Este ano, o próximo 20 de Xullo, cúmprese o octoxésimo quinto aniversario do inicio do xenocidio perpetrado polo fascismo.
Iniciado na nosa céntrica Porta do Sol polos traidores capitaneados por Carreró. Foron días onde a resistencia organizada, sen apenas armas ou mal armada, tentou defenderse.
Por desgraza imperou o criterio legalista e inxenuo das autoridades: non armar ao pobo traballador. Os falanxistas rápidamente medraron como o que eran: matóns útiles da oligarquía, perfectamente organizados coa axuda inicial da importante comunidade nazi articulada polo Consulado e o “Cable” alemán.
Durante a nosa longa noite de pedra o criminal réxime instaurado polo franquismo continuou exercendo máis de 40 anos de xenocidio intermitente. Mais nunca lograron derrotar a resistencia antifascista.
Tentáronno mediante todos os métodos: asasinando ou encarcerando, dando malleiras e cometendo violacións, depurando mestres. Mediante queimas exemplarizantes de libros, rapando para escarnio público as cabezas de centenares de veciños, incautando bens públicos e privados, pretenderon extirpar da memoria das xeracións que naceron despois de 1936, o legado republicano, apagar do imaxinario colectivo as conquistas e avances democráticos, laborais e sociais.
No exilio, mais tamén no interior dos centros de traballo e barrios da nosa cidade, a resistencia mantivo sempre iluminado o facho da liberdade.
De VIGO ANTIFASCISTA con grande orgullo, queremos honrar porque nos honran, ás mulleres e homes que loitaron por un mundo mellor e que nos fán mellores cos seus exemplos, e esta é a grandeza da Memoria Antifascista: o diálogo que establecemos coas nosas auténticas estrelas, cos nosos heroes e heroínas.
Queremos e debemos recuperalas públicamente. Demostrar o noso profundo amor por aquelas valerosas mulleres antifascistas como Urania Mella, coa que militaba Lola Vieites Moreda, xove víctima no lexendario Bou Eva.
Honrar Heraclio Botana, dirixente do PSOE e presidente da Casa do Pobo, fusilado en Pereiró; Manolito Soler, humillado e perseguido pola hipócrita homofobia promovida polo réxime. Amante Caride, atleta, operario do naval e presidente do Sindicato Agrario de Cabral, paseado polos escuadróns da morte; os combatentes e ampla rede de “enlaces” do destacamento ‘Paco Barreiro’ do Exército Guerrilleiro da Galiza; Mercedes Nuñez, sobrevivinte do holocausto nazi, exiliada durante décadas, e custodia da memoria das víctimas galegas nos campos de exterminio como os vigueses Agustín Cameselle, Manuel Fernández e Ricardo Rodríguez; o Teis rebelde de Moncho Reboiras e Abelardo Collazo; o insurgente setembro da indelével greve geral de 1972; o Vigo proletário da mellor estirpe fabril de Santo Domingo, Barreras, Freire, Vulcano, Reyman, Atiscar, Forjas del Miñor, Censa, Álvarez, Citroën; a xuventude comprometida representada polos inesquecíbeis Xosé Humberto Baena Alonso e José Luis Sánchez-Bravo Solla, os nosos úlltimos fusilados; o Suso Vaamonde da canción protesta, censurado e perseguido por exercer a liberdade de expresión en 1979. Eles e elas representan millares e millares de anónimos vigueses e viguesas, que non se renderon frente á tiranía, que nunca se resignaron nen aceptaron a dictadura franquista.
-TEMOS MOITO QUE CELEBRAR, REIVINDICAR E DENUNCIAR-
Neste 60 aniversario debemos celebrar a gloriosa fazaña do Santa Liberdade. Honrar a Pepe Velo e ao comandante Soutomaior, divulgar a súa Memoria antifascista que é a nosa.
Lembrar tamém é sofrer. Mais é unha boa terapia nestes tempos de pandemia contra o derrotismo e a resignación instalados no pobo traballador galego que, contrariamente ao relato imposto polo franquismo, xamais fomos un pobo pasivo.
Vigo, a nosa querida cidade, a maior metrópole da Galiza, foi sempre unha urbe reivindicativa, solidaria e profundamente antifascista e republicana.
Temos o deber de evitarmos repetir a historia, en similares contextos de crise económica e social. Non concordamos con esa actitude cínica que algúns politólogos e sociólogos definen como «estábeis democracias do odio». O fascismo está medrando de forma organizada, normalizando o seu discurso de odio ante a pasividade social e gobernamental.
O fascismo non ten dereito ao exercicio da liberdade de expresión, porque promove e procura a súa eliminación.
Identificámonos coas palabras de Mario Benedetti: «Imaxinan algúns, que o esquecemento é como un depósito vacío, unha colleita da nada, entre tanto, o esquecemento está cheo de memoria».
Ante a preocupante situación política chegou a hora de manifestar, de escenificar públicamente, a necesidade da unidade de acción antifascista das organizacións, partidos e sindicatos frente a ameaza fascista en todas as súas expresións.
É a mellor homenaxe aos nosos mártires asasinados, á memoria antifascista. Como valor imprescindíbel, nutrinte, substrato subxectivo da historia: VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN.
Na actualidade a nosa cidade segue inzada de rúas con placas e monumentos erguidos para honrar pistoleiros, delatores, colaboracionistas, apoloxetas do franquismo.
Deleznábeis monumentos á barbarie, mantidos e sufragados desde a falsa equidistancia, desde a falsa concordia imposta de maneira espuria polos que queren pasar páxina sen aplicar VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN.
Debemos denunciar a máxima autoridade do Concello de Vigo, que non só non aplica a legalidade vixente, senón que pretende incrementar a simboloxía franquista instalando unha escultura do “Sagrado Corazón de Jesús” no emblemático monte da Guía. Unha sociedade radicalmente civilizada non pode permitir esta burla co noso pasado e o noso futuro.
Vigo, febreiro de 2021
Se el primero en comentar