Aqueles días con Chato Galante

Chato era unha persoa extraordinariamente sensíbel e respectuosa, capaz da maior entrega, da maior xenerosidade, do meirande entusiasmo. Mobilizounos a fortaleza do seu sorriso, a enerxía contaxiosa da súa palabra, e a clareza das súas conviccións.

Por Luís Bará / membro da Iniciativa Galega pola Memoria / Deputado do BNG

 Chegou ás nosas vidas un 23 de marzo de 2019, nun encontro en Pontevedra organizado pola IGM , e veu para ficar en nós para sempre. Daquel xantar no Pazo da Cultura quedan unhas poucas imaxes e unha reveladora entrevista que lle fixo Montse Fajardo e que publicou o xornal Nós. Mais aquel día de sobremesa vizosa foi como unha divisoria no tempo, un antes e un despois, un momento fundacional.

O limiar dunha andaina que se prolongou no tempo que ficaba por diante, que non sabiamos que ía ser tan breve. Foi un ano marabilloso, intenso e feliz, inzado de momentos únicos, de descubertas, de complicidades, de esperanzas, de certezas e de dúbidas. Mais sobre todo cheo da humanidade e da bonhomía desbordante dun ser único.

Volveu en xullo para a homenaxe nacional en San Simón e alí selouse un pacto non escrito, unha historia de amor. O que sentía pola nosa causa, por Galiza, por nós. Chato era unha persoa extraordinariamente sensíbel e respectuosa, capaz da maior entrega, da maior xenerosidade, do meirande entusiasmo. Mobilizounos a fortaleza do seu sorriso, a enerxía contaxiosa da súa palabra, e a clareza das súas conviccións.

O 30 de xullo de 2019 vivimos en Pontevedra un deses momentos máxicos, únicos, que non deberían acabar nunca. Vino inmensamente feliz no paseo pola cidade, na conversa, no xantar enxebre no Pulpeiro. Tecemos complicidades que irían medrando contra o tempo, en sucesivos encontros e proxectos compartidos. Arredor da Comuna, de CEAQUA, da Querela Arxentina, da IGM, de Galiza, da memoria e do futuro.

Voltou de novo no outono, cando xa o mal lle trababa por dentro e non deixaba de sorrir, de iluminar, de mobilizar. Tiña unha forza de vontade descomunal, porque el non actuaba como unha persoa senón como un colectivo. Gozaba de cada paso, de cada pequena vitoria, celebraba cada éxito cunha vitalidade sedutora. E na admiración que profesaba polo noso labor, facíanos sentir como parte decisiva dunha causa grandiosa.

As xornadas contra a impunidade da Deputación de Pontevedra naceron como un froito da súa inspiración e son parte do seu legado, do seu ronsel. Aínda coa ferida da dor o consumía, tivo forzas para ir ao Val Miñor e a Ribeira, como se tivese que aproveitar cada intre antes do final que se aveciñaba.

Desde que recibimos a noticia fatal do seu pasamento, agora fai un ano, o mundo é máis triste e a andaina semella máis difícil. É o que teñen os xigantes, que deixan un enorme baleiro cando faltan. Un sentimento de tristeza e orfandade por todo o vivido, que xa non vai volver repetirse. Mais deixan tamén un inxente legado, unha manda descomunal de experiencias, de sentimentos e de ideas. O valor da xenerosidade, do compromiso, da ética. A forza transformadora das emocións. O poder revolucionario das causas xustas. A procura incesante do que parece imposíbel para facelo realidade.

Nesas andamos, amigo, compañeiro Chato Galante, guiados pola túa luz.

Artigo publicado en NR o 29/03/2021

1 Trackback / Pingback

  1. Vídeo | En recuerdo de Chato Galante un año después de su fallecimiento

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.