Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica
Aparece, en gran formato e na nova colección da Editorial Galaxia baixo a denominación de “Memoria histórica” (ignoremos, unha vez máis, o pleonasmo) e na que viu a luz un magnífico libro de Narciso de Gabriel titulado Vermellos e laicosm, un libro de corte divulgativo como é Soldados forzosos. A memoria esquecida da guerra civil española que subscribe Francisco J. Leira Castiñeira.
Se a intención é, como se confesa, divulgar e reflexionar sobre o continxente de recrutas que se viron obrigados a incorporarse ao exército sublevado, as máis das ocasións adoptando unha decisión que ía máis alá de salvagardar a súa propia identidade pois estaba na mente de moitos deles o que podería ocorrer coas súas familias naquela atmosfera de represión e medo, coido que abre unha reflexión moi interesante no estudos historiográficos sobre a guerra civil como o propio autor, dunha maneira máis ampla, xa deixara analizado en Soldados de Franco. Reclutamiento forzoso, experiencia de guerra y desmovilización militar e que, con documentos na man, anula ese lugar común que asoma ao falar da guerra civil cando se afirma que medio país se levantou contra o outro medio. Non foi así.
O libro incorpora un numeroso corpus fotográfico con imaxes coñecidas mais outras non tanto procedentes dos fondos da Biblioteca Nacional, da Real Academia Galega, da Hemeroteca da Bibliblioteca de Galicia, do fondo Francisco Villamil do Arquivo do Reino de Galicia e do Arquivo Pacheco, alén do fondo Blanco Fuentes do Museo Reimóndez da Estrada e algunhas cesións de particulares (mágoa da adxudicación, na foto 28, dun pé de foto relativo a Ánxel Casal cando remite a unha coñecida foto de Alexandre Bóveda).
Benvida sexa esta achega, tan precisa nestes momentos nos que, baixo o xogo da confusión e do negacionismo, a extrema dereita teima en manipular a nosa memoria e a das persoas máis novas.
Se el primero en comentar