Por CIG / Avantar
Arredor de 30 delegados/as da CIG levaron hoxe a cabo unha ocupación simbólica das instalacións do estaleiro vigués Barreras para reclamar a intervención pública directa dunha empresa que se atopa nunha situación crítica que mesmo ameaza a súa continuidade. O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, que participou na acción reivindicativa, lembrou que Barreras era unha compañía pública que foi privatizada e denunciou o fracaso da xestión privada e a inacción das Administracións galega e española.
A mobilización comezou arredor das 11:30 horas cunha breve asemblea nas inmediacións do estaleiro vigués, tras a que se accedeu ao interior das instalacións, onde se despregaron dúas faixas alusivas á delicada situación da empresa e ao sector naval en xeral e se corearon consignas como “Barreras culpábel, Xunta responsábel”, “Barreras solución” ou “Feijóo, escoita, o naval está en loita”.
A entrada na empresa produciuse sen incidentes, a pesar do que unha responsábel da compañía asegurou que ían chamar a policía, que non fixo acto de presenza até máis dunha hora e media despois. A partir de entón a protesta trasladouse á porta das instalacións mentres se agardaba pola representación da CIG que se atopaba reunida coa dirección de Barreras.
O secretario comarcal, que estivo presente na xuntanza, explicou que os responsábeis da compañía confirmaron que a empresa se atopa na actualidade sen carga de traballo, coa actividade practicamente paralizada, e non hai expectativas de que se volva retomar a curto prazo.
Motor da industria auxiliar
Alberto Gonçalves criticou a nefasta xestión da dirección do estaleiro, mais tamén denunciou a inacción da Xunta e do Goberno central, “que teñen que implicarse para dotar a bisbarra dun estaleiro público ou semipúblico como teñen países como Francia ou Escocia”. Co obxectivo de que faga de “motor” da industria auxiliar.
Tampouco se esqueceu de censurar a «pasividade» da maioría do comité de empresa, que ostenta a UGT, ao que acusou de non informar os traballadores/as sobre a situación real do estaleiro e de desmobilizar o cadro de persoal. Por iso durante a xuntanza coa dirección reclamoulle que facilitasen os datos directamente ao conxunto da representación sindical para evitar deste xeito «o se uso caciquil».
Finalmente, quixo deixar moi claro que a CIG seguirá a mobilizarse “e a petar en todas as portas que sexan necesarias” para atopar unha solución que permita a supervivencia dunha empresa que empregou historicamente a milleiros de traballadores/as, chegando a ser o maior estaleiro privado do Estado español.
“Porque non existe ningunha garantía de que vaia regresar a carga de traballo, xa que non hai ningún pedido en carteira, nin tampouco coñecemos o prometido plan de viabilidade, para o que solicitaron unha axuda da Sepi de 30 millóns de euros e outros oito millóns da Xunta”.
Se el primero en comentar