![]()
Entrevistamos a Ricardo Castro, Secretario Xeral da Central Unitaria de Traballadores (CUT).
Por Redacción NR | 1/05/2026
En Nueva Revolución comezamos un ciclo de entrevistas co sindicalismo de clase e combativo do Estado español para abordar o seu estado actual e os desafíos que deben afrontar ante un mundo laboral que está a experimentar importantes cambios. Hoxe falamos con Ricardo Castro, Secretario Xeral da Central Unitaria de Traballadores (CUT).
En que ano nace o sindicato e en que contexto? Formulase como unha ruptura co sindicalismo de concertación de CCOO-UGT?
O noso sindicato comeza a nacer no ano 1998 pero non se fai efectivo ata o ano 1999. En canto ao proceso que deu lugar a súa creación non ten que ver directamente co sindicalismo que promovían, e promoven, tanto UGT como CCOO, pero si é obvio que hai unha influencia indirecta. Nós tiñamos claro que ese modelo non era o noso e por iso, as compañeiras e compañeiros que deron pe ao nacemento da CUT, formaron, no seu día, parte do nacemento da CIG, pensando que con xenerosidade podían darse as circunstancias para a construción dunha central única galega que precisamente escapara dos parámetros de CCOO e UGT. Andados cinco anos escasos da CIG démonos de conta de que non ía ser posible escapar do control da UPG e de que o sindicato actuara como unha correa de transmisión do partido. A CUT nace para non ter ataduras que limiten o sindicalismo combativo e de clase, para non por intereses electorais por riba dos da clase traballadora.
Como valorades o estado actual do sindicalismo de clase na Galiza? Como de implantado está en empresas estratéxicas e no tecido empresarial en xeral?
Se escoitamos a calquera sindicato todos din que son sindicatos de clase e polo tanto, dando por certa esta premisa, o sindicalismo de clase estaría implantando ao cento por cento, pero, obviamente, este razoamento é unha falacia. Cada sindicato dirá o que teña a ben pero nós vemos que hai un claro retroceso en canto a esta implantación porque o significado de sindicalismo de clase foi pervertido e manipulado. Hai unha continua manipulación da linguaxe que contamina do discurso e polo tanto a ideoloxía. Só temos que facernos unha pregunta, como é posible que a ultradereita gañe cada vez máis apoios entre a clase traballadora se está ten conciencia de clase? Os sindicatos debemos facer autocrítica porque colaboramos na expansión do sindicalismo burocrático de solución do “meu problema”, contribuímos ao individualismo desclasante prestando máis atención ás nóminas, aos convenios, ás asesorías xurídicas… e moi pouca á formación ideolóxica. Creo que con isto contesto as dúas preguntas.
Actualmente existe un reto xeracional. A filiación media ós sindicatos combativos é relativamente baixa, máis aínda entre a xente moza. Que mensaxe lle podedes transmitir a un traballador ou traballadora moza que se incorporara fai pouco ó mundo laboral para que se sindique?
Esta resposta ten relación coa anterior. A xente moza ve unha ruptura xeracional entre as condicións anteriores e as que eles padecen. Os que temos máis anos, ao descoidar esa formación ideolóxica, contribuímos á deserción sindical das xeracións futuras. A isto debemos engadir que o contexto laboral da xente moza, aínda que funcione baixo os mesmos parámetros de confrontación de clase do século XIX, é diferente en canto a que eles nacen en plena expansión do individualismo neoliberal que favorece a negación de clase. Nos anos 70 os bloques estaban claros, capital industrial por un lado e clase traballadora compacta polo outro. Hoxe o capital filtrou á clase traballadora e deixou de ser (intelectual e materialmente) un bloque perfectamente identificable; ademais, en fronte, ten individuos desarraigados da clase que pretenden arranxar o seu e que se pensan responsables únicos da súa situación social. A mensaxe a transmitir é que debemos combater esta alienación con ideoloxía, o primeiro paso depende de que un mesmo renuncie á complicidade co sistema, o segundo entender que só na forza do común poderemos ser, é dicir, son eu porque somos nós, non á inversa.
Dende os anos 80, no Estado español levouse a cabo un proceso de desindustrialización no que se desmantelaron empresas de sectores estratéxicos importantes. Como afectou esta perda de masa obreira á conciencia de clase e ó sindicalismo?
Claramente foi determinante. A entrada na UE trouxo consigo non só a reconversión industrial, senón tamén a clausura progresiva da pesca, agricultura e gandería. O goberno do PSOE foi o encargado deste desartellamento dos nosos sectores produtivos e da venda ao capitalismo neoliberal. No caso da reconversión industrial debemos destacar o ataque premeditado ao sector naval, vangarda da conciencia e loita de clases. Destruín este sector eran conscientes de que apagaban o facho que iluminaba ao resto das industrias.
Entramos na era da Intelixencia Artificial e a robotización. Dúas cuestións que sen dubida debuxan un novo horizonte de loita obreira e novos retos para o sindicalismo. Como afronta o sindicato o feito de que miles de traballadores podan ser substituídos pola IA e os robots nas próximas décadas? Qué medidas habería que tomar para protexer ós traballadores?
A IA retrotráenos ao ludismo, á destrución das máquinas por consideralas inimigas, cando o foco hai que situalo en quen dirixe as operacións. Eu aínda teño poucos elementos de valoración da IA pero considero, debido a miña formación marxista supoño, que debemos estar co progreso, explícome. Non podemos renegar da ciencia e de todos os avances que se van producindo na historia, do que debemos renegar é da súa utilización ideolóxica en favor do sistema capitalista. O progreso da ciencia e da maquinaria, de non existir o capitalismo, sería utilizado para repartir mellor os recursos e liberar de carga de traballo á clase traballadora para que esta gozará da plusvalía en forma de ocio, un ocio que a clase traballadora debería entender baixo parámetros diferentes aos que promociona o capital (centros comerciais, consumo de inutilidades, produción de lixo para o consumo…), é dicir, ocio cultural e formativo. A única medida positiva contra IA utilizada polo capitalismo é acabar co capitalismo.
Que mensaxe podemos lanzar dende o sindicato a aqueles traballadores que se definen como clase media e renegan da súa condición de clase obreira? É preciso recuperar o orgullo de clase e combativo?
Que a clase media non existe, é outro invento do capital coa única finalidade de dividir á clase traballadora. É un placebo que lle serve ás persoas traballadora máis favorecidas para pensarse diferentes dos máis miserables, un xeito de condenar ao que non ten e un aviso para eles mesmos de que se non son obediente co sistema poden caer a un chanzo inferior. A clase media é outro factor ideolóxico creado polo capital para alienarnos ao sistema, debemos saír desa alienación e así recuperaremos o orgullo de clase, quitarse a venda para ver.
Como se está abordando dende o sindicalismo de clase a integración da inmigración no mercado laboral e a súa implicación na loita sindical?
Eu só podo falar dende a nosa óptica e para nós os inmigrantes están a supor unha enerxía renovadora e enriquecedora porque axudan a entender que a clase traballadora ten os mesmos problemas independentemente da seu país de orixe. Axuda tamén a combater o discurso fascista e xenófobo porque crea lazos de solidariedade e fai ver como o sistema mantén un discurso de dobre moral acusando aos inmigrantes ao tempo que os utiliza coma man de obra escrava.
Co auxe do comercio online estanse a producir cambios importantes no mundo laboral. De qué xeito se está traballando sobre a necesidade de sindicar a sectores precarizados como os riders ou traballadores de empresas dixitais?
Podemos falar por experiencia propia porque vivimos o tema dos raiders no noso sindicato e porque temos representación nalgunha empresa dixital. Hai un parámetro común nas dúas, que non é outro que a dificultade de crear grupo. Son traballos claramente individualizados onde a falta de contacto grupal fai complexo un sindicalismo digamos tradicional. Para crear o grupo debemos primeiro concienciar a individuos para que se sumen a outros e trasladar o traballo fóra do centro de traballo para logo, cando se consolida un núcleo compacto, ir cara dentro do mesmo. É un traballo difícil pero non vemos outra vía.
O sindicalismo de clase sufre represión e criminalización por parte do Estado, que a miúdo os etiqueta como “violentos”. Como se fai fronte a esta ofensiva que procura restrinxir e limitar a vosa actividade sindical?
Este factor debe asumirse como parte da loita sindical, o capital nunca vai ceder nas súas pretensións senón é con combate e tamén violencia. A Lei Mordaza foi o grande logro do PP, e que os progres non goberno non tocaron, para aumentar a represión combinado código penal e multas administrativas. O único xeito de combater isto é a conciencia de clase, pois hai un ben superior a cada un de nós, o ben común.
Se el primero en comentar