E este é, tamén, un libro que contén entrevistas -máis ben o que está ou quedou oculto detrás delas- e vivencias compartidas, peneiradas agora por unha voz narrativa, que é a súa, ben calibrada e dominada por unha inescusable efectividade.
Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica
Francisco Fernández del Riego afirmaba que gustaba do xénero das entrevistas: probablemente preparalas máis que respondelas pois teño para min que para isto último a súa paciencia era infinita. Afirmo isto porque Xosé Manuel del Caño foi quen de nos deixar boas mostras do seu inopinado interese por rescatar, e deixar para a posteridade, os testemuños dun conxunto de voces ás que se lles deu oportunidade de manifestarse libremente. Velaí como, grazas á súa iniciativa, hoxe temos a palabra, adaptada en forma de libro, de Manuel María, Antonio Tovar, Xosé L. Méndez Ferrín, Carlos G. Reigosa, Alfredo Conde ou Isaac Díaz Pardo entre outras persoas.
E este é, tamén, un libro que contén entrevistas -máis ben o que está ou quedou oculto detrás delas- e vivencias compartidas, peneiradas agora por unha voz narrativa, que é a súa, ben calibrada e dominada por unha inescusable efectividade. É así como recupera atmosferas, sucedidos, situacións ou anécdotas vividas cun feixe de persoas que Del Caño coñeceu e que van de Méndez Ferrín a Prego, de Colmeiro a Novoneyra, de Tovar a Chano Piñeiro, de José A. Valente ás irmás Pura e Dora Vázquez ou de Xesús Alonso Montero a Líster entre outras. En todas elas, claro é, perfílanse trazos que beben do comportamento, das opinións e das accións de cadaquén a ollos do autor: un territorio non exento de episodios conflitivos, de amizades ou inimizades manifestas máis ou menos públicas.
Velaquí, así pois, unha proposta que se asoma a asuntos ou experiencias que ficaban, as máis e ata agora, na penumbra. Nelas Del Caño atopa a faísca necesaria para prender na elaboración do relato que ás veces se transforma en crónica viva dun tempo. Son retallos, como el mesmo confesa nunhas páxinas limiares, que dispostos por xunto adquiren solidez, con doses acaídas de humor cando cómpre aínda que hai situacións en que estas xa veñen de serie. En todas elas latexa o amor pola cultura libresca e o afán de comunicar con transparencia perfís, agora, máis próximos. Nisto conflúen as apreciacións de tres voces epilogais de altura -Antón Riveiro, Ramón Caride e X.F. Fernández Naval- que acompañan a Del Caño neste libro. Nunha modesta medida hónrome por viaxar canda todos eles.
Se el primero en comentar