![]()
Segunda parte da entrevista a Xosé Manuel Beiras. O mesmo ritmo, pero agora collendo outros temas. Lembrade que dividimos a entrevista en 3 entregas para facilitar a lectura, e que despois colgaremos o audio por se o queredes escoitar con calma. Nesta parte Beiras fálanos da lingua, da lusofonía, do cerco a Cuba e Venezuela, e do Sáhara Occidental.
Por Héctor Bujari Santorum | 6/05/2026
Dende o galeguismo político debese apostar pola “lusofonía” como horizonte de futuro para a lingua?
Non, a lusofonía debe ser apostar pola soberanía como espazo lingüístico do tronco galego-portugués, isto está claro. E iso foi traizoado por intelectuais metidos en política nos anos 70, que colaboraron na Transición, que eran os nosos mentores cando eramos mozos e que logo nos traizoaron.
Por que houbo un conflito coas normativas?
Durante a Transición, durante o final do franquismo na segunda metade dos anos 70, a Real Academia Galega encarga a elaboración dunhas normas ortográficas do idioma galego. Encárganllo a quen? A Ricardo Carvalho Calero, sendo presidente Sebastián Martínez-Risco.
Ricardo Carvalho Calero elabora as normas do galego tendo en conta que o galego forma parte do tronco do galego-portugués. Incluso máis: que o galego é a matriz do portugués, tanto de Portugal como do portugués do Brasil.
Iso si que é a lusofonía. Entón, polo tanto, iso significa que para a ortografía hai que ter en conta que a evolución da escrita, que en Portugal foi normal porque seguiron sendo o idioma oficial do Estado, etc., isto en cambio o galego estivera durante 400 anos na situación de simple fala e non idioma, por iso o nacionalismo invoca as “Irmandades da Fala”, irmandades polos irmandiños e a fala, porque o idioma galego era fala, non era un idioma que se escribise, non estaba permitido ou era minoritario.
Entón, que ocorre? Que personaxes do grupo Galaxia, como Piñeiro, como García Sabell e algún máis, moi conectados cun catedrático de filoloxía románica —non do galego, que xa era Carvalho Calero—, como Constantino García, montan o ILG e, por razóns ideolóxico-políticas, crean unhas normas ortográficas que están emparentadas co castelán e non co portugués.
Polo tanto, desautorizando a Real Academia Galega, da que ademais eran membros: García-Sabell era membro, Piñeiro era membro, etc. Por que? Porque estaban ao servizo do pacto co franquismo da Transición, punto.
A xente moza, as xeracións posteriores como a miña, perderamos o norte. Os partidos políticos galegos estabamos dispersados e eran eles os que sabían o que había que facer: pactan con Fraga, pactan con quen carallo sexa, e entón sitúan a un jicho para Alianza Popular que chega a presidente da Xunta sendo un inútil total e absoluto.
Pactan con UCD para que unha persoa, García-Sabell, que era nese momento presidente da Real Academia Galega, sexa delegado do Goberno e practiquen, polo tanto, a represión do idioma.
Aquelo que lle plantou na cara Uxío Novoneyra a García-Sabell cando os escritores ocuparon a Real Academia Galega. Uxío e máis eu fomos moi amigos. Díxolle: “Este é o único país do mundo que eu coñeza en que o presidente da institución creada para defender o idioma (galego) é ao mesmo tempo o xefe da policía que o reprime”.
O grupo de Ramón Piñeiro e tres máis van nas primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia no grupo do PSOE como independentes, etc., etc.
Entón defenden as normas, que son as normas que van en contra do núcleo xenuíno do arquetipo do sistema galego-portugués, e é cando comezan os conflitos.
Xa ves como incluso nese espazo do que é a temática do idioma e incluso a maneira de escribilo, ponse ao servizo da hexemonía do español en contra das conexións co…
E logo que fixeron os gobernos da Xunta de Galicia nas relacións con Portugal? Cando se crea a eurorrexión Galicia–Portugal, que está facendo a eurorrexión? Todo o que podía ser…
E máis, a min un dos proxectos de investigación que me vetaron e boicotearon os poderes políticos foi un proxecto precisamente de acordo coa Fundación Gulbenkian, que estaba dirixida entón por Joel Serrão, que era un gran historiador que eu coñecía dos tempos do antisalazarismo.
Era o director da Gulbenkian… Fixemos un proxecto para analizar as relacións e a idiosincrasia e estruturas de Galicia e o norte de Portugal, do Douro para arriba, o que logo foi a eurorrexión, para ver as complementariedades e as cousas, para poder ter unha guía para intervención conxunta. Iso foi boicoteado e non se puido levar adiante ese proxecto de investigación.
Bueno, polo tanto nada de nada, no plano económico, no plano político e no plano lingüístico o mesmo. Non sei cal era o núcleo da pregunta, porque ao mellor estou moi lonxe.
Se esa lusofonia podía ser un horizonte para o idioma…
A lusofonía si, pero entendendo que dentro da lusofonía o idioma galego ten unha idiosincrasia propia. Non hai por que converter o galego nun segundo portugués, iso é un disparate completamente.
En portugués dise lacuna, en galego séguese dicindo lagoa, e así sucesivamente. Entón, as formas e os modismos poden manterse, os modismos propios do idioma galego, pero de maneira que, en cambio, a ósmose entre ambas beiras do Miño permita que haxa unha mestizaxe, unha comunicación e unha comprensión recíproca perfecta.
Pero coidado coa lusofonía: a lusofonía é o espazo onde o galego pode ser unha das pezas dun universo onde se fala galego e portugués, que vai até Timor Leste ou Angola, aínda que en Angola teñen que falar os seus idiomas, pero bon… e por suposto Brasil.
Pero coidado, non a opción da lusofonía entendida polos que reaccionaron fronte ao que acabo de dicir, e reaccionaron con razón, pero que reaccionaron dunha maneira que tamén “mearon fóra do testo”, ao final acabaron enxendrando unha especie de chasgaravís, unha especie… como a linguaxe dos canteiros, que só eles se entenden.
Non, iso é un erro, pero a causa de que ocorrera iso foi a que expliquei antes.
Quero preguntarte polo cerco económico que se fai sobre Cuba e Venezuela: se ese bloqueo, ese cerco ou esa política de sancións seguen a ser, fundamentalmente, unha forma de colonialismo do século XXI que busca recolonizar América Latina?
É moito peor que o colonialismo, é un atentado contra os dereitos fundamentais e contra as resolucións das Nacións Unidas, pero estamos vivindo unha época, sobre todo agora, dunha maneira disparatada, con ese equipo que ten o poder nos Estados Unidos de Norteamérica, e xa chegou ao extremo da abolición do dereito internacional, da redución á inexistencia fáctica das Nacións Unidas e, polo tanto, a practicar de maneira sen escrúpulo ningún a razón da forza fronte á forza da razón.
Entón, todo o bloqueo a Cuba, dende o comezo dos anos 60, dende que o proceso da revolución evolucionou cara a un modelo socialista, pois ese bloqueo é un atentado contra as posibilidades de existencia da cidadanía cubana e unha ameaza constante, un constante proceso de intoxicación a través dos grandes medios.
E cando, foi en tempos de Obama, chegan a un acordo polo menos razoable para deixalos respirar ben, este vén e cósello carga.
O de Venezuela é moito peor, porque en Venezuela o que fan é que, de repente, invaden un Estado cunha operación como as que viamos nas películas do que facían os equipos da CIA… e fan iso con absoluta impunidade, cállanse a un goberno lexítimo, encarceran ao presidente e á súa familia, porque seica fixo trampa nas eleccións.
E iso, simultaneamente, co que lle están dando todo o apoio ao que está practicando xenocidio cos palestinos, Netanyahu estase cargando milleiros e milleiros de mulleres, nenos, etc., etc…
Pero en cambio o que é gravísimo é que haxa un Estado que di que non, que non quere que se lle queden co petróleo e que fai trampa nas eleccións, que non é verdade.
Ben, pois polo tanto xa ves, é absolutamente delirante, de esquizofrenia total e absoluta… Eu digo que o sistema-mundo actual é un manicomio controlado por sátrapas e sádicos, e non son capaz de dar unha definición máis científica, porque esa é a realidade: actúan como os gangsters e como as mafias.
Se un Estado que pretende ser o Estado que exerce a hexemonía no sistema-mundo se comporta como as mafias ou como os gangsters, entón que Estado é ese? Iso non é un Estado.
Iso é o que pasou en Venezuela, e por riba aproveitando a demagoxia…
E no caso do Sáhara Occidental?
No caso do Sáhara Occidental, a traizón foi do Estado español. Pero claro, o Sáhara Occidental, por que é así? Porque Marrocos era e segue a ser, durante a Guerra Fría, unha peza clave na estratexia fronte á Unión Soviética para o control do Mediterráneo.
No estreito de Xibraltar, ao norte estaba o Peñón de Gibraltar dos británicos, grazas ao talento dos Borbóns, porque iso foi durante a “Guerra de Sucesión”, non?… E ao sur, Marrocos. Entón pouco importa que sexa un réxime despótico, que fagan todas as violacións de dereitos humanos que queiras, non importa.
Entón, que pasa? Que cando o Estado español deixa desamparados aos saharauís polos xacementos, sobre todo de fosfatos, no Sáhara Occidental, déixaos vendidos. E naturalmente Marrocos puido pasarse polo arco do triunfo todas as resolucións das Nacións Unidas, que dá igual, como o Estado de Israel se pasou polo arco do triunfo todas as resolucións…
O panorama é terrorífico. Eu, cando teño que falar de todas estas cousas, síntome moi mal, porque de súpeto dáste de conta unha vez máis de que hai un fracaso histórico brutal de todo o que foron os movementos emancipadores no planeta dende os anos 40 ata os anos 80.
E eu, a miña biografía está aí… a miña xeración foi derrotada dúas veces…
Beiras como sempre con unha lucided asombrosa .Sepre nos aclara cousas que os medios nos revolven. Grazas mestre