O que nos ensinaches

HOMENAXE A CHATO GALANTE, INCANSABLE LOITADOR POLA XUSTIZA

Por Jana Calero Fernández & Irene Álvarez Francés / Avogadas da Querela Arxentina

Estabas con nós o día no que naceu un soño que levaba xa un tempo xermolando: Un grupo de xuristas creado específicamente para loitar contra a amnesia, pola memoria. Foi en Pontevedra, nas Xornadas de Memoria Histórica de 2019, nas que participaches e participamos. Algunhas xa tiveramos o privilexio de coñecerte, inspirador coma poucos, emocionante e emocionado, alguén cuxa batalla a ollos alleos parece perdida, pero que vivías, e vivimos, como se cada día fose unha vitoria. Alguén que loitaba para recuperar a súa dignidade, que intentaron arrebatarche pero que en realidade nunca perderas.

A túa alegría e enerxía, que como onda expansiva chegou a todas nós, fíxonos sentir que todo era posible. Algo necesario, xa que a tarefa non é sinxela. Algunhas xa o sabiamos, porque a loita antifranquista a vivimos na casa, sendo fillas e netas de persoas represaliadas, que loitaron, coma ti, pola liberdade. Grazas en gran parte ás tuas batallas, estamos reencontrándonos coa nosa historia. Ensináchesnos que a base da loita parte do colectivo, porque a verdade e a Xustiza deben derrubar ese muro de silencio e impunidade, é dicir, transformar a sociedade. “Gañaremos”, dicías, “non só porque teñamos razón, senón porque non estamos dispostos a esquecer”.

Tomamos este relevo como algo urxente e necesario, xa que entendemos que, como avogadas, temos o privilexio de ostentar un “saber”, uns mecanismos que non todo o mundo ten nas súas mans, e do mesmo modo que tomamos consciencia delo, tamén o fixemos do feito de que o noso deber é axudar a crear un mundo mellor. O noso papel é ser unha de tantas ferramentas que permitan transformalo e crear as condicións obxectivas e subxectivas dunha sociedade máis xusta, na que prime o respecto polos Dereitos Humanos e o recoñecemento de tantas persoas que loitaron pola liberdade en momentos de represión política e social. Ti, sobre todo ti, fixéchesnos ver que para cambiar o presente e construir o futuro, fai falla romper o silencio e rematar coa impunidade que arrastramos dende o pasado. E que calquera ferramenta, por pequena que pareza – unha simple culler- pode converterse na arma más poderosa se é esgrimida con valentía.

A túa loita, e a de tantas outras persoas, tamén é a nosa, porque o fascismo combátese día a día, e temos a necesidade de sair deste estado de frustrante amnesia e recuperar a memoria colectiva. Ensináchesnos a pelexar, e ainda que as dificultades sexan moitas a cada paso que damos, cada historia que recuperamos do silencio é unha vitoria contra a impunidade.

Ata a victoria sempre, compañeiro.

 

 

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.