Sergio Balchada: “Foi vital a participación dos anarquistas galegos de Trintxerpe para que Donostia non caera nas mans dos fascistas no primeiro momento”

O papel dos galegos en Euskadi era moi importante, por riba de todo porque abandeiraron, nos anos da República, moitos dos movementos sociais, sobre todo para mellorar as condicións de traballo e salariais dos mariñeiros

Por Angelo Nero

É obrigado felicitar a Sergio Balchada polo traballo realizado con “Galegos no exército de Euzkadi 1936/1937”, porque é un libro que, ademais de estar excelentemente documentado e editado, e moi ameno de ler, algo que non sempre sucede con este tipo de estudos, e as veces ten un ritmo máis propio dunha novela que dun ensaio.

A verdade é un tema que, cando comecei, non sabía moi ben por onde collelo, e a medida que fun buscando información, máis ou menos, no maxín xa comezou a formarse un pouco como podía, e logo sempre vas atopando cousas que che van enchendo o libro e o vas facendo atractivo. Pero o importante, nos libros de historia, e que cheguen ó maior número de xente posible, que non sexa un tostón deses científicos. Ten que ter o seu rigor histórico, as súas fontes, pero ó mesmo tempo que chegue ós historiadores, ten que chegar á xente.

E ademais contaches co apoio da Deputación de Pontevedra, dende a súa área de Memoria Histórica.

Foi unha sorte moi grande, a verdade, porque o libro tivo unha viaxe, antes de chegar á Deputación, que chegou un momento que pensei que ou ben tiña que deixalo ou intentar facer autoedición, cousa que era bastante complicada. A verdade foi unha sorte o apoio da Deputación, e estou moi agradecido.

O exército de Euskadi nace, oficialmente, e novembro de 1936, despois de que o Goberno Vasco decretase a militarización das Milicias, ¿que territorio controla este exército e de cantos efectivos dispón?

Nun primeiro intre, os efectivos van arredor de 45.000 homes, máis ou menos, e teñen un control moi pequeno do territorio, non é a actual Euskadi, basicamente porque Araba está practicamente en mans dos rebeldes, agás unha franxa na zona norte, e logo Gipuzkoa, no verán do 36, tras duros combates, acaba tamén sendo tomada polos rebeldes. O que queda, basicamente, o que controla o exército de Euskadi é a actual provincia de Bizkaia, toda esa franxa norte de Araba, e unha pequena franxa de Gipuzkoa, Eibar, Elgueta, Markina, pero sobre todo o territorio de Bizkaia.

Os galegos tiveron unha presenza destacábel en varios destacamentos de Exército Vasco, como no Bakunin e, sobre todo, no Celta. ¿Cal era a procedencia destes combatentes galegos, e que figuras salientables nomearías desta pegada galega no Euskadiko Gudarostea?

A procedencia é variada. Temos por unha banda os galegos que xa estaban establecidos en Euskadi, traballando, falamos sobre todo de mariñeiros na zona de Trintxerpe, principalmente, que é un barrio de Pasaia, en Gipuzkoa. Tamén da zona mineira, Gallarta, Ortuella, Muskiz. Na marxe esquerda da ria de Bilbao, Barakaldo, Sestao, tamén había bastantes galegos.

Logo nútrense estes batallóns de desertores do exército rebelde, xa que moitos eran esquerdistas, e cando a sua terra queda, dende os primeiros compases, do lado dos fascistas, moitos deles ó ser chamados a quintas, ou a alistarse voluntarios, únense coa idea de poder pasarse ó exército contrario.

E logo temos, aínda que os menos, un corpo que era o Batallón Disciplinario, onde a Primeira Compañía estaba formada por galegos, moitos deles desertores que non podían constatar ou confirma o seu pasado esquerdista, ou ben prisioneiros de guerra. Sobretodo na primeira batalla que ten o Exército de Euskadi, a de Villareal, onde collen bastantes prisioneiros, moitos galegos, cos que tamén van enchendo os batallóns vascos.

Membros do Batallon Celta CNT nº6. en Larrabetzu (Bizkaia) fins de maio de 1937. Fotografía: Fundación Anselmo Lorenzo

O Batallón Disciplinario, utilizado como forza de choque, tivo entre as súas filas a numerosos galegos de variada procedencia, desertores do exército fascista e prisioneiros de guerra. ¿Que papel xogou no fronte de Euskadi este destacamento que destacou en batallas como a de Saibigain?

O monte Saibigain se lle coñece como o monte da sangue, pola batalla que houbo alí. Ó principio o que é o Batallón Disciplinario tamén acolle a milicianos que teñen algún episodio de indisciplina, e os mandan alí como castigo, e ten normalmente as función de facer trincheiras, mesmo estradas, pero había unha Primeira Compañía, que era a do capitán Eliseo Pancorbo, que era onde estaban os galegos, que facía tamén tarefas de vixilancia, e estes participaron precisamente na Batalla de Saibigain, cunha destacada actuación, combatendo en primeira liña. Foi un dos batallóns que avanzaron cara o cumio do monte. A batalla foi o 14 de abril do 37.

Recolles un exhaustivo listado con máis de mil combatentes galegos, máis pode que sexan moitos máis os nosos compatriotas que loitaron defendendo Euskadi do fascismo. ¿Non si?

Si. Foron moitos máis, o que pasa é que, as veces, é complexo atopar o dato que asegurase a procedencia galega, nalgúns casos podíase conseguir, noutros non, e no tinteiro quedaron moitos que tiñas apelidos galegos pero non había ese dato para confirmar que foran paisanos nosos. De feito, de cando en vez vou atopando algún máis, é unha mágoa que non puideran entrar no libro. Esta e unha pequena representación. Non sei exactamente o número que podería haber, pero polo menos 2.000 homes.

Seica o teu ámbito de estudo non é o da Guerra Civil, ¿Como xurdiu o proxecto de facer un estudo en profundidade da participación dos galegos na guerra de Euskadi?

Ten moito que ver coa casualidade. Como comentas, eu estudei en Santiago, a miña especialidade é a Historia Medieval, que era o que me movía e me sigue a mover. No ano 2009 un amigo faloume do Cinturón de Ferro, eu non tiña nin idea, empecei a ler algo, e nun libro facía mención ó Batallón Celta, un batallón de galegos, e chamoume a atención. E a partir de aquí, empeceime a meterme de cheo na investigación, a ler libros, a ver se atopaba máis referencias a combatentes galegos, e si que algunha cousiña iba aparecendo. Empecei a atopar máis información a raíz dun libro de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, sobre o movemento libertario en Galiza, e aí falaban máis de xente que estivera no Celta, e a partir de aí comecei a tirar do fío, empecei a organizar as ideas, a ir a arquivos para procurar información de fontes primarias, e o libro foi collendo forma. Pero foi todo moi casual. A raíz de investigar ó Celta, apareceu o Batallón Bakunin, e o Batallón Disciplinario, a Mariña Auxiliar, e foron aparecendo bastantes galegos en diferentes batallóns, o que pasa é que estes eran os principais, onde máis presencia de galegos había, e me centrei neles, porque facer un historial de todos os batallóns sería bastante arduo.

Milicianos do batallón CNT n.º 1 Bakunin no monte Txibiarte de Amurrio, Biscaia. Fotografía da Fundación Anselmo Lorenzo.

Pouco a pouco foron desaparecendo os protagonistas desta historia, algúns en silencio. ¿Perdemos tempo dabondo procurando as fontes orais da nosa historia recente?

Tamén é normal que moitos non contaran, basicamente polo medo que existía pola forte represión que houbo, por parte dos vencedores, e a xente non lle gustaba moito falar desas cousas, e ter un pasado de combatente rojo podíalle traer complicacións. Si, que é unha mágoa moi grande non poder falar, si non con todos, con un bo número deles, para que, de primeira man, contaran a súa experiencia, como foi a orixe destes batallóns, o día a día nunha trincheira, e os combates. Sei que aquel proxecto de Nomes e Voces da Universidade de Santiago ten unha chea de entrevistas, moitisimas delas, posiblemente, moi interesantes, e algunha que outra me consta que se fixo por parte doutros investigadores, pero eu penso que non se lle prestou no momento que esta xente vivía a atención debida para poder sacarlle toda esta información, e que puideran contar a súa experiencia. A mágoa que me da é que eu cheguei un pouco tarde a isto para poder atopar xente que puidera explicarme de primeira man. Si que intentei buscar combatentes, din con un, de Marín, que vivía en Trintxerpe, pero cando puiden contactar con el, xa era bastante maior, e a cabeza xa non lle rexía ben. Si que se perderon moitísimos datos. Non sei se ademais de Nomes e Voces hai algunha outra base, que poida ter algún historiador ou investigador que non saíra á luz, pero sería moi interesante que se puideran consultar, ou que aportaran máis información.

O galego de Trintxerpe, anarquista e mariñeiro, era o prototipo dos combatentes galegos. A este barrio de Pasaia, que alcumaron como a quinta provincia galega, adicas o primeiro dos capítulos do libro. ¿Tanta era a relevancia dos mariñeiros galegos en Trintxerpe, e o seu papel na defensa da República?

O seu papel era moi importante, por riba de todo porque abandeiraron, nos anos da República, moitos dos movementos sociais, sobre todo para mellorar as condicións de traballo e salariais dos mariñeiros. En verbas de xornais conservadores de Donostia, eran uns revoltosos, era a meca do “Soviet roxo”, como lles chamaban, era xente moi varuda, moi revoltosa, e demostrárono nos primeiros compases da guerra, en Donostia sobre todo, porque unha das cousas que eu conclúo, é vital a participación destes anarquistas galegos para que Donostia non caia nas mans dos fascistas, xa nos primeiros días, son os que se botan á rúa a combatelos, son os que fan acopio de armas para poder, para ir a por eles, e logo forman columnas de milicianos, para que acudan a diferentes tipos da provincia para poder frear as columnas de requetés que viñan de Navarra para ocupar Gipuzkoa, en primeira instancia, para salvar ós militares que estaban sitiados no cuartel de Loiola, e cando esta opción xa se esvaece, porque o cuartel é tomado, ou máis ben rendese, a opción que se baralla é tomar a fronteira para evitar que puideran chegar suministros de armas e municións para os republicanos vascos. Entón, a súa participación foi vital para poder frear os militares alzados.

Tamén tivo unha importante presenza galega a Marina Auxiliar de Euskadi, moitos deles vencellados ós sindicatos mariñeiros, como o Avance Marino, da CNT, ou a Alianza Marítima ou a Polar, da UGT. ¿Que papel xogou este corpo naval do Exército de Euskadi no fronte norte da guerra e que importancia tivo a batalla de Matxitxako?

A Mariña Auxiliar nace un pouco, porque o que eran as forzas da Armada, practicamente, quedou do lado republicano, do norte si chegan en setembro ou outubro algúns barcos rebeldes para tentar controlar o Cantábrico, pero por diversas circunstancias teñen que volver ó estreito. Entón, o goberno de Euskadi decide montar, practicamente da nada, a partir de bous, bacallaeiros, unha especie de Mariña. Dótanse a estes barcos de pequenos canóns, ametralladoras, blíndanse, máis ou menos, e a sua labor era, en primeiro lugar de vixilancia da costa, protexer ós barcos pesqueiros que saían a faenar, para poder subministrar peixe á poboación civil e ás milicias, e logo tamén tiñan a función de ir retirando as minas que a Armada fascista colocaba preto do porto de Bilbao, e que puideran chegar suministros, ou que puideran saír a faenar os barcos, con tranquilidade. Pola súa condición de mariñeiros, moitos galegos acabaron nesta unidade, porque se precisaba experiencia mariñeira, e eles o cumprían, e así en todas as dotacións dos barcos, había algún galego.

A batalla de Matxitxaco é un punto de inflexión, un fito na guerra civil naval en Euskadi, destaca sobre todo pola desigualdade de ambos contendentes. Pensa un barco de guerra combatendo contra pequenos pesqueiros armados con canóns que, practicamente, non podían facerlle dano á blindaxe que tiñan. A heroicidade que demostraron os galegos que combateron, enrolados no Bou Bizkaia, traspasou fronteiras, incluso impresionou ós oficiais franquistas da Armada, que mediaron con Franco para que os prisioneiros que colleron nesa batalla, non fosen condenados a morte, basicamente porque quedaron impresionados pola heroicidade que mostraron na batalla.

Hai historias tan curiosas como a de José Echeverria Novoa, un galego que a piques estivo de ser lehendakari, e que foi gobernador civil de Biscaia, a este personaxe tamén lle adicas un capítulo enteiro, pois a súa traxectoria ben o merece. ¿Realmente estivo tan preto de ser nomeado lehendakari?

Segundo el conta nas súas memorias, a el se lle ofreceu esa posiblidade. Ao seu despacho achegouse o que logo sería o primeiro lehendakari, Jose Antonio Aguirre, xunto con outros peixes gordos do PNV, para ofrecerlle esta posibilidade. Estábase tentando organizar, xunto co goberno da república, ese goberno provisional de Euskadi, e segundo el conta, porque eu este dato o saco das súas memorias, non atopei outra mención, tampouco asegura que puidera selo, pero é unha cousa curiosa, moi interesante, para que se coñecera. E el rexeitou este ofrecemento. Segundo el conta, porque consideraba que o primeiro lehendakari tiña que ser vasco, e el non o era, era galego, e que polo tanto non podería ser lehendakari. A el lle gustaría que houbera esa posibilidade para a súa terra, ter un goberno propio, e rexeitou o ofrecemento.

A verdade que a súa figura tamén é moi interesante. Sobre todo porque foi moi importante para que en Bilbao, neses primeiros compases, se puidera frear o golpe de estado. Ademais porque el faise cargo do Goberno Civil, en maio do 36, xa había o ruxe ruxe de que había xente que estaba a conspirar contra a República, e el montou un sistema de información, apoiado en dous policías, que eran da súa absoluta confianza, para que comezaran a investigar por Bilbao, que organizacións e que persoeiros estaban implicados nesta conspiración. Incluso, de feito, consigue meter unha toupa na Falanxe bilbaína, e grazas a isto consegue moita información.

Logo, el tivo tamén o ollo de que había que armar ó pobo, porque era o único que podía apoiar á República e poder ter algún tipo de garantía para enfrontar o golpe. Entón esas foron as medidas que tomou, armar ó pobo, e formar as primeiras columnas de milicianos que foron cara a muga, como se di aquí, cara a fronteira, cara a raia, entre Bizkaia e Araba, para evitar que dende os cuarteis de Gasteiz, puideran chegar ata Bilbao, para desbaratar a resistencia republicana.

A mágoa é que morreu no 83, en Estados Unidos, en Florida, na indixencia total. Podes ter a imaxe desas películas americanas, do indixente que vai pola rúa recollendo botes, para logo malvender, pois máis ou menos así acabou Echevarría Novoa.

El foi quen de crear a Junta de Defensa de Bizkaia, que coordinou a vida social, pública, na retagarda, que aglutinou a diferentes sensibilidades políticas e sindicais, que estaban a favor da República, que creou tamén a Comisaría General de Defensa de Bizkaia, para poñer orden nese caos institucional que chegou co golpe de estado. As estruturas institucionais da República derrubase, xorden as xuntas de defensa, e el con esta de Bizkaia tenta coordinar todas estas xuntas e coordinar a retagarda, para facer efectivo o esforzo de guerra.

¿Como foi o proxecto de documentación e como artellaches todos os datos recopilados para facer un libro que, pese a cantidade de información que contén, resulta moi ameno?

En primeiro lugar, eu o que fixen durante, practicamente, ano e medio ou dous anos, foi un baleirado bibliográfico, comezar a ler libros sobre a guerra de Euskadi, empaparme un pouco diso, e unha vez que tiña unha idea xeral, ir concretando nas citas ou nos parágrafos onde aparecían estes batallóns que eu estaba a seguir. Unha vez feito isto, chegou o baleirado de xornais, e empezar a ver en que arquivos podería haber información sobre estas unidades, principalmente, o Arquivo Histórico de Euskadi, e o Arquivo da Memoria Histórica de Salamanca. Si que era interesante tamén conseguir os partes de guerra fascista, sobre todo nas zonas onde tiña coñecemento de que combateran estes batallóns para contrastar información e un pouquiño ver o punto de vista deles de como fora a batalla.

E logo, o que che comentaba ó principio, eu como concibo os libros de historia e que sexan amenos, hai que darlle un pouquiño de literatura, de dinamismo, non quedarse nunha serie de datos asépticos ou fríos, que se vaian amoreando, que aburran ó lector e que perda o interese sobre o tema. Gústame comentar algunhas historias persoais dalgúns milicianos, son poucas as que puiden conseguir, pero algunhas moi interesantes, e logo darlle esa forma amena, e dinámica para que cheguen ó maior número de público posible. Porque, moitas veces, estes libros quedan para os catro frikis da historia, para os profesores, universidades, e o interesante é que poida coñecerse esta historia, que aparte, penso que era bastante descoñecida.

Os galegos tamén foron un gran caladoiro para o exército franquista, de tal xeito que tamén foi importante a presencia galega no bando nacional, en batallas como a toma de Bilbao.

Dende o primeiro momento, como Galicia queda sometida polos golpistas, comezan a facerse as primeiras levas, as primeiras quintas para engrosar o exército. Consultando documentación do bando rebelde, si que hai listaxes onde aparecen moitos galegos, por exemplo, na batalla por Bilbao, si que hai unha anécdota da captura de varios soldados galegos, nunha posición onde contraataca o exército de Euskadi. Logo aparecen citados moitos galegos que son feridos na batalla do monte Sollube, e logo hai un libro moi interesante no que fala de columnas de galegos que foron a combater dende o primeiro momento a Asturias, “Las columnas gallegas hacia Oviedo: diario bélico de la Guerra Civil Española (1936-1937)”, de Emilio Grandío, que é o diario dun rapaz que vai combater nesas columnas, sendo de ideas contrarias, e escribe un diario ata que un día, por unha delación, lle requisan o diario, o xulgan e remata bastante mal.

Cando os exército franquista logra vencer as defensas do cinturón de ferro de Bilbao, a sorte está botada, e o Euskadiko Gudarostea, ou o que queda del retrocede cara Cantabria, de feito serán os galegos do Batallón Celta os que den a derradeira batalla, a de Kolitza, en terras vascas. ¿Foi esta tamén a derradeira acción de guerra do exército vasco?

Non foi a derradeira do exército vasco, pero si foi a derradeira do Batallón Celta, e foi a derradeira porque do Batallón quedan catro, é unha auténtica masacre. O tema da batalla do Kolitza daría para outro libro, basicamente porque o que é o plantexamento do exército republicano é un desastre porque o que son os enlaces non están coordinados, as liñas de teléfono que teñen pensado botar para coordinar os combates unha bomba inimiga a desbarata, e non conseguen poñela de novo, hai certa incompetencia nos mandos militares, a aviación e a artillería propia bombardea ós batallóns que están avanzando. E logo, si ti estas no Kolitza, e unha zona cunhas campas totalmente despexadas, e teñen que avanzar os milicianos baixo fogo de ametralladora, e era bastante complicado chegar con vida. Aparte hai tiranteces, hai batallóns, xunto ó Celta, do PNV que se negan a combater, basicamente porque segundo conta un historiador, Vicente Talón, comezaban a pecharse a que sería a rendición de Santoña, entón moitos destes batallóns negábanse a combater, ou non o facían co espiritu que se supón para vencer na batalla. O Batallón Celta queda totalmente en cadro, e dende alí o mandan a Cantabria, a Colindres, e alí non se consegue reestruturar, e será un dos batallóns que quede embolsado en Santoña, e remate o seu periplo alí.

Trala rendición de Santoña, a sorte dos restos do exército vasco estaba botada. ¿Cal foi o destino dos galegos que combateron en Euskadi despois do pacto de Santoña, entre os dirixentes do PNV e os italianos aliados de Franco?

Hai variedade de situacións. Algúns conseguen chegar a Asturias, non todos remataron embolsados en Santoña, moitos deles xa cheiran o que vai a pasar alí e conseguen romper o cerco e chegar a Asturias, combaten alí, algúns deles consegue saír de Asturias e chegar a Francia, e dende alí a Cataluña, para seguir combatendo no exército republicano, e para moitos chegaría o que sería a longa noite de pedra, cárcere, batallóns de traballadores, fusilamentos, mesmo paseos, e todo este tipo de situacións ós que nos ten acostumado o fascismo. Anulalos completamente, deshumanizalos, para cando todo estivera atado e ben atado, que non puideran ter ningún conato de rebeldía ou de contestación cara o novo réxime, que estaba nacendo nestes intres.

Pode ser que moitos acabaran en Ezkaba, onde había unha presencia galega moi importante.

O tema de Ezkaba non o teño moi estudado, pero si me consta que había moitos galegos. Hai unha base de datos moi interesante, na que veñen todos os que participaron na famosa fuga, e hai unha parte moi importante de galegos de toda a xeografía galega. Moitos deles acabaron tamén no campo de concentración de Miranda del Ebro, basicamente porque unha vez que cae o fronte norte a toda a xente hai que distribuila o máis rápido posible para clasificala, para saber a súa implicación coa república, se teñen o que entendían eles como delitos de sangue, se tiveran algún cargo de tipo político de relevancia, e entón os destino que teñen e Miranda del Ebro, Vitoria e Orduña. De feito en Orduña, ó final do meu libro teño recollido a historia dun capitán do Batallón Bakunin, Amador Garrido, que era de Vigo, que acaba nesta prisión, que era o colexio dos xesuítas, e acaba formando parte dunha rede clandestina para a evasión de prisioneiros. Esa historia tamén daba para unha película, a mágoa é que nunca souben que é del, como acaba, a última referencia que teño del é nesta prisión de Orduña. El fuxe nun buque de Cantabria ou de Asturias, e o deteñen, e o mandan para Orduña, e os que dirixen a prisión, necesitan xente para cubrir diversos postos de limpeza, cociña, e sobre todo, nas oficinas, para facer documentos, papeleo dos prisioneiros, e el como sabe ler e escribir, e tal vez mecanografar, acaba nestas oficinas. E el coñece cando veñen grupos de falanxistas ou requetés, ou ven unha orde de traslado dos prisioneiros, que lle teñen ganas, el ponse en contacto con esta rede, e lles avisa: mañá van levar a este, e a xente da rede que tiña copado todos estes servizos, falaban con esta persoa e facilitaban a súa fuxida do penal, tamén en connivencia con xente de Orduña, que tamén estaba implicada para mandar a ese home fora de Euskadi, incluso a Francia. Estiven a pescudar que fora de este home, pero non conseguín máis datos.

Falando de películas, ademais do teu traballo como historiador, participaches como guionista na película “Baile en el sindicato”. Falamos un pouco deste proxecto.

Isto foi un proxecto que, nun inicio, ía ser unha curtametraxe. Eu, por aquel entón, estaba nunha asociación de recreación histórica da guerra civil, e fixeramos tres curtas desa temática. Tiña bastante amizade con Fran Longoria, que é o director destras tres curtas, e tiña ganas de algo máis grande. Estabamos a preparar outra curta, e el díxome: xa que estamos ¿porque non facemos unha longametraxe?. Eu en principio non o vía, vaisenos quedar moi grande, non sei… pero ó final, empezamos a traballar. Conseguimos algo de fondos dun Crowdfunding, algo que puxo a Deputación de Bizkaia, e a partir de aí quixemos facer unha historia, ambientada na guerra civil, ambientada no fronte de Araba, e pouco a pouco, foise unindo máis xente ó proxecto, é foi collendo forma. Foi complexo, pero tamén moi divertido. Non é unha pelí ó uso, porque non contabamos con moito presuposto, pero esas carencias presupuestarias, con ilusión e esforzo, se puideron sacar adiante os problemas que foron xurdindo, e puidemos mostrar como era a guerra, os protagonistas que eran dun batallón anarquista, remedo do Bakunin, por así dicilo, e aí tamén quixemos meter unha historia de amor entre dúas mozas, de ideoloxías distintas, e pareceunos un tema bastante bonito é interesante. Estivemos rodando varios anos, porque, basicamente, rodábase cando todo o mundo, os implicados, no que se tiña que rodar, tiñamos tempo, como fines de semana, vacacións, festivos, non foi unha rodaxe ó uso. Había profesionais, ou semi profesionais, e amaters, pero cada quen tiña a sua vida.

Unha derradeira curiosidade. ¿O libro presentouse en Euskadi?

Pois si. Fixen unha presentación en Trintxerpe, como non podía ser doutro xeito. Houbo outra en Aguíñiga, que é un pobo moi pequeniño preto de Amurrio, onde estaba acantonado o Bakunin. E logo houbo outra en Ortuella, en Bizkaia, na zona mineira, e estivo moi ben porque alí tiven a ocasión de coñecer a un home que eu falaba do seu pai, e pasoume a partida de defunción e algún dato máis, e foi bastante curioso. O home xa era maior, e me dixo, falas do meu pai no libro, e precisamente na presentación ía falar del, porque era de Ortuella. E eu quedei moi contento de coñecer a un descendente dun combatente galego do exército de Euskadi. Eu vivo en Amurrio, precisamente onde estivo o Bakunin, e vou moitas veces ó reformatorio, porque alí están as instalacións municipais onde meu fillo xoga ó fútbol, e sempre que vou alí lémbrome deles. Como aquí chamou moito a atención o libro, porque o Bakunin tivo moita presencia, estou a pensar a facer unha presentación tamén.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.