó sollado o grupo de fuxidos comprobou que este non estivese baleiro. Nun catre descansaba un mariñeiro, que quedou sobresaltado ó ver o seu compañeiro con xente que non eran da tripulación, e máis cando viu que un deles portaba unha arma de fogo.
O portador da arma tratou de convencelo que non ían facer nada, só que a levaba como protección, quedando este mariñeiro máis tranquilo de estes polisóns.
Pero pola porta do sollado entra un mariñeiro. Este queda sorprendido na porta ó comprobar cómo varios descoñecidos, armados, estaban accedendo pola pequena trapela á sala de cadeas. O seu compañeiro o mariñeiro cómplice da fuxida tentou convencer de que non dixera nada ó respecto. De que fixese como se non vira nada.
Un dos descoñecidos fuxidos que coñecía a este mariñeiro, ameazou se os descubría.
Este mariñeiro saíu correndo pola cuberta do barco berrando “¡Neste barco ai roxos!”. Indo avisar ó seu compañeiro para que este fose dar feito ó patrón do que estaba a pasar abordo. O patrón, chamou á Comandancia de Mariña, daquela moi próxima ós peiraos do Berbés. Pasadas as once da noite o novo xefe da Garda Civil, Gumersindo Salinas, que substituíra o anterior xefe había unhas semanas, o temido Francisco González “Rabeoso”, recibe unha chamada telefónica no seu despacho comunicándolle da presenza dun grupo armado a bordo dun buque pesqueiro atracado no porto de Vigo.
Pronto achéganse ó peirao unha patrulla da Garda Civil e varias escuadras falanxistas, rodeando o barco e pedindo información a un mariñeiro da dotación, dicindo que na sala de cadeas se agochan uns “roxos”, e que entre eles ía tamén unha muller con roupas de home. Sen perder un minuto as forzas franquistas rodean a embarcación; intimidándose ós fuxidos apuntando cos fusís o pañol onde se agochan os fuxidos, un pouco distantes sabendo que estes están armados. Cunha orde de que saísen cos brazos en alto, despois de varias ordes, estes militantes franquistas toman unha opción tirar unha bomba de man, pero por temor en que se puidese danar ou afundir a embarcación.
Disque foi un falanxista, en ter a solución para que os fuxidos agochados saísen da sala de cadeas da áncora, con auga, inundando o seu interior polo buraco de onde saía a cadea, pronto se achega un barco “alxibe” que facía o servizo no porto, colocándose no seu costado introducindo auga fría, e logo con auga quente, o enchido da bodega comezou, non tardaron en escoitarse varios sons de disparos no interior, no que semellaban ser disparos de pistola, sobre nove disparos, pronto prodúcese un silencio; só o ruído da bomba do alxibe facíase escoitar naquel peirao do Berbés, pasado un breve tempo xa saía auga polos bordos do buraco das cadeas, proceden a achegarse o portón e facer as operacións de achique, proceso que se facía con moita cautela, non fora que se atopasen cunha sorpresa. Unha vez rematada a labor de achique, procédese a levantar o chan do sollado, aínda a sala contiña auga xa que as bombas de achique eran lentas, atópanse os corpos flotando e amoreados.
Pasadas as cinco da mañá, procédese o levantamento dos corpos, e depositalos no chan do peirao, e pasar así a súa identidade, no informe da autopsia, semellaba que a causa da morte non fora afogamento; senón que a morte fora por un único tiro a queima roupa á altura da tempa; dándose o caso que tres deles tiñan un tiro no lado dereito, mentres que o resto o seu orificio de entrada estaba no lado esquerdo.
O resumo do suceso pódese definir, que todos os membros da fuxida, tomaren a decisión de morrer antes que ser capturados, torturados, e asasinados con xesto de moito valor e dignidade.
A angustiosa situación destes oito homes e desta muller, di da violenta represión coa que imprimían as forzas fascistas do xeneral Franco, temos que destacar que entre os fuxidos estaba o matrimonio vigués formado por Carmen Miguel Agra, e o se home Anxo Nogueira Nogueira, que traballaba nunha conserveira, e afiliado a UXT, que deixan dúas pequenas fillas.
Tamén dous curmáns do dirixente galeguista Daniel Castelao, Manuel Rodríguez Castelao, e José Losada Castelao.
Os fuxidos de distinta militancia de esquerda son: José Losada Castelao, nado en Rianxo e de profesión mestre. Afiliado ó Partido Galeguista, curmán de Castelao. 45 anos. Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo e de profesión mestre. Curmán de Castelao. 31 anos. Manuel Martínez Moroño, nado en Vigo e de profesión mariñeiro. 44 anos. José Rodríguez Lorenzo, natural de Sárdoma, Vigo, e de profesión albanel. 30 anos. Fernando Rodríguez Lorenzo, nado en Vigo e de profesión albanel. 37 anos. Luís Álvarez González, nado en Becerreá mais residente en Vigo, era obreiro naval en Barreras. 30 anos. Camilo Campos Méndez, nado en Celanova mais residente en Vigo, era barbeiro. 33 anos. Carmen Miguel Agra, nada en Vigo, de profesión ama de casa. 24 anos. Anxo Nogueira Nogueira, nado en Vigo e afiliado á UXT. 30 anos.
Neste suceso, unha persoa si logrou fuxir do tráxico destino. Por temor, indecisión, e algún imprevisto o secretario xeral do Partido Galeguista en Ferrol, non chegou estar no lugar de encontro. Días máis tarde do suceso, o mariñeiro cómplice que agochou os fuxidos, o asasinaron en Teis preto da base de Ríos ETEA.
Durante a ditadura franquista este suceso foi omitido polo réxime de Franco, e o peor esquecida na Transición, sendo este o maior suicidio colectivo na “Guerra Civil” .
Hoxe en día unhas das fillas do matrimonio Nogueira, Concha Nogueira, recorda como no colo do seu avó gravaba o tráxico suceso nos peiraos do Berbés, tiña só catro anos, no seu barrio chegaron a chamalas, “As nenas do bou”.
Temos que recordar este suceso, que non debemos esquecer. Primeiro, porque é parte da nosa historia, esa historia somerxida da cidade de Vigo (que non é pouca), e segundo, polo respecto que debemos a estas persoas que preferiron morrer que antes de que lles arrincasen a liberdade.
Triste y heroica parte de nuestra historia que seguro muchos vigueses desconocen. Evaristo Pereira es una de las personas de la ciudad que aglutina cantidades ingentes de información de esa época en especial y en este artículo nos hace sentir quizá, un poquito más pequeños por la grandeza con que estos héroes se enfrentaron a lo absurdo, a lo injusto, a lo inhumano… Al fascismo.