![]()
Presentada al Ministro de Política Territorial e Memoria Democrática información sobre os 65 elementos contrarios á Memoria Democrática no Concello de Santiago, para a súa inclusión no catálogo do estado.
Por Manuel Monge | 31/12/2024
Presenta este catálogo de 65 elementos contrarios á memoria democrática no concello de Santiago de Compostela en aplicación do que sinala o artigo 36.1 da Lei de Memoria Democrática (LMD): ”A Administración Xeral do Estado confeccionará en colaboración co resto das administración públicas un catálogo de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática, incorporándose ao mesmo en todo caso os datos subministrados polas comunidades autónomas, e conterá a relación de elementos que deban ser retirados ou eliminados, nos termos do artígo 35”. Por outra parte, o artigo 36.2 sinala: “Poderán incluírse no mesmo aqueles elementos que se soliciten polas vítimas, os seus familiares ou as entidades memorialistas, en defensa de seu dereito ao honor e a dignidade, ou resulten de estudos e traballos de investigación.
Presento este catálogo en calidade de vítima do franquismo por partida dobre. A nivel persoal porque en 1968 estiven mes e medio no cárcere de Basauri (Vizcaya). En decembro de 1973 estiven dous meses no cárcere da Coruña coincidindo co Proceso 1.001 contra dirixentes de CCOO. Pasei dúas veces pola Comisaría da Coruña. Fun despedido na ditadura do Colexio Tirso de Molina de Ferrol en 1973 “por faltas inxustificadas ao traballo” (estaba no cárcere) e despedido en 1974 do colexio público Ibáñez Martín de Ferrol “por orden gubernativa”. E a nivel familiar porque nun pobo como Dueñas (Palencia) de 3.000 habitantes, onde vivían meus país, foron asasinadas 125 persoas (25 delas mulleres) polo fascismo, despois do golpe militar do 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo da República. Entre esas vítimas había, polo menos, catro persoas da miña familia.
Como membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e como sociólogo teño publicado traballos de investigación como o libro “Os restos do franquismo en Galiza. Exaltación, honras, privilexios e distincións a golpistas, franquistas e criminais” (Edicións Laiovento 2020).
Só a provincia da Coruña conserva hoxe, cando van cumprirse 50 anos da morte do ditador Franco, 680 restos do franquismo en 41 concellos, que é unha ilegalidade, un desprestixio das institucións democráticas, unha ofensa e humillacións para as vítimas do franquismo e unha vergoña para Galiza.
ALGÚNS ANTECEDENTES
27-5-2010. O Pleno da corporación municipal (goberno PSOE-BNG) aprobaba unha proposta do BNG (voto en contra do PP) para realizar un censo dos símbolos franquistas existente na cidade para a súa retirada. Segundo o BNG, o concello “comezará de inmediato os trámites necesarios para a retirada da inscrición existente na praza da Quintana”. Tamén sinalaba que se retirará o nome das rúas de personaxes vinculados ao réxime ditatorial e, no seu lugar, procederá a pór nomes de persoas que sufriron a represión franquista, entre eles o de José Germán Fernández, un alcalde executado o 3 de decembro de 1936.
12 de novembro de 2015. O goberno municipal de Santiago, alcaldía de Martiño Noriega (Compostela Aberta), quería retirar as medallas de ouro, prata, honra e as declaracións de fillos adoptivos ou predilectos a ministros e cargos da ditadura, e Manuel Dios, concelleiro e presidente da Comisión de Condecoracións do concello de Santiago de Compostela, manifestaba que non pode haber condecoracións municipais para cargos públicos da ditadura e anunciaba a vontade do goberno municipal de retirar honores ao ditador Franco –tiña desde 1946 a Medalla de Honor de Ouro– e a máis de 40 cargos franquistas (28 ministros). Daquela, nomeaba, entre outros, aos ministros da ditadura: Manuel Fraga, que recibía a distinción de Fillo Adoptivo e Medalla de Honor en 1965 cando era ministro de Información e Turismo do goberno de Franco, José María Martínez Sánchez-Arjona (ministro de Vivenda), José Ibáñez Martín (ministro de Educación e Ciencia), Raimundo Fernández Cuesta (Agricultura, Xustiza).
“Farei un bo lote desta xente que aínda ostenta esa condición e que non merecen, dende o meu punto de vista e dende o democrático, ser fillos predilectos desta cidade”, precisaba Manuel Dios despois dunha reunión coas responsábeis da asociación Europa Laica, coa que Compostela Aberta decidiu participar na creación dunha rede de municipios pola laicidade. Santiago concedía a Medalla de Ouro á Virxe do Pilar (20-9-1954) e esa mesma distinción ao “Excelso Apostol Santiago” (19-7-1948). O Pleno de 19 de xaneiro de 2017 aprobaba –votos a favor de Compostela Aberta (10) e BNG (3) e abstención de PP (9) e PSOE (3)– a incorporación de Santiago á Rede de Municipios por un Estado Laico.
Febreiro de 2017. O BNG presentaba unha proposta no Pleno municipal para eliminación de simboloxía franquista, recollendo datos dun estudo realizado pola Comisión de Historia de Gentalha do Pichel, que foi aprobada por unanimidade. Este foi o acordo: “O Concello de Santiago iniciará xestións para retirar escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de enxalzamento da Ditadura franquista que aínda permanecen en diversos inmóbeis da cidade”. Este estudo xa fora presentado ao alcalde Martiño Noriega, alcalde por Compostela Aberta, o 15-6-2015 e ao reitor da USC Juan Viaño o 18-7-2016, e recollía tamén que máis de 30 profesoras/es e estudantes da USC, segundo Nomes de Voces, foron vítimas da represión en 1936.
Maio de 2018. Apróbase o novo Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións.
19 de xullo de 2018. O Pleno aprobaba –votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, e abstención do PP– retirar as distincións honoríficas a estes nove ministros na ditadura: José Solís Ruíz, Pedro Nieto Antúnez, Tomás Garicano Goñi, Gonzalo Fernández de la Mora, Federico Silva Muñoz, Manuel Lora Tamayo, Adolfo Díaz Ambrona, José Antonio Girón de Velasco e Laureano López Rodó. Manuel Dios, concelleiro de memoria histórica, sinalaba que se retiraban esas distincións aos ministros “en cumprimento da Lei de Memoria Histórica”. O PP acusaba aos grupos de esquerda de «mendacidad, exclusión, frivolidad y un indicio de contrabandismo de distinciones».
19 de agosto de 2018. María Rozas, alcaldesa en funcións de Compostela Aberta (en 2024 é Tenente Alcaldesa do goberno municipal), insistía na retirada de distincións a ministros franquistas e declaraba en Teo: “Temos que rachar coa amnesia imposta con actos como este, co nomeamento de Ánxel Casal como Alcalde de Honra de Santiago, coa retirada dos seus recoñecementos aos ministros franquistas ou coa reclamación dos bens espoliados polo ditador. Son xestos de xustiza”.
Setembro de 2019. O BNG presentaba no Pleno unha proposta lembrando que 226 veciños e veciñas de Santiago, segundo datos de Nomes e Voces, sufriron a represión da ditadura franquista, aprobándose a seguinte resolución: “O concello de Santiago creará a Comisión Especial de Memoria Histórica. Erguerá o monumento de homenaxe ao alcalde Ánxel Casal, asasinado en 1936, coa inserción dos nomes das persoas executadas ou presas durante o franquismo. Procederá a xestionar a retirada da simboloxía de enxalzamento franquista que aínda permanece na cidade. Instalará unha placa na nova terminal do aeroporto en lembranza das persoas que estiveron no campo de concentración de Lavacolla e que colaboraron na construción do aeródromo”.
22 de abril de 2022. Goretti Sanmartín, daquela portavoz municipal do BNG, criticaba a falta de vontade política do PSOE de Santiago na recuperación da memoria histórica, denunciaba que a simboloxía franquista segue sen retirarse da praza da Quintana e explicaba algunhas das propostas do BNG: unha estatua a Ánxel Casal e unha placa no aeroporto de Lavacolla, lembrando aos presos do campo de concentración. O 17 de decembro de 2022 inaugurábase unha escultura de Casal, alcalde de Santiago en 1936 e fusilado, diante da biblioteca que leva o seu nome, coa presenza do alcalde do PSOE Xosé Sánchez Bugallo.
19 de agosto de 2024. Os concellos de Teo (no lugar de Cacheira deste concello apareceu o cadáver de Ánxel Casal), alcaldía do PP, de Arzúa (BNG), alí foi detido Casal, e de Santiago (BNG), celebraron un acto institucional en Teo lembrando a Casal. A alcaldesa de Santiago manifestaba: “Esquecer é traizoar a nosa identidade como pobo”.
3 de decembro de 2024. Seguindo coa política de recuperar os lugares da memoria, lugares da represión, a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín participaba na inauguración dun monólito, preto das instalacións deportivas de Santa Isabel, con esta placa: “Neste lugar estivo localizado o cuartel de Santa Isabel, que funcionou durante a ditadura franquista como prisión habilitada e prisión central (1939-1946). En memoria das miles de persoas presas que pasaron por este cárcere”. Segundo o historiador Antonio Míguez Macho, membro do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA) da Universidade de Santiago de Compostela, sobre 1.500 persoas, a maioría de fóra de Galiza, pasaron por este campo de concentración.
Sanmartín manifestaba: “O mapa do noso concello non estaría completo sen marcar en vermello os lugares onde tantas persoas sufriron”. Míriam Louzao, concelleira de Memoria Histórica, lembraba a José Germán Fernández, alcalde republicano de Santiago en 1936 e fusilado polos fascistas, e manifestaba: “Actos como este non son exercicios de nostalxia, senón actos de dignificación e compromisos coa verdade”.
Dezasete anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica, dous anos despois da aprobación da Lei de Memoria Democrática e dezanove meses despois da celebración das eleccións municipais cun novo goberno municipal (alcaldesa do BNG Goretti Sanmartín), Santiago, capital de Galiza, aínda conserva 65 elementos contrarios á memoria democrática, é dicir ilegais. E ministros da ditadura conservan 24 distincións en Santiago entre rúas, medallas e Fillos Adoptivos.
A falta de vontade política e o incumprimento reiterado da Lei de Memoria Democrática chega a tal extremo que o artigo 41.1 desa lei sinala que se retiran os títulos nobiliarios a 33 golpistas, franquistas e cargos da ditadura para cumprir co obxecto desa lei: “Defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais” (artigo 1.3), pero conservan 66 distincións en 22 concellos de Galiza. No caso de Santiago, José Antonio Primo de Rivera perde o título de Conde, pero o seu nome continúa na praza da Quintana. Desaparece o título de marqués de Juan Antonio Suanzes, pero continúa coa Medalla de Prata; Fidel Dávila xa non é marqués pero segue coa Madalla de Prata o mesmo que Joaquín Benjumea que xa non é conde, pero conserva a Medalla de Prata de Santiago.
A situación de Santiago non é un caso excepcional, como xa teño comunicado ao Ministerio correspondente, colaborando na elaboración dun Catálogo de elementos contrarios á memoria democrática en todo o Estado. Esta sería a actualización deses catálogos, que xa enviei, unha auténtica vergoña nacional: a cidade da Coruña, alcaldía do PSOE, ten 378 elementos contrarios á memoria democrática (254 corresponden a placas con simboloxía franquista do Instituto Nacional da Vivenda en 85 rúas, e 35 corresponden a rúas, placas, esculturas e distincións a alcaldes e alcaldesa durante a ditadura); a Deputación da Coruña, goberno PSOE-BNG, conserva 37, entre eles as distincións de Fillos Adoptivos da provincia a catro militares (Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés, Luis Tovar Figueras e Pablo Martín Alonso), principais promotores do golpe de Estado de 1936 na Coruña, concedidas pola Deputación o 5 de xaneiro de 1937; Ferrol, con alcaldía do PSOE até 2023 e agora do PP, conserva 63 elementos contrarios á memoria democrática.
ELEMENTOS CONTRARIOS Á LEI DE MEMORIA DEMOCRÁTICA QUE O CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA DEBERÍA RETIRAR EN APLICACIÓN DO ARTIGO 35.1 DA LEI DE MEMORIA DEMOCRÁTICA (65)
HONRAS E DISTINCIÓNS (39)
José María Rivero de Aguilar Otero. Fillo Predilecto (12-6-1948). Medalla de Prata (2-2-1952) cando era Subsecretario de Obras Públicas. Militar golpista.
José Guerra Campos. Fillo Adoptivo (11-12-1971). Bispo. Procurador nas Cortes.
Juan José Espinosa San Martín. Fillo Adoptivo (21-10-1969). Ministro de Facenda na ditadura.
Antonio Carro Martínez. Fillo Adoptivo (26-11-1965). Ministro da Presidencia.
Enrique Salgado Torres. Fillo Adoptivo (26-11-1965). Falanxista e represor.
Pío Cabanillas Gallas. Fillo Adoptivo (25-11-1965). Subsecretario de Información e Turismo, despois ministro na ditadura.
Jorge Vigón Suerodíaz. Fillo Adoptivo (13-2-1965). Ministro de Obras Públicas.
José Daniel Lacalle Larraga. Fillo Adoptivo (13-2-1965). Ministro do Aire.
Manuel Fraga Iribarne. Fillo Adoptivo e Medalla de Honor (13-2-1965). Ministro de Información e Turismo.
Constantino Lobo Montero. Fillo Adoptivo (13-2-1965). Militar golpista.
Luis Rodríguez de Miguel. Fillo Adoptivo (13-2-1965). Falanxista, gobernador civil, ministro de Vivenda.
Rafael Hierro Martínez. Fillo Adoptivo (25-3-1952). Militar golpista. Ministro de Gobernación.
Blas Pérez González. Medalla de Prata (30-5-1947). Ministro da Gobernación.
Vicente Mortes Alfonso. Medalla de Ouro (13-3-1971. Ministro da Vivenda.
Fidel Dávila Arrondo. Medalla de Prata (11-6-1948). Falanxista. Ministro do Exército.
Juan Antonio Suanzes Fernández. Medalla de Prata (11-6-1948). Ministro de Industria e Comercio.
Carlos Rein Segura. Medalla de Prata (11-6-1948). Ministro de Agricultura.
Alfonso Sánchez Bella. Medalla de Honor e de Ouro (13-3-1971). Ministro de Información e Turismo.
José Ibáñez Martín. Medalla de Prata (7-6-1948). Falanxista, ministro de Educación e Ciencia.
José Luis Villar Palasí. Medalla de Ouro (13-3-1971). Ministro de Educación e Ciencia.
José María Martínez Sánchez-Arjona. Falanxista. Ministro da Vivenda.
Joaquín Benjumea Burín. Medalla de Prata (11-6-1948). Ministro de Agricultura e Traballo, e Facenda.
Eduardo González–Gallarza Iragorri. Fillo Adoptivo (12-3-1954). Falanxista. Ministro do Aire.
Alberto Monreal Luque. Medalla de Ouro (13-3-1974). Ministro de Facenda.
Francisco Regalado Rodríguez. Medalla de Prata (30-5-1947). Ministro da Mariña.
Alberto Martín Artajo. Medalla de Prata (11-6-1948). Ministro de Asuntos Exteriores.
Raimundo Fernández Cuesta. Falanxista, ministro de Agricultura e Xustiza.
Antonio Aranda Mata. Fillo Adoptivo (maio 1939).Militar golpista.
Francisco López Carballo. Medalla de Ouro (11-10-1974). Alcalde de Santiago na ditadura.
Ángel Jorge Echeverri. Fillo Predilecto e Medalla de Ouro (25-11-1965). Reitor da USC en 1968. Procurador nas Cortes Franquistas (1960-1968).
Luis Legaz Lacambra. Fillo Adoptivo e Medalla de Ouro (16-9-1959). Reitor da USC. Falanxista, Procurador nas Cortes franquistas (1943-1960).
José Puente Castro. Medalla de Prata (16-6-1965). Alcalde de Santiago despois do golpe militar.
Antonio José García Rodríguez-Acosta. Medalla de Honor (23-12-1965). “Vieja Gurdia” de Falanxe. Alcalde de Xaén. Gobernador Civil de Málaga.
José Fariña Ferreño. Medalla de Ouro (23-12-1965). Participou na preparación da sublevación militar e na represión fascista.
José Luis Taboada García. Medalla de Ouro (23-12- 1965). Delegado Nacional de Provincias de Falanxe.
Javier Laviña Beránger. Fillo Adoptivo (12-2-1965). Segundo Xefe da Casa Militar de Franco. Xeneral de División na ditadura.
Juan Carlos Borbón. Medalla de Ouro e Alcalde Perpetuo (29-4-1982).
José Fernando Filgueira Valverde. Medalla de Ouro (26-7-1990). Participou na represión. Alcalde de Pontevedra na ditadura, no seu mandato instálase ENCE. Procurador nas Cortes franquistas.
Rúas (6)
Ángel Jorge Echeverri (no Campus Sur)
Luis Legaz Lacambra (no Campus Sur)
Praza Doutor Puente Castro (no Ensanche)
Avenida Xosé Filgueira Valverde
Avenida Manuel Fraga
Avenida Xoán Carlos I
Residencia (1)
Residencia de estudantes “Teniente General Barroso” (Antonio Barroso y Sánchez Guerra, militar golpista).
Outros símbolos (19)
Inscrición “José Antonio Primo de Rivera” na praza da Quintana
Tres escudos franquistas que non foron retirados e que non se ven porque foron tapados cunha especie de caixa na Facultade de Químicas, Correos e estación de ferrocarril.
Placa de pedra na fachada dunha vivenda do Campo da Estrela, con escudo franquista «a la gloria» do comandante Simón Lapatza Valenzuela.
Placas co xugo e as frechas do INV no barrio de Ponte Pedriña:
Rúa Negreira: 1, 2, 3, 4, 5 e 6
Rúa Ordes: 2, 4 e 6
Rúa Padrón: 1, 2, 3 e 4
Xugo e frechas nun dos botafumeiros da catedral
Por todos estes motivos, SOLICITO que se teña en conta o catálogo sinalado de 65 elementos contrarios á memoria democrática no concello de Santiago de Compostela, que presento como vítima do franquismo e investigador, para a súa incorporación ao Catálogo do Estado, segundo o artigo 36.2 da Lei de Memoria Democrática.
O ANEXO, que axunto, amplía a información.
ANEXO
(Información recollida do libro de Manuel Monge OS RESTOS DO FRANQUISMO EN GALIZA, Edicións Laiovento, 2020)
José María Rivero de Aguilar Otero. Fillo Predilecto (12-6-1948) cando era director xeral de RENFE. Medalla de Prata (2-2-1952) cando era Subsecretario de Obras Públicas.
Militar golpista, participa co exército de Franco na sublevación de 1936, ocupando a Xefatura do Servizo Nacional de Ferrocarrís, ascendendo a comandante en outubro de 1936 e a tenente coronel en abril de 1937. Encargado polo xeneral Emilio Mola da organización militar dos ferrocarrís. Director Xeral de RENFE (1944). Subsecretario do Ministerio de Obras Públicas (1951-1955). Era irmán de Ramón Rivero de Aguilar, fiscal que acusou a Alexandre Bóveda, asasinado polo franquismo, e a outros moitos demócratas e republicanos en xuízos militares en toda Galiza.
Así era recollida a historia da familia Rivero de Aguilar:
No seu papel de enxeñeiro foi encargado polos xenerais golpistas para ordenar o tráfico ferroviario na zona que quedara no seu poder e poñelo a disposición das necesidades bélicas do xeneral Franco desde a xefatura do Servicio Nacional de Ferrocarriles. Froito do seu labor na retagarda, xa rematada a contenda (onde sería condecorado coa Cruz de Mérito da Orde da Aguia do exército alemán) foi sinalado en 1944 para exercer como director xeneral de RENFE. En poucos anos, o seu verdadeiro poder político pasará a consumalo en agosto de 1951 cando queda nomeado “subsecretario del Ministerio de Obras Públicas”. Un destino, con amplas e discrecionais dispoñibilidades orzamentarias, logrado nun momento de expansión da obra civil por parte do Estado.
Convertido en home de máxima confianza do conde de Vallellano, o todopoderoso ministro do ramo no goberno do xeneral Franco, a José María Rivero de Aguilar achéganselle todas as prebendas e honores propios dun tempo de adulación extrema. Nomeamentos de fillo adoptivo en Vilagarcía e Monforte, predilecto en Santiago, nomes de rúas e peiraos dedicados a súa figura, presidencia de procesións relixiosas, trofeos de fútbol baixo o seu apelido e, o máis importante, escollidos cargos en consellos de administración de empresa públicas e privadas. Unha acumulación de poder que durante eses anos o vai situar como o home máis poderoso de Galicia, fóra do propio ditador. A información privilexiada da que dispoñía, e a capacidade para converter calquera negocio ou proxecto nunha realidade a publicar no Boletín Oficial del Estado, vai converter a José María Rivero de Aguilar en algo máis ca un “simple” subsecretario de Obras Públicas.
Unha inesperada caída en desgraza que o seu íntimo camarada e conde, o ministro Vallellano, viuse na obriga de firmar. A prensa antifranquista do exilio, neste caso o Mundo Obrero, voceiro do PCE, que profusamente entraba clandestino en España, ofrecía en xullo de 1955 unha versión distinta á oficial. Segundo a versión do xornal comunista, a repentina destitución de José María Rivero de Aguilar no ministerio partira de máis altas instancias por causas directamente relacionadas coa corrupción. Unha purga debida, afirmaban, a que o coronel Luis Boix, xefe de persoal de Renfe, falsificaba a contabilidade referida ás nóminas dos obreiros da empresa estatal para quedar con sumas millonarias de diñeiro. Mundo Obrero, habitualmente ben informado por militantes infiltrados no seo da administración, ía máis alá e atrevíase a apuntar que o “subsecretario de Obras Públicas coronel Rivero de Aguilar, participaba también en el robo de los puntos de la Renfe. El cubría a Boix y le facilitaba sus operaciones a cambio de que una parte del botín fuese para sus manos, o a cambio de otros favores recíprocos en otros negocios por el estilo”. Con todo, a poucos meses da súa destitución, en decembro de 1955 estoupa outra bomba informativa cando transcende que ao Rivero de Aguilar caído en desgraza lle tocaran seis millóns de pesetas (daqueles anos) co premio gordo da lotería de Nadal. Todo un antecedente —nos dous casos circularon toda caste de chistes e bromas— do que lle acontecería tres anos despois a outro amigo de Franco e da mesma familia Rivero de Aguilar, como era o financeiro coruñés Pedro Barrié de La Maza que, tamén coa lotería, logra outra suma millonaria. (O fiscal que acusou a Bóveda e tantas outras historias da familia Rivero de Aguilar. Xosé Enrique Acuña, 1-12-2016)
José Guerra Campos. Fillo Adoptivo (11-12-1971)
Cóengo da catedral de Santiago (1951-1964). Bispo auxiliar de Madrid-Alcalá dende 1964 e bispo de Cuenca dende 1973. Procurador nas Cortes por designación de Franco de 1967 a 1977. Votou en contra da Reforma Política que se debateu nas Cortes o 18 de novembro de 1976.
En Ferrol xa retiraron en 1981, alcaldía do PSOE, a rúa do Cardeal Arriba y Castro. En Madrid o Pleno de 29 de xuño de 2016 retiraba a Medalla de Ouro da cidade, concedida en 1948, ao bispo Leopoldo Eijo Garay (votos a favor de Ahora Madrid e PSOE) pola súa vinculación co franquismo (foi conselleiro nacional de FET y de las JONS). En Palencia, alcaldía do PP, o Pleno de marzo de 2017 aprobaba, por unanimidade, cambiar a rúa Manuel González (bispo franquista) por Vera Cruz.
Juan José Espinosa San Martín. Fillo Adoptivo (21-10-1969).
Afiliouse ao SEU (Sindicato Español Universitario, de Falanxe) en 1935. Participou cos sublevados nunha bandeira de Falanxe en 1936. Subinspector Nacional do SEU. Avogado. Director da Caja Postal, da Casa Nacional de Moeda e Timbre. Presidente do Banco de Crédito Industrial e Directo Xeral do Tesouro. Persoa próxima ao Opus Dei. Procurador nas Cortes franquistas (1964-1969) e membro do Consello Nacional do Movemento. Ministro de Facenda de 7-7-1965 a 29-10-1969.
Espinosa San Martín recibía a distinción de Fillo Adoptivo de Cádiz o 7 de decembro de 1966 “en atención a la ayuda prestada desde el Ministerio de Hacienda para la concesión del crédito para el puente sobre la Bahía de Cádiz”. O Pleno da Deputación de Cádiz (presidencia do PSOE, votos a favor de PSOE, PA, IU e Ganemos Jerez, e abstención do PP) de 18 de abril de 2018 retiráballe a Placa de Ouro, o mesmo que aos ministros na ditadura Federico Silva Muñoz (concedida en 1968), Blas Pérez González (1968) e José María Fernández Ladreda (1949).
Antonio Carro Martínez. Fillo Adoptivo (26-11-1965) “por su constante interés por nuestra ciudad”.
Avogado, falanxista, Secretario xeral técnico do Ministerio de Gobernación, sendo ministro Camilo Alonso Vega. Ministro da Presidencia na ditadura de 3-1-1974 a 12-12-1975, no goberno de Carlos Arias Navarro. Procurador nas Cortes franquistas nas lexislaturas 7ª, 8ª e 9ª.
Deputado por Lugo por Coalición Democrática (da que formaba parte AP, despois PP) nas eleccións xerais de 1977 e 1989. Deputado por Lugo nas eleccións de 1982 por AP e vicepresidente segundo do Congreso.
Enrique Salgado Torres. Fillo Adoptivo (26-11-1965).
Enrique Salgado Torres, profesor mercantil pola Escola de Comercio da Coruña, era membro da Falanxe coruñesa antes de 1936 e alistouse como voluntario no exército sublevado. Xuntamente cos seus irmáns, participa en “las primeras labores de depuración política” despois do trunfo dos sublevados o 18 de xullo de 1936, como recolle Carlos Fernández no seu libro El alzamiento de 1936 en Galicia. Ascende a Capitán de Complemento de Artillaría por Orde do 21-1-1939, despois de realizar o curso de información en Segovia.
Figura como procurador nas Cortes franquistas, xuntamente co seu irmán Rafael e outros falanxistas como Manuel Fraga Iribarne, na “Estructura y miembros del IX Consejo Nacional de Falange Española Tradicionalista y de las JONS”, constituído o 20 de maio de 1961, por decreto do “Mando Nacional del Movimiento” de 13-5-1961.
Rematada a Guerra foi delegado provincial e conselleiro nacional do Sindicato Español Universitario (SEU) de Falanxe, tesoureiro xeral do Movemento e director xeral de Xestión e Financiamento da Seguridade Social. Delegado provincial de Sindicatos, director xeral da Vivenda e despois director do Instituto Nacional da Vivenda e Xefe Nacional da “Obra Sindical del Hogar y de Arquitectura” en 1962.
Como noutros casos, a súa biografía foi convenientemente “branqueada”. Desaparece a súa militancia fascista, a actividade represora e a folla de servizos á ditadura, que é substituída pola construción de vivendas, desenvolvemento urbanístico etc. Así, unha reportaxe de Carlos Fernández recollía: “Siendo director general de Vivienda (años 60), fue el máximo impulsor del desarrollo urbanístico de A Coruña y que, según el alcalde socialista Francisco Vázquez, fue el mejor alcalde que tuvo la ciudad, sin que nunca hubiese ejercido como tal” (La Voz de Galicia, 22-2-2009).
O Pleno de Ferrol, alcaldía do PSOE, cambiaba en 1981 a rúa Salgado Torres por Alcalde Quintanilla Martínez, fusilado polo franquismo en 1936.
Pío Cabanillas Gallas. Fillo Adoptivo (25-11-1965) e Medalla de Honor, cando era Subsecretario de Información e Turismo, “por su especial interés en la ciudad de Santiago de Compostela”.
Procurador nas Cortes franquistas dende 1969. Ministro de Información e Turismo na ditadura no goberno de Carlos Arias Navarro (4-1-1974 a 24-10-1974).
Jorge Vigón Suerodíaz. Fillo Adoptivo (13-2-1965).
Militar golpista, implicado na preparación da sublevación do 18 de xullo de 1936, contratou o avión que serviu para o traslado de Franco desde Canarias a Marrocos. Ministro de Obras Públicas na ditadura (1957-1967).
Ferrol retiroulle unha rúa no Pleno do 2-3-1981 (hoxe As Pías). Os concellos de Valencia e Santurtzi (Biscaia) retiráronlle as distincións.
José Daniel Lacalle Larraga. Fillo Adoptivo (13-2-1965).
Ingresa na Academia de Cabalaría en 1914. O 18 de xullo de 1936 estaba en Palencia, incorporándose en Pamplona ás forzas sublevadas do xeneral Mola. Toma o mando dunha compañía de requetés, na columna do coronel Ortíz de Zárate, combatendo en Navarra e Guipúscoa. Ascende a comandante e como Xefe de Estado Maior na 1ª Brigada de Navarra participa nas campañas de Santander e Asturias. Incorpórase á Aviación, actuando ao mando da 1ª Escuadra da Brigada de Savoia 76 nas frontes de Teruel, Segre, Batalla do Ebro e ofensiva de Cataluña. Rematada a Guerra ascende a tenente coronel en 1939; xeneral de Brigada (1950); ascende a tenente xeneral en 1958 e foi nomeado Capitán Xeneral da 4ª Rexión Aérea.
Ministro do Aire na ditadura de 10-7-1962 a 29-1-1969, participa desde o Consello de Ministros en toda a política represiva da ditadura franquista: creación do Tribunal de Orde Público (TOP) o 1-4-1963; fusilamento de Julián Grimau (20-4-1963); execución a garrote vil dos anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado; exilio do abade de Montserrat Aureli María Escarré (marzo 1965); separación das súas cátedras de Enrique Tierno Galván, Luis López Aranguren e Agustín García Calvo (agosto de 1965); peche da Universidade de Barcelona (30-4-1966) e despois a de Madrid (31-5-1968); secuestro do xornal ABC (22-7-1966); estado de excepción en Biscaia (21-4-1967); detención de 20 sacerdotes vascos (19-8-1967); estado de excepción en Guipúscoa (3-8-1968); detención e asasinato en dependencias policiais de Madrid do estudante Enrique Ruano; estado de excepción en todo o Estado do 25-1-1969 a 25-3-1969; designación polas Cortes franquistas de Juan Carlos como sucesor do ditador Franco na Xefatura de Estado (22-7-1969).
Procurador nas Cortes franquistas dende 1969. Cando se vota nas Cortes o 18 de novembro de 1976 a Lei para a Reforma Política, é un dos 59 procuradores que vota en contra. Inimigo de calquera tipo de reforma, mostrou unha falta de respecto aos estatutos de autonomía e á simboloxía legal. Manifestaba o seu desacordo con que a ikurriña ondease no balcón do casino de Plentzia (veraneaba neste concello de Biscaia), sen a compañía da bandeira española, e foi expulsado como socio desa entidade.
Entre as numerosas condecoracións, ten a Cruz da Orde da Águia Alemá, instituída o 1º de maio de 1937 por Adolf Hitler para premiar aos estranxeiros simpatizantes do réxime nazi.
O goberno de Plentzia, que xa retirara os retratos dos alcaldes no franquismo, adiantaba en marzo de 2019 que retiraría tamén os títulos honoríficos e medallas concedidas na ditadura a personalidades franquistas, entre elas a Lacalle Larraga (Medalla de Ouro).
Manuel Fraga Iribarne. Fillo Adoptivo e Medalla de Honor, concedida na ditadura (13-2-1965), cando era ministro de Información e Turismo do goberno de Franco.
Xa en democracia, recibe a distinción de Fillo Adoptivo e Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán o 17 de decembro de 1993, o mesmo día que Felipe González (entregada o 1 de decembro de 1998), “Por desenvolver, en estreita colaboración co concello, actuacións de investimentos e infraestrutura dunha enorme dimensión que completan a acción consorcial e posibilitan a expansión urbanística e o desenvolvemento económico de Santiago”.
Nado en Vilalba (Lugo) o 23 de novembro de 1922. Manuel Fraga falece en Madrid o 15 de xaneiro de 2012.
Un colectivo de 41 presas e presos políticos de Galiza na ditadura, co apoio de 62 historiadoras e 56 entidade de toda Galiza, facían público en decembro de 2018 o manifesto NON QUEREMOS O “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, que pode servir como breve biografía do ministro de Franco.
Como persoas presas políticas galegas na ditadura, que sufrimos a represión, queremos difundir esta biografía, non autorizada, do “Camarada Fraga” porque despois de 43 anos da morte do ditador Franco asistimos a unha ofensiva das forzas da dereita e ultradereita, todas con raíces franquistas, que poñen en perigo a democracia e as conquistas sociais.
Tolerancia cero co franquismo. Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, catalogada pola Asemblea das Nacións Unidas en 1946 ao mesmo nivel que a Alemaña nazi ou o fascismo de Mussolini.
O ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: “Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.
Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia franquista ou fascista. Afiliouse moi novo a Falanxe, en 1937; militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falange Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: conselleiro nacional do Movemento (o partido único); cando se constitúe por decreto do “Mando Nacional del Movimiento” de 13 de maio de 1961 a “Estructura y miembros del IX Consejo Nacional de Falange”, figura como Presidente do Instituto de Estudos Políticos e chega así a procurador das Cortes franquistas, cargo que ocupou durante varias lexislaturas; foi tamén membro do Consello de Estado.
Esta era a opinión de José Bergamín, escritor, poeta e dramaturgo, que despois do golpe fascista de 1936 presidiu no exilio a Alianza de Intelectuais Antifascistas: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”. Para José Manuel Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012, “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo”.
Dentro da biografía secuestrada de Fraga está a súa simpatía e admiración polas ideas do fascismo e a negación do Holocaustro xudio, e asinaba en abril de 1971 con outros significados fascistas un manifesto do Comité Español para a liberación de Rudolf Hess (número dous de Adolf Hitler), que solicitaba a súa liberdade porque estaba no cárcere alemán de Spandau.
Xuntamente con outros ministros da ditadura franquista, coñecidos como os “Siete Magnificos”, Fraga promove Alianza Popular (AP), que se convertería en Partido Popular (PP) en 1989. Os medios de comunicación recollían así as raíces franquistas deste partido: «NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas» (Portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977).
Hai moitos exemplos da falta de humanidade de Fraga. Na folga da minería asturiana de 1962 chamou “piojosas” ás mulleres dos mineiros que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo.
O “Camarada Fraga” entraba no goberno de Franco en 1962 como ministro de Información e Turismo e foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que se aprobaba no Consello de Ministros: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación e asasinatos de traballadores. Abandona o goberno de Franco en 1969, pero regresa ao Consello de Ministros co último Goberno de Carlos Arias Navarro, sendo vicepresidente para Asuntos de Interior e ministro da Gobernación. Durante o seu mandato neste ministerio, de decembro de 1975 a xullo de 1976, a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral. No tradicional Vía Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba dúas persoas.
Fraga participou activamente na política de represión contra o idioma galego e os medios de comunicación. Só no período de abril de 1968 até abril de 1969, Fraga abriu 201 expedientes administrativos que, en aplicación da Lei de Prensa e Imprenta de 1966, culminaron en 118 sancións. Durante os meses previos á concesión do título de Fillo Adoptivo, Fraga sancionaba con cinco multas a La Voz de Galicia pola publicación de artigos de opinión e noticias sobre as folgas de estudantes e multaba con 50.000 pesetas ao subdirector dese xornal, Francisco Pillado Rivadulla, pola publicación o 26 de xullo de 1968 do artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”. Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza. Alberto Míguez foi multado con 50.000 pesetas e condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de “El pensamiento político de Castelao” pola editorial Ruedo Ibérico.
Fraga xustificaba a represión e o Estado de Excepción de 24 de xaneiro de 1969 “para luchar contra las acciones minoritarias sistemáticamente dirigidas a alterar la paz española (…) y evitar que se arrastre a la juventud a una orgía de nihilismo y anarquía”. Mantiña excelentes relacións con fascistas e ditadores de todo o mundo como Hugo Banzer de Bolivia ou Pinochet de Chile. Xustificou os crimes dos GAL, manifestándose en 2002 contrario ao esclarecemento dos mesmos e cualificando ese terrorismo de Estado como “Movimiento de Autodefensa”. Despois do fracasado o Golpe de Estado de 1981, manifestaba que os golpistas do 23-F “estaban llenos de buena voluntad”. Fraga sempre recoñeceu os seus servizos á ditadura e no libro de Vázquez Montalbán Mis almuerzos con gente inquietante (1984) dicía: “Serví lealmente a Franco. Serví al Estado franquista”.
Manuel Fraga nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo. Se vivise hoxe sería citado a declarar pola xuíza arxentina María Servini, como outros ministros da ditadura franquista, no marco da Querela Arxentina, por crimes contra a humanidade, que non prescriben.
COMO SERVIDOR DO FRANQUISMO E MINISTRO DUNHA DITADURA CRIMINAL, MANUEL FRAGA NON MERECE RECOÑECEMENTO SOCIAL, NIN A DISTINCIÓN DE FILLO ADOPTIVO.
Despois dese manifesto, promovido polo colectivo de presas e presos políticos na ditadura, o Pleno de Ferrol de 25 de abril de 2019 acordaba (votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG) retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1965. O Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 acordaba iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. O concello de Cedeira (alcaldía do PSOE con maioría absoluta) cos votos a favor de PSOE e BNG, cambiaba en marzo de 2020 o nome da avenida Manuel Fraga e a distinción de Fillo Adoptivo no pleno de 2 de outubro de 2020.
Constantino Lobo Montero. Fillo Adoptivo (13-2-1965).
Militar golpista. Nado en Mugardos (1900) e falece en Ferrol (1993). Estaba destinado en Ferrol en 1936, participando como comandante no exército sublevado de Franco. Foi presidente do Centro Galego de Madrid.
Director xeral de Industria e Material en 1947; ascende a coronel en 1953 e a xeneral de Brigada en 1958; Gobernador Militar de Ferrol até 1959. Ascende a xeneral de División en 1962 e é nomeado Xefe de Artillería Antiaérea do Exército de Terra. Pasa á reserva en 1972 co grado de tenente xeneral honorario.
O Pleno do concello de As Pontes de xaneiro de 2009, con Valentín González Formoso como alcalde socialista e hoxe presidente da Deputación provincial da Coruña, acordaba retirar a este xeneral golpista a Medalla de Prata. O Pleno de Ferrol do 2-3-1981, alcaldía do PSOE, cambiaba a rúa Constantino Lobo por Catalunya.
Luis Rodríguez de Miguel. Fillo Adoptivo (13-2-1965).
Amigo persoal de José Antonio Primo de Rivera, afiliouse a Falanxe e foi un dos promotores en Zamora. En 1936 participou no exército sublevado de Franco.
Gobernador Civil de Baleares e Guipúscoa, dende marzo de 1942 a decembro de 1943. Foi procurador nas Cortes franquistas de 1955 a 1971 e de 1974 a 1975, e membro do Consello Nacional do Movemento. Subsecretario de Gobernación co ministro Camilo Alonso Vega. Ministro da Vivenda con Carlos Arias Navarro dende 1974. Durante a Transición foi promovido a Fiscal Xeral do Tribunal Supremo, cargo que ocupou desde febreiro de 1980 até a súa morte en 1982.
Rafael Hierro Martínez. Fillo Adoptivo (25-3-1952) “por su labor pacificadora y de seguridad en el mantenimiento del orden”.
Militar que se sumou á sublevación franquista. Director xeral de Seguridade, inspector xeral da Policía Armada –represor de folguistas barceloneses durante a ditadura de Francisco Franco–, Gobernador civil da Coruña e xefe provincial do Movemento, xeneral de División en 1961, vogal do Consello de Acción Social.
O concello da Coruña retiroulle a distinción de Fillo Adoptivo o 1 de marzo de 2010. O seu principal mérito para a concesión da distinción foi o seu posto de gobernador civil, dende onde se encargou de liquidar a loita dos guerrilleiros antifranquistas na provincia coruñesa (Informe da Comisión de Expertos da Coruña para retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo).
Blas Pérez González. Medalla de Prata (30-5-1947).
Ministro da Gobernación na ditadura de setembro de 1942 a febreiro de 1957. Vogal da Xunta de Defensa Nacional, organismo creado o 25 de xullo de 1936 polos sublevados. Foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputado pola Audiencia Nacional por delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.
Daba nome a unha avenida en Santa Cruz da Palma, concello natal, que foi cambiada. Tamén foi retirado un monumento que tiña nese concello. A Deputación de Cádiz retiráballe a Placa de Ouro o 18 de abril de 2018.
Vicente Mortes Alfonso. Medalla de Ouro (13-3-1971).
Ministro da Vivenda (29-10-1969 a 11-6-1973). Membro do Opus Dei. Na ditadura traballou na Xefatura Provincial de Falanxe en Valencia.
O pleno da Deputación de Valencia (presidencia do PSOE) acordaba por unanimidade (PSOE, Compromís, PP, EUPV e Valencia en Común) revogar numerosas distincións, entre elas a de Fillo Predilecto a Vicente Mortes Alfonso. En Valladolid tamén retiraban en 2017, alcaldía do PSOE, a rúa Vicente Mortes (hoxe Gloria Fuertes).
Fidel Dávila Arrondo. Medalla de Prata (11-6-1948).
Falanxista. Ministro do Exército de 20-7-1945 a 19-7-1951.
Sumouse á sublevación de 1936; estando en Burgos asumiu a dirección do Exército do Norte despois da morte do xeneral Mola, participando na toma de Bilbao, a ofensiva de Aragón, batalla do Ebro e a ofensiva de Cataluña. Ministro de Defensa no primeiro goberno franquista de 31 de xaneiro de 1938 até agosto de 1939. Despois de ascender a Tenente Xeneral o 19 de agosto de 1939, é nomeado Capitán Xeneral da II Rexión Militar con sede en Sevilla. Vogal da Xunta de Defensa Nacional. Foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputado pola Audiencia Nacional por delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.
Franco concedeulle o título de Marqués de Dávila o 18 de xullo de 1949, engadindo Grandeza de España en 1951, distinción que lle foi retirada en aplicación da Lei de Memoria Democrática.
A rúa Xeneral Dávila de Madrid foi retirada polo goberno de Manuela Carmena o 28 de abril de 2017 cos votos a favor de Ahora Madrid, PSOE e Cs e abstención do PP. O seu neto Rafael Dávila Álvarez, Xeneral de División, dirixiu unha carta á Alcaldesa en decembro de 2015, cualificando a decisión como sectaria e ideolóxica. O Pleno de Burgos, alcaldía do PP, retiráballe en 2017 a distinción de Fillo Adoptivo.
Juan Antonio Suanzes Fernández. Medalla de Prata (11-6-1948).
Marqués de Suanzes dende 1960, distinción retirada en aplicación da Lei de Memoria Democrática
En 1921 ascende a tenente coronel do Corpo de Enxeñeiros, sendo nomeado director do estaleiro de Cartaxena. Refúxiase como asilado na Embaixada de Polonia cando se produce a sublevación de 1936. En marzo de 1937 fuxe nun barco desde Valencia a Marsella e entra por Irún na zona controlada polos sublevados, presentándose a Franco en Salamanca e ofrecendo os seus servizos ao exército golpista.
Ministro de Industria e Comercio na ditadura do 2 de febreiro de 1938 ao 11de agosto de 1939. Coronel do Corpo de Enxeñeiros da Armada en 1940. Director do Instituto Nacional de Industria (INI) de 1941 a 1961. Novamente Ministro de Industria do 18 de xullo de 1945 a xullo de 1951. Ascendeu a Xeneral de División do Corpo de Enxeñeiros.
O Pleno do concello de Málaga do 29-11-2007, alcaldía de PP, retiráballe a distinción de Fillo Adoptivo e a Medalla de Málaga, concedida en 1962. O Pleno de As Pontes de xullo de 2017, alcaldía do PSOE, aprobaba unha moción presentada polo BNG para retirar a súa rúa. O Pleno de Puertollano (Cidade Real) de 29-3-2019, alcaldía do PSOE, retiráballe a Medalla de Prata e Brillantes, co voto a favor de PSOE e IU, concedida o 11 de abril de 1953, cando era presidente do INI. En 1978 “desapareceu” en Puertollano unha escultura inaugurado en xuño de 1967 con esta inscrición: “Puertollano al Marqués de Suanzes”.
Carlos Rein Segura. Medalla de Prata (11-6-1948).
Falanxista. Ministro de Agricultura de 20-7-1945 a 20-7-1951. Procurador nas Cortes franquistas (1943-1958 e 1961-1967).
O pleno de Málaga, alcaldía do PP, retiraba a Carlos Rein en 2007 a distinción de Fillo Predilecto, concedida en 1946.
Alfonso Sánchez Bella. Medalla de Honor e de Ouro (13-3-1971).
Vinculado á Asociación Católica Nacional de Propagandistas e ao Opus Dei. Como diplomático foi embaixador de España na República Dominicana, Colombia e Italia. Ministro de Información e Turismo (29-10-1969 a 29-6-1973).
A partir de 1938 combate co exército sublevado na Primeira Bandeira de Falanxe (Valencia). Locutor de radio e propaganda na primeira Compañía de Radiodifusión. Rematada a Guerra, dirixiu o xornal valenciano Avance, Radio Valencia e Radio Mediterránea. Foi tamén Director do Instituto de Cultura Hispánica (1948-1956).
No seu mandato como ministro pechou o xornal Madrid; pechou o xornal Nivel, despois da saída do primeiro número, “por contravenir los Principios Fundamentales del Movimiento”. Cando cesa como ministro é nomeado presidente do Banco Hipotecario de España até 1978.
José Ibáñez Martín. Medalla de Prata (7-6-1948)
Cando se inicia o golpe militar de 1936, e pola súa condición dereitista e fascista, foi detido en Murcia, onde pronto conseguiu evadirse e pasou á zona franquista, na cal participou en numerosos actos de propaganda destinados principalmente a Hispanoamérica, sobre todo a Chile e Arxentina. En 1939, rematada a Guerra, foi nomeado ministro de Educación Nacional, cargo que desempeñou de 1939 a 1951, encargado da depuración exhaustiva dos profesionais do ensino, un dos corpos que máis sufriron este tipo de represión. Máis tarde foi presidente do Consello de Estado e embaixador de España en Portugal (recollido do informe da Comisión de Expertos da Coruña en 2009).
O concello da Coruña aprobaba retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo no Pleno do 7 de setembro de 2009.
José Luis Villar Palasí. Medalla de Ouro (13-3-1971).
Nado en Valencia o 30-10-1922, faleceu o 7-5-2012. Subsecretario do Ministerio de Comercio (1962-1965), Ministro de Educación (18-4-1968 a 11-6-1973). Impulsor da EXB e BUP en 1970. Presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (1971-1973). Catedrático de Dereito Administrativo e membro do Consello de Estado.
O PSPV-PSOE, co apoio de Compromís e Podemos, presentaba en 2017 unha proposta nas Cortes Valencianas para, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, cambiar o nome dos colexios Villar Palasí nos seguintes concellos: Valencia, Sagunto, Quart de Poblet, Paterna, Xirivella, Burjassote e Orihuela. Por outra parte, a Consellería de Educación da Comunidade Valenciana dirixíase aos “centros educativos públicos da Comunidade Valenciana que aínda teñen nome de persoa, lugar o feito que estea relacionado co alzamento militar de 1936, a Guerra Civil e/ou a represión da ditadura franquista”, para que procedesen a súa retirada.
Poucos días antes da súa toma de posesión, o goberno da ditadura pechaba a Universidade de Madrid o 28 de marzo de 1968. Villar Palasí non era un técnico, dedicado a tarefas administrativas ou de xestión. Como ministro participa desde o goberno na represión: declaración do Estado de Excepción en Guipúscoa e despois en todo o Estado; asasinato en dependencias policiais do estudante madrileño Enrique Ruano. Numerosos/as traballadores/as foron asasinados pola Garda Civil e as Forzas de Seguridade do Estado. O 10 de marzo de 1972 foron asasinados en Ferrol os obreiros da Bazán Amador Rey e Daniel Niebla.
O concello de Paterna (Valencia) con alcaldía do PSPV-PSOE aprobaba no Pleno de xuño de 2018 cambiar os nomes do colexios Villar Palasí e Vicente Mortes, ministros na ditadura. Os pais e nais deses centros deciden os novos nomes en votación. Neste mesmo concello (con alcaldía, daquela, do PP) retiraron 343 placas franquistas do INV en 2014. En Vélez (Málga), alcaldía do PSOE, a Comisión Municipal que estuda o cambio de nomes, rúas e equipamentos públicos relacionados co franquismo, acordaba cambiar o nome do colexio José Luis Villar Palasí, despois da súa aprobación polo Consello Escolar.
José María Martínez Sánchez-Arjona.
Avogado (1905-1977). Marqués de Paterna del Campo dende 1958 por herdanza da súa nai Isabel Sánchez-Arjona.
Subxefe de Falanxe de Sevilla durante a Guerra. Xefe Nacional do Sindicato Téxtil en 1954. Secretario Nacional de Sindicatos (1957-1960). Conselleiro Nacional do Movemento. Ministro da Vivenda na ditadura do 20 de abril de 1960 a 29 de outubro de 1969. Procurador nas Cortes franquistas de 1952 a 1969.
O Pleno de Sevilla do 18 de xullo de 2008, alcaldía do PSOE, aprobaba a eliminación de 41 rúas franquistas, entre elas a de Sánchez-Arjona, que pasa a chamarse Esperanza de Triana.
Joaquín Benjumea Burín. Medalla de Prata (11-6-1948).
Nado en Sevilla en 1878, falece en 1963.
O 18 de xullo de 1936 estaba en Madrid, regresa a Sevilla, presentándose voluntario no exército sublevado. Presidente da Deputación de Sevilla, nomeado por Queipo de Llano (14-12-1936 a 4-12-1940). Ministro de Agricultura e Traballo (10-8-1939 a 20-5-1941). Ministro de Facenda (20-5-1941 a 18-7-1951). Gobernador do Banco de España (7-9-1951 a 30-12-1963). Franco concédelle o Condado de Benjumea en 1951.
O Pleno de Sevilla de 18 de xullo de 2008 acordaba, por unanimidade, cambiar o nome da súa rúa. En xaneiro de 2017 cambian en Alcosa (concello de Sevilla) o nome do CEIP Benjumea Burín, que pasa a chamarse Concepción Estevarena, poeta romántica sevillana do século XIX que viviu só 22 anos e escribiu máis de 100 poemas. O Pleno de Córdoba de xuño de 2018 cambiaba o nome da rúa Joaquín Benjumea Burín.
Eduardo González–Gallarza Iragorri. Fillo Adoptivo (12-3-1954).
Nado en Logroño o 18-4-1898, falece o 24-3-1986.
Falanxista. Participou co exército sublevado en 1936. Xeneral de Brigada en 1941 e xeneral de División en 1945. Ministro do Aire de 18-7-1945 a 25-2-1957. Vogal da Xunta de Defensa Nacional. González Gallarza foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputado pola Audiencia Nacional no sumario instruído polo xuíz Baltasar Garzón en 2008 polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.
Recibía en 1949 a “Medalla de Oro de la Villa” pola súa contribución á construción do aeroporto Calos Haya de Bilbao, pero o Pleno de Bilbao de 26 de febreiro de 2015 aprobaba (votos a favor de PNV e PSOE) revogar todos os títulos, premios e medallas outorgados polas corporacións franquistas dende o 19 de xuño de 1937 (día da “Liberación” de Bilbao polas tropas franquistas) até abril de 1979.
O seu fillo, Eduardo González-Gallarza Morales (ex JEMA), asinou o manifesto de militares en defensa de Franco, pediu a ilegalización de Podemos e foi denunciado por prevaricación en 2005 pola reordenación do escalafón da 41º Promoción.
Alberto Monreal Luque. Medalla de Ouro (13-3-1974)
Secretario Xeral Técnico do Ministerio de Obras Públicas (1965), Subsecretario do Ministerio de Educación e Ciencia (1968), vogal o Banco de Crédito Local. Procurador nas Cortes franquista entre 1969 e 1971 como membro do goberno e de 1971 a 1977 por designación de Franco. Ministro de Facenda de 29-10-1969 a 11-6-1973
Despois de cesado como ministro foi nomeado presidente de Tabacalera S.A. en 1974, permanecendo no cargo até 1982. Foi Secretario Xeral de Unión Democrática Española dende decembro de 1976, que se fusiona co Partido Popular Demócrata Cristiano, para constituír o Partido Demócrata Cristiano.
Francisco Regalado Rodríguez. Medalla de Prata (30-5-1947).
Nado en Ferrol en 1881, falece en 1958.
Alférez de Navío en 1911 e Capitán de Corveta en 1935. Incorpórase ao exército sublevado en 1936, sendo Xefe do Estado Maior da Flota Nacional e Segundo Xefe do Estado Maior da Armada no Cuartel Xeneral do Xeneralísimo Franco. Comandante do cruceiro Almirante Cervera (1941). Contralmirante en 1943. Ministro de Mariña (20-7-1945 a 19-7-1951). Despois foi nomeado Almirante e Capitán Xeneral do Departamento Marítimo de Ferrol.
Vogal da Xunta de Defensa Nacional. Imputado pola Audiencia Nacional por delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.
Alberto Martín Artajo. Medalla de Prata (11-6-1948)
Nado en Madrid o 2-10-1905, falece o 31-8-1979.
Letrado do Consello de Estado dende 1930. Durante a II República colabora con Ángel Herrera Oria; foi director do xornal católico El Debate e membro da Asociación Católica de Propagandistas (ACNP); intégrase na CEDA. Despois de estar refuxiado nove meses na embaixada de México dende o 18 de xullo de 1936, pásase ao bando dos sublevados, asesorando como xurista a Falanxe, á Xunta Técnica do Goberno de Burgos e ao Ministerio de Traballo franquista, participando na redacción do Fuero de los Españoles (1945).
Visita durante 1938 varias universidades estranxeiras, xustificando a orixe da Guerra como “Cruzada” para salvar a España do comunismo, e cando regresa é nomeado presidente de Acción Católica. Ministro de Asuntos Exteriores (1945-1957), nomeado para conseguir o recoñecemento internacional da ditadura. Asina o Concordato coa Santa Sede o 27 de agosto de 1953. Asina o acordo cos EEUU de América, Pactos de Madrid, o 26 de setembro de 1953. No seu mandato España ingresa na ONU en 1955.
Procurador nas Cortes franquistas por designación de Franco dende 1945. Secretario Xeral do Consello de Estado (1957). Presidente da ACNP (1957-1963) e vogal da Xunta Nacional de Acción Católica dende 1957. Estreito colaborador da Editorial Católica, conselleiro do Banco Exterior de España, da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Madrid e da Sociedad Española de Construcción Naval.
Raimundo Fernández Cuesta.
Falanxista, amigo persoal de José Antonio Primo de Rivera, militou na Falanxe desde a súa fundación.
Nas eleccións de febreiro de 1936, que gañou a Fronte Popular, presentouse por Xaén pero só tivo 6.930 votos e non conseguiu acta de deputado. Iniciada a sublevación do 18 de xullo de 1936, caeu prisioneiro na zona republicana, pero trocárono por Justino Azcárate, diplomático republicano.
Ministro de Agricultura (1938-1939), ministro de Xustiza (1945-1951) e ministro Secretario Xeral de FET y de las JONS (1948-1956). Presidente do Consello de Estado e procurador nas Cortes franquistas (1943-1977). Despois do falecemento de Franco foi un dos líderes da extrema dereita, un dos 58 procuradores das Cortes franquistas que o 18 de novembro de 1976 votaron en contra da chamada Lei para a Reforma Política, que derrogaba os Principios Fundamentais do Movemento.
Nas primeiras eleccións democráticas de 15 de xuño de 1977 o partido de Fernández Cuesta, Falange Española y de las JONS, participou con outros partidos da extrema dereita na coalición Alianza Nacional 18 de xullo, que non conseguiu nin un deputado.
Vogal da Xunta de Defensa Nacional. Imputado pola Audiencia Nacional por delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.
Antonio Aranda Mata. Fillo adoptivo (maio 1939).
“Las fiestas de la victoria. EN GALICIA LAS MUCHEDUMBRES RECIBEN A LOS SOLDADOS TRIUNFADORES ENTRE DELIRANTES ACLAMACIONES PATRIÓTICAS. HOMENAJE EN GALICIA AL GENERAL ARANDA”, este era o titular. A crónica estaba datada o día 24 ás 4 da tarde e informaba da “ofrenda de una corona de oro al Apóstol. Banquete en la Universidad. El general, hijo adoptivo de la ciudad”.
El general Aranda, en medio de grandes ovaciones, se dirigió también a la muchedumbre, haciendo resaltar públicamente las virtudes heroicas de los soldados de Galicia, a los que quiere como hijos propios. Manifestó su sentimiento profundísimo de gallego. Terminado el desfile, se celebró un banquete ofrecido por las Diputaciones gallegas a los generales Aranda y Martín Alonso. En el salón de actos del Ayuntamiento se verificó la entrega al general Aranda de un artístico pergamino en el que se le nombra hijo adoptivo de la ciudad de Compostela. El gobernador civil, Sr. Muñoz de Aguilar, terminó pidiendo al Apóstol que bendiga al Caudillo para que siga guiándonos con igual acierto para la reconstrucción del Imperio (ABC, 25-5-1939).
O concello de Sada, alcaldía do BNG, xa retirou a rúa a este militar golpista en 2003.
Francisco López Carballo. Medalla de Honor e de Ouro (11-10-1974)
Alcalde de Santiago na ditadura (1964-1974). Deputado provincial, procurador nas Cortes franquistas (1967-1970).
Entre os seus “méritos” para recibir esta distinción, podemos sinalar que presidía a corporación municipal que en 1974 promoveu o derrubamento do Edificio Castromil na praza de Galicia, símbolo do modernismo galego, obra do arquitecto Rafael González Villar. Despois da expropiación deste edificio polo concello para facer un aparcamento soterrado, o “crime urbanístico” consumouse en setembro de 1975, co alcalde Antonio Castro. O goberno municipal de López Carballo non atendía as protestas veciñais e do movemento asociativo e tampouco a petición do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que pediu a declaración do Edificio Castromil como Monumento Histórico Artístico.
Ángel Jorge Echeverri. Fillo Predilecto (25-11-1965).
Catedrático de Anatomía e Cirurxián. Procurador nas Cortes franquistas (1960-1968). Era reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1968 cando se producen importantes mobilizacións de estudantes.
Participa como Reitor o 27 de xullo de 1965 na investidura do ditador Franco como Doutor Honoris Causa pola Facultades de Ciencias, con este discurso que destaca o “genio político” do ditador Franco:
En el discurrir histórico de nuestra Universidad, el título de Doctor Honoris Causa ha sido otorgado en limitadas ocasiones y en ésta alcanza el mayor relieve al hacerlo a favor del Jefe del Estado Español, don Francisco Franco Bahamonde, que añade a su destacada figura como gobernante, la de prestar apoyo a la cultura,que es la que define a los pueblos y su situación en la comunidad de valores del espíritu. Yo deseaba , Excelencia, que al recibir esa muceta de color azul que cubre vuestro pecho penséis en el corazón de la Universidade española que hoy late al unísono con el vuestro, unidad tan querida y deseada por todos. La medalla del alta magisterio que he tenido la honra de colocaros lleva los símbolos de nuestra Universidad. Nadie mejor maestro que vos, ya que vuestra vida, como dijo en esta misma “alma mater” el señor ministro de Educación Nacional [Lora Tamayo], está llena de magistrales lecciones experimentales de táctica militar y de genio político.
A crónica de ABC de 28-7-1965 recollía que as palabras do Sr. Echeverri “fueron acogidas con una cerrada salva de aplausos”. Esta distinción a Franco foi retirada pola USC o 10 de novembro de 2006, sendo reitor Senén Barro.
Ten tamén unha rúa no Campus Sur.
Luis Legaz Lacambra. Fillo Adoptivo e Medalla de Ouro (16-9-1959).
Falanxista. Nado en Zaragoza o 17-4-1906, falece en Madrid o 3-5-1980. Militou na Federación de Estudantes Católicos na Ditadura de Primo de Rivera. En 1933 preséntase como candidato por Zaragoza polo Partido Republicano Conservador de Miguel Maura, pero non foi elixido.
Consegue a cátedra de Filosofía do Dereito na Universidade de La Laguna no curso 1934-1935. Trasládase a Santiago en 1935 onde foi reitor e catedrático até 1960. En 1953 publica Filosofía do Dereito. Catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade Complutense de Madrid dende 1960 e Decano da súa Facultades de Dereito (1976-1977) até a súa xubilación en 1976, segundo datos da Real Academia da Historia.
Cualificado pola Fundación Nacional Francisco Franco como “Filósofo del Derecho e ideólogo Nacional Sindicalista”, con datos da súa traxectoria política. O 18 de xullo de 1936 sumouse ao golpe militar, afiliándose a Falange. Publica entre outras, estas obras: “Cuatro Estudios sobre Sindicalismo Vertical”, “Teoría Económica del Nacional-Sindicalismo”; “Cooperativismo y Nacional-Sindicalismo; “La personalidad Jurídica del Sindicato Vertical”.
Procurador nas Cortes franquistas de 16-3-1943 a 10-10-1960. Subsecretario do Ministerio de Educación Nacional (1962-1968), sendo ministro Manuel Lora Tamayo.
Ten tamén unha rúa no Campus da USC.
José Puente Castro. Medalla de Prata (16-7-1965).
Nado en Santiago (6-2-1883), faleceu na mesma cidade (7-2-1963).
Licenciado e doutor en Medicina pola USC. Cirurxián. Crea en Santiago en 1926 o sanatorio privado de San Agustín.
O 18 de xullo de 1936 marcha á fronte de Asturias co exército sublevado, incorporándose no hospital de Luarca. Nomeado médico militar do hospital de Guitiriz en setembro de 1936. O 12 de outubro de 1936 é nomeado Delegado Civil Gobernativo de Santiago, substituíndo ao comandante Manuel García Diéguez. Permanece no cargo de alcalde até o 16 de outubro de 1936, que é cesado polo gobernador da Coruña por incompatibilidade co cargo de médico de Guitiriz, sendo substituído por Juan Varela de Limia García.
Antonio José García Rodríguez-Acosta. Medalla de Honor (23-12-1965)
Nado en Xaén o 15-2-1921, faleceu en Madrid o 14-4-2006.
Fundador do Sindicato Español Universitario (SEU) de Falange en Xaén. Militante da “Vieja Guardia” de Falange de Xaén. Alcalde de Xaén (1955-1958). Gobernador Civil de Málaga (1958-1962). Subsecretario de Turismo (1962-1967). Director Xeral do Instituto Español de Emigración (1969-1973). Vicesecretario Xeral do Movemento (1974-1975). Fiscal do Tribunal Supremo (1975-1976).
José Fariña Ferreño. Medalla de Ouro (23-12-1965).
Fascista e golpista, era unha persoa moi próxima a José Calvo Sotelo e totalmente implicado na preparación da sublevación do 18 de xullo de 1936. Na primavera de 1936 exerceu de enlace entre o xeneral Sanjurjo e militares golpistas, levando unha mensaxe desde Lisboa para o xeneral Varela, que estaba en Cádiz
Director Xeral do Banco de Crédito Local de 1938 a 1968). Este organismo oficial facilitaba cos seus créditos a realización de obras por parte dos concellos e por iso era considerado como un “benefactor”, merecedor de distincións honoríficas.
Cando fracasan as subscricións populares, promovidas pola Junta Pro Pazo del Caudillo, para pagar o elevado custo da compra do pazo de Meirás, o Banco de Crédito concede un crédito de 500.000 pesetas para financiar a compra e as reformas necesarias no pazo de Meirás.
Por outra parte, José Fariña Ferreño foi unha persoa de confianza do ditador Franco e unha peza importante na represión fascista, como recolle o traballo Entre la propaganda y el espionaje: la Delegación Especial para la Información de Residentes en Territorio Liberado en la España de la Guerra Civil (1936-1939), dos profesores Dolores Ruíz-Berdum, Allberto Gomis Blanco e Antonio González Bueno das Universidades de Alcalá e Complutense de Madrid. Segundo este estudo, tratábase dunha “organización formada por personal voluntario, formalmente destinada a recabar información sobre las personas que se encontraban en Madrid y, con posterioridad en el resto del territorio sometido por las tropas franquistas y cuyos datos fueron empleados con fines represores, ya durante la guerra y, particularmente, al finalizar ésta”. Explican como Fariña Fereño consegue dirixir esta organización, que chegou a elaborar 1.200.000 fichas: “En noviembre de 1936 el ejército sublevado pensaba que la entrada de sus tropas en Madrid sería inminente. Surgió entonces la necesidad de obtener una información rápida y precisa sobre los sucesos ocurridos en la capital durante la ´dominación marxista´. Una de las personas del entorno inmediato de Francisco Franco, José Fariña Ferreño, ideó la denominada Delegación de Información de Residentes en Madrid (DIDREM)”.
Os “servizos” de Fariña Ferreño a prol da ditadura foron recoñecidos e o 1 de abril de 1944 recibía de José Luís Arrese, secretario xeral de Falange Española, a Encomenda con Placa da Orde de Cisneros, unha distinción que se concede para premiar os destacados servizos de quen demostraron un alto espírito de entrega nas tarefas de engrandecemento da Patria.
A Xunta de Goberno Local de Cádiz aprobaba en xullo de 2018 a retirada da placa do grupo de vivendas Fariña Ferreño.
José Luis Taboada García. Medalla de Ouro (23 decembro 1965).
Médico. Falanxista. Presidente do Instituto Social da Mariña. Delegado Provincial de Provincias de FET y de las JONS: “Decreto 161/1961, de 2 de febrero, por el que se nombra al camarada José Luis Taboada García, Delegado Nacional de Provincias de Falange Española Tradicionalista y de las JONS”. Presidente do Sindicato de Actividades Sanitarias. Director Xeral de Política Interior (nomeaba gobernadores). Conselleiro do Reino.
Participa o 25 e marzo de 1963 nun acto en Huesca con Blas Piñar e Ramón Encinas Diéguez, daquela Gobernador Civil da provincia, para celebrar o 25º aniversario do levantamento do sitio desa cidade polo exército da República. Preside en Vilagarcía de Arousa o 17 de marzo de 1968, como Delegado Nacional de Provincias, o 33º aniversario do discurso que José Antonio Primo de Rivera dirixiu ás Falanxes Galegas en 1935. No acto celebrado no Teatro Cervantes falou tamén Ramón Encinas Diéguez, daquela Gobernador Civil de Pontevedra e Xefe Provincial do Movemento.
Esta folla de servizos á ditadura franquista era presentada así por José Ramón Ónega: “Llenó una época de largos servicios al Estado y al Movimiento, sin sectarismos ni pase de facturas. La historia también se alimenta de hombres que, en otras circunstancias y situaciones, inventaron el futuro. La ideología no les impidió ser buenos”. (El Correo Gallego, 7-1-2007)
Gobernador Civil de Salamanca de setembro de 1951 a febreiro de 1961. Medalla de Ouro por Salamanca (18 de marzo de 1961). Unha sentenza xudicial de decembro de 2018 obrigaba á Deputación de Salamanca a retirar a Medalla de Ouro da provincia a José Luis Taboada, concedida en 1956.
Javier Laviña Beránger. Fillo Adoptivo (12-2-1965).
Nado en Madrid (1-6-1898), falece na mesma cidade (11-2-1986).
Neto do Contralmirante José María de Beránger y Ruiz de Apodaca, deputado en catro lexislaturas no Sexenio Democrático ou Sexenio Revolucionario (1868-1874) e Ministro de Mariña en seis ocasións.
Ingresou na Academia de Infantería, pasándose despois á aviación onde foi un dos pioneiros. Capitán do Exército do Aire (1936). Despois de varios ascensos, a partir do golpe militar de 1936 exerce como Coronel en Xefe do Estado Maior Central en Madrid; Segundo Xefe da Casa Militar de Franco (1957); Xeneral de División (1964); Subsecretario de Aviación civil (1967).
O Pleno de Santiago concedeulle na ditadura a distinción de Fillo Adoptivo polas súas xestións para a mellora do aeroporto de Santiago.
Juan Carlos Borbón. Medalla de Ouro e Alcalde Perpetuo (29-4-1982)
Estes son algúns dos “méritos” de Juan Carlos Borbón, sinalados nos apartados do capítulo “Unha monarquía impresentábel e corrupta” do meu libro Guía para non perderse en política. 120 realidades silenciadas (Edicións Laiovento, 2018):
O ditador Franco elixiu a Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado e ben atado para o futuro” e este xurou fidelidade ao Caudillo e ás leis da ditadura. Juan Carlos tiña un grande afecto e admiración polo ditador. Juan Carlos I e Felipe VI nunca condenaron a ditadura criminal de Franco. O rei Juan Carlos e Franco concederon títulos nobiliarios a fascistas, golpistas e criminais. O rei Juan Carlos foi o inspirador do intento de golpe de Estado do 23–F e era o “xefe” da trama Nóos, na que estaba implicado Iñaki Urdangarín.
Os Borbóns foron, historicamente, uns traidores. O rei Juan Carlos abdicou para preservar a monarquía e perpetuar o dominio das forzas conservadoras. Temos unha monarquía corrupta e o rei Juan Carlos fixo unha gran fortuna. “Los Borbones son unos ladrones”, título dun videoclip que ten total actualidade. É unha canción pola liberdade de expresión, gravada por un grupo de rapeiros no cárcere Modelo de Barcelona, despois das sentenzas con penas de cárceres para Valtònyc e Pablo Hasél. Os Borbóns viven como deus. Os Orzamentos do Estado pagaron unha casa para a princesa Corinna, preto da Zarzuela, viaxes e seguridade. Os negocios de Corinna co rei Juan Carlos están moi documentados. A monarquía está blindada: o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) non pregunta sobre Monarquía ou República; os medios de comunicación censuran toda a información sobre a corrupción da Familia Real; o CESID secuestra información; o Congreso non responde a preguntas comprometedoras para a monarquía; continúan as sancións por supostas inxurias contra a coroa.
A operación da abdicación do rei Juan Carlos en 2014 para salvar a Corona ten continuidade cando o rei Felipe VI pon en escena a segunda parte desta farsa, anunciando que renuncia aos dereitos de herdanza e retirando ao rei Emérito Juan Carlos I a asignación anual de 195.000 euros dos Orzamentos do Estado. Tarde piaches! porque Felipe VI era coñecedor dende hai moito tempo, como el mesmo recoñece, de que figuraba como segundo beneficiario dun fondo offshore (Fundación Lucum, con sede en Suíza, dende a que se realizaron transferencias de 100 millóns de dólares ás contas de Corinna) vinculado a Juan Carlos I; e calou. Sabía tamén que a Fiscalía suíza está a investigar presuntas actividades ilegais do seu pai, relacionadas co cobro de 65 millóns de euros de Arabia Saudita, por comisións; e calou. Só toma as decisións sinaladas cando esa corrupción é destapada polo xornal británico The Telegraph, e o xornal El País informa que Felipe VI figura, segundo a xustiza suíza, como terceiro beneficiario da Fundación Zagatka, con sede en Luxemburgo, propiedade de Álvaro de Orleans-Borbón, curmán de Juan Carlos, dende a que se pagaban, entre outros gastos, as viaxes en avións privados do rei Juan Carlos. Despois deste relato, a conclusión é evidente: o problema non é Juan Carlos Borbón, nin Felipe Borbón, o problema é a Monarquía e a alternativa é a República.
Barcelona xa cambiou en 2017 a praza Joan Carles I e retirou o seu busto do Salón de Plenos. En Vitoria o alcalde Gorka Urtaran (PNV) anunciaba que iniciaban o expediente para cambiar o nome da avenida Juan Carlos I cando acabe a emerxencia sanitaria provocada polo Coronavirus, e declaraba: “Este señor ha demostrado que no se merece tener una calle. Está claro que cobró por presuntas actividades irregulares al menos 100 millones de euros de Arabia Saudí. Vitoria merece que sus calles lleven el nombre de personas honradas, honestas, que han trabajado por el bien común, por la comunidad, y este caso no lo es”. Desde o 29 de xullo de 2020 esa rúa pasa a chamarse “8 de Marzo”..
Despois de coñecerse novos casos de corrupción, o BNG de Vigo pedía en marzo de 2020 a retirada do busto do rei Juan Carlos, situado na entrada da casa do concello. O Goberno de Pontevedra (BNG-PSOE) cambiaba a avenida Juan Carlos I por Virxinia Pereira Renda en abril de 2021. Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, manifestaba que “é un acto de xustiza, de decencia e de hixiene democrática», e cualificaba a Juan Carlos I como «un personaxe corrupto que cobraba comisións de dubidosa procedencia; que as ocultaba en contas en Suíza para eludir ao fisco e que abochorna até aos monárquicos decentes». Tino Fernández, tenente alcalde e potavoz do PSOE tamén manifestaba que “o cambio de nome está plenamente xustificado” e lembraba o comunicado da Casa Real de 15 de marzo de 2020, un día despois de que se decretase o estado de alarma polo coronavirus, no que Felipe VI anunciaba que renunciaba á herdanza do seu pai e a retirada da súa asignación “coa finalidade de preservar a exemplaridade da Coroa”
José Fernando Filgueira Valverde. Medalla de Ouro (26-7-1990).
Militante do Partido Galeguista até maio de 1935, que encabeza unha escisión para constituír Dereita Galeguista por estar en desacordo coa política de alianzas coa esquerda. Alcalde de Pontevedra na ditadura (1959-1968). Profesor do Instituto de Lugo e posteriormente de Pontevedra (1940-1976). Director do Museo Provincial (1942-1976). Membro numerario da Real Academia Galega (1942). Primeiro conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
Procurador nas Cortes franquistas até 1971. Participou na represión franquista como presidente da Comisión Depuradora do Maxisterio e como membro da Comisión de Depuración de Bibliotecas de Lugo.
Cando a Real Academia Galega dedica a Filgueira Valverde o Día das Letras Galegas 2015, esta era a opinión da Mesa pola Normalización Lingüística: “Unha persoa como Filgueira Valverde, que destacou por formar parte do réxime franquista, tanto como alcalde de Pontevedra como de procurador en Cortes, non pode ser obxecto de homenaxe”. “Un réxime que dirixiu os seus ataques máis feroces contra a lingua e cultura galegas, con consecuencias que, en grande medida, padecemos na actualidade”, segundo declaraba Marcos Maceira, presidente da Mesa.
Rúas
Rúa Ángel Jorge Echeverri, no Campus Sur.
Rúa Luis Legaz Lacambra, no Campus Sur
Praza do doutor Puente Castro, no Ensanche.
Avenida Xosé Filgueira Valverde, inaugurada o 23 de xuño de 1994, sendo Xerardo Estévez (PSOE) alcalde de Santiago.
Avenida Manuel Fraga. O Pleno de 29 de setembro de 2011, con alcaldía de Gerardo Conde Roa (PP), acordaba dedicar esta avenida a Manuel Fraga (votos a favor do PP e PSOE e en contra do BNG).
Avenida Xoán Carlos I.
Outros símbolos franquistas
Inscrición “José Antonio Primo de Rivera” na fachada do convento de San Paio de Antealtares, que dá á praza da Quintana. O PSOE de Burgos dirixíase por escrito ao arcebispo de Burgos, Fidel Herráez, ao presidente do Cabildo Metropolitano e ao deán da Catedral para que promovan a retirada de inscrición dedicada a José Antonio Primo de Rivera na fachada da catedral (Cadena SER-Burgos, 29-10-2018).
Tres escudos franquistas que non foron retirados e que non se ven porque foron tapados cunha especie de caixa, na Facultade de Químicas, Correos e estación de ferrocarril.
Placa de pedra na fachada dunha vivenda do Campo da Estrela, con escudo franquista «a la gloria» do comandante Simón Lapatza Valenzuela, comandante de Estado Maior (nacera nesa casa en 1900 e faleceu o 24-7-1936). «¡Presente!». Este militar morreu na toma de Morón de la Frontera cando combatía co exército sublevado.
Se el primero en comentar