Por Cristóbal López Pazo
A alerta sanitaria deixou patente cal son as actividades esenciais para a supervivencia. Coidados, limpeza, sanidade, agricultura,.. resultaron ser os engranaxes básicos para o sostén da sociedade. Nembargantes todos os plans de reactivación da economía que se están artellando tanto na Comunidade europea como no Estado español redundan na receta neoliberal aplicada en 2008: inxección de liquidez por enriba e purga por abaixo.
Os gobernos volverán a pedirnos un acto de fe confiando en que dos millóns entregados as grandes corporacións empresariais decantarán á sociedade coma as migallas da mesa do rico rematan no chan. Volverán a lavarse as mans aducindo que o mercado é libre e se autorregula mentres insuflan recursos as grandes corporacións e inoculan medo e desesperación ás familias traballadoras para que acepten sumisas unha nova redución drástica dos seus dereitos laborais. Non correrán mellor sorte a micro e pequena empresa, a súa capacidade de negociación volverase tan exigua coma a dos e das asalariadas.
Non podemos permitir que de novo o coste da crise vaia a cargo da clase traballadora. Esiximos un rescate democrático cunha inxección de capital á base da sociedade através dunha renda básica a cidadanía e de aportación de fondos á pequena empresa, e que sexa o consumo interno o que posteriormente redistribúa segundo a vontade popular. Fagamos noso o seu laissez faire pero desde a soberanía da cidadanía.
Estado de emerxencia habitacional
A casa é o comezo de todo. Sen casa non hai saúde, non hai presente nin futuro. Sen a protección real do dereito á vivenda non hai sociedade viable, nembargantes levamos moitos anos de ausencia de políticas de vivenda agravada por unha xestión lamentable da vivenda social no noso país. Cunha dereita política que apostou por favorecer o espolio da banca a través de cláusulas abusivas, a titulización masiva de créditos e a venda das nosas casas aos voitres, e unha esquerda errática que non soubo reverter a situación e que permitiu a especulación do poder financeiro coas nosas vivendas.
Neste marco, a cidadanía tivemos que facer fronte a unha xestión da crise inmobiliaria que, desde 2008, ocasionou máis dun millón de desafiuzamentos consecuencias funestas para millóns de persoas. Moitas delas non tiveron acceso á vivenda nin o terán de maneira inmediata, outras fomos desaloxadas das mesmas e a unha gran parte arroxáronnos aos pés dun mercado “libre” cuns prezos especulativos sen control, coincidindo cunha situación de precariedade laboral e desemprego notables.
Agora, engádese a situación terrible na que nos colocou esta pandemia, confinados e cun futuro impredicible. Por iso, negámonos a que as persoas sen fogar sexan expulsadas de novo a a rúa cando termine a alerta sanitaria e reivindicamos o obxectivo de cero senfogarismo no noso país. A regulación de os prezos de os alugueres e a ampliación do Parque de Vivenda Pública en Aluguer son políticas de vivenda prioritarias que deben abordarse con urxencia.
Migrantes somos todas
Estigmatizamos ás persoas migrantes dende a nosa falaz atalaia de seguridade e confort. Actuamos confiados como se nunca houbera un mañá no que as tornas cambien. Eriximos murallas insolidarias para reter as migracións fora das nosas fronteiras como se as reixas e grilletes puideran confinar os desexos das persoas a lograr unha vida mellor para os seus lonxe da miseria e do horror. Se a alerta sanitaria non acadou quebrar a nosa necia convicción nun progreso inmutable, se en todos estes días de confinamento non adicamos uns intres a reflexionar sobre como reverter a situación do planeta atoparémonos de bruces encabezando caraváns de migrantes fuxindo dos devastadores efectos da crise climática. Con que credenciais solicitarémoslle solidario acubillo aos familiares de quen deixamos morrer nas profundas augas da nosa desidia e incuria?
Non só se trata de alimentar e vestir aos refuxiados/as que foxen dunha vida carente de futuro. A solidariedade queda nunha mera limosna senón é completa. As persoas migrantes deben poder exercer en pé de igualdade os mesmos dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais que posúemos os habitantes nativos/as.
A Renda Básica, un instrumento de transformación social
A Renda Básica é un mecanismo de redistribución da renda ante a manifesta incapacidade de redistribución da riqueza do actual sistema socioeconómico. Implantando unha renda básica universal limitaríamos o papel dun mercado de traballo cada vez máis precario na distribución primaria da renda, e anulariamos o seu paso obrigado para os cidadáns no seu acceso aos bens materiais esenciais e ás prestacións sociais dependentes do mercado de traballo como pensións, subsidio de desemprego, etc. Eliminar a esixencia á venda da súa forza de traballo como único medio para a subsistir dota a palabra liberdade de sentido para a cidadanía, convertendo o traballo asalariado nun dereito a exercer segundo as condicións e non nunha imposición intransixente.
A Renda Básica non nace como proxecto superador das diferentes rendas de inserción social existentes e adicadas a a evitar a exclusión social. A renda básica universal constitúe un instrumento esencial para ir elaborando un novo sistema de protección social desde o que construír outra realidade socioeconómica e política. Un fondo de resistencia desde o que articular a transformación social necesaria para mudar o actual modelo de produción e consumo. A Renda Básica non é nada per se, pero sen dúbida achandará o camiño para acadar eidos de autonomía onde recuperar as vellas formas de convivencia do comunalismo.
Se el primero en comentar