O rural galego en pé de guerra, en Neda tamén. Roteiro reivindicativo contra o megaproxecto do Parque Eólico Caaveiro

Os gobernos non poden vender que loitan contra o despoboamento do rural, e logo facer por destruír o noso entorno, ¿quen vai querer vivir nun Parque Eólico?: ninguén. 

Por André Abeledo

A veciñanza do rural de Neda, afectados polo megaproxecto do Parque Eólico de Caaveiro, saímos a protestar nun roteiro reivindicativo que rematou na Fervenza do río Belelle.

Veciños de Anca, Viladonelle e O Roxal saímos a camiñar para protestar contra o espolio do rural, contra as políticas que levan ao despoboamento e a destrución do rural galego, das nosas paisaxes e o noso ecosistema.

O mal tempo no evitou que perto dun centenar de veciñas e veciños sairemos a defender a nosa terra, o noso presente e o futuro dos nosos fillos.

E non se trata de que as xentes do rural estemos contra da enerxía eólica, como queren dar a entender algunhas noticias mal intencionadas, tratase de que se nos respecte como cidadáns, non pode ser que no lugar onde se proxecta un parque eólico vivan persoas.

Os gobernos non poden vender que loitan contra o despoboamento do rural, e logo facer por destruír o noso entorno, ¿quen vai querer vivir nun Parque Eólico?: ninguén.

Os lemas da nosas protestas sonche ben claros: «EÓLICOS AQUÍ NON», «EÓLICOS ASÍ NON», «EÓLICOS NON, ALDEAS SI».

O que defendemos é o dereito a vivir na terra onde nacemos, o dereito a poder vivir no rural, o dereito dos nosos fillos a facelo si así o deciden, o dereito das aldeas galegas a seguir existindo.

O rural coma noutras ocasións na historia, volveu organizarse e Loitar, por dignidade e responsabilidade, na defensa do seu modo de vida, do seu patrimonio natural e cultural contra aqueles que queren converter a Galiza nun inmenso Parque eólico ó servizo do capital. Esta loita xa percorre toda Galiza de norte a sur, nun obxectivo común, que por riba do beneficio do capital están as persoas e o medio natural.

Loitamos por dignidade e por responsabilidade. Contra aqueles que queren converter a Galiza nun inmenso Parque eólico ó servizo do capital.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.