![]()
Eu vou seguir aquí, na praza común, dicíndolle á xente que non se enganen, que cada gol de España é un gol contra Galiza, que cada celebración é unha traizón, e que a independencia non se gaña nos estadios, gañase nas conciencias.
Por Dani Seixo | 18/07/2026
“Os cataláns, os galegos e os vascos serían anti-españois se quixesen impoñer o seu xeito de falar á xente de Castela; pero son patriotas cando aman a súa lingua e non se a mudan por outra. Nós comprendemos que a un galego, a un vasco ou a un catalán que non queira ser español lle chamen separatista; pero eu pregunto como lle deben chamar a un galego que non queira ser galego, a un vasco que non queira ser vasco, a un catalán que non queira ser catalán. Estou seguro de que en Castela, a estes compatriotas chámanlles «bos españois», «modelo de patriotas», cando en realidade son traidores a si mesmos e á terra que lles deu o ser. ¡Estes si que son separatistas!”
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
«Son españoles… los que no pueden ser otra cosa»
Antonio Cánovas del Castillo
«Pobre Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida, cando es, ahi, tan fermosa»
Rosalía de Castro
Imos ser claros. Non hai forma máis nítida de entender a derrota futura do proxecto do nacionalismo galego que ver a un concelleiro do BNG instalando unha pantalla xigante na praza do seu concello para ver o partido de España. Non hai imaxe máis patética que a dun nacionalista galego coa camiseta vermella, a bufanda da slección española, berrando goles de Borja Iglesias como se Borja Iglesias ou calquera outro xogador de «la Roja» fose o neto de Castelao. E non hai síntoma máis claro de que o proxecto de liberación nacional deste país ten un verme dentro que escoitar a un nacionalista dicir: «Home, pero o fútbol é fútbol, non mesturemos». Pois vou mesturar, claro que vou mesturalo todo, porque o fútbol nunca é só fútbol, e o nacionalista galego que celebra as victorias dda selección española é o mesmo que lle está a facer o traballo sucio ao Estado represor e asimilacionista español sen que Madrid lle pague un duro.
![]()
Cando un mozo ou unha moza galega se enfunda a camiseta vermella e se pon a berrar «¡A por ellos!», o que está facendo é poñerse na pel do outro, é un acto de identificación co agresor, é a dinámica do colonizado que interiorizou a súa inferioridade e busca desesperadamente o recoñecemento do colonizador, integrarse nunha masa allea. Está dicindo: «Mírame, son como ti, tamén sinto o himno, tamén choro coa selección e subo historia as miñas redes sociais coa cara tinguida de amarelo e vermello, non son ese bicho raro que fala en galego e quere romper España. Son un galego civilizado, integrado, moderno». Pero o problema é que, por moito que berre, por moito que se pinte a cara de vermello e amarelo, o galego segue sendo o galego, o subalterno, un paleto, un provinciano que fala unha lingua noxenta e que se leva a contraria pasa a ser un «folla cabras», por escasas cabras que teñamos na Galiza. O galego segue sendo o que emigra porque non hai traballo, o que ve como as eólicas lle expolian os montes, o que pide unha conexión ferroviaria digna e recibe un AVE que nunca chega. Celebrar a España é o berro do colonizado que quere ser aceptado polo colonizador, é o escravo que aplaude as vitorias do amo no circo romano, pensando que ese aplauso o fai libre. Pero o partido remata, e o galego volve ser o emigrante en Suíza, o parado en Vigo, o que fala en castelán no aeroporto de Barajas para poder ser atendido. Ese ser que tendo unha fala similar a portuguesa ou a brasileira, chora por ser escoitado en Madrid. Esa é a dobre derrota: perde na vida real e gaña na ficción, e aínda así celebra. É coma se un prisioneiro aplaudise as cadeas porque son de ouro. O colonizado non nace, faise, e faise cada vez que se pon a camiseta do colonizador e celebra os seus triunfos como se fosen propios. Mesmo nun estadio de fútbol. E o nacionalista galego que celebra a roxa é o paradigma dese colonizado, porque ten as ferramentas para ver a realidade, pero prefire a ficción, prefire a máscara antes que a pel, prefire a alienación antes que a liberación.
E non me veñan co conto de que o fútbol é neutral, que o fútbol está por encima das fronteiras, que o fútbol une. O fútbol non une, o fútbol domina. O fútbol é hoxe parte vital do mito mobilizador do Estado español, a relixión laica que substitúe ao catolicismo franquista, o novo opio do pobo en formato 4K e con himno tarareable incluído. As masas non se moven só por intereses materiais, movense tamén por mitos, por crenzas, por relixións, e o fútbol é o mito nacional por excelencia do Estado español, o que lle permite ao Estado manter a hexemonía sen ter que empregar a forza, polo menos non mais do que xa o fai con tanquetas en Cádiz ou operacións «antiterroristas» en Galiza, Catalunya ou Euskadi. Cando un galego celebra a roxa, está a render culto a ese mito, está a someterse á relixión do Estado, está a aceptar a súa hexemonía cultural sen que o Estado teña que disparar un só tiro. Porque o Estado español sabe que hoxe non precisa prohibir o galego, nin fusilar nacionalistas, nin queimar libros, cando pode poñer un partido de fútbol e facer que os galegos se sintan españois durante 90 minutos. E o peor é que funciona. Funciona porque esa parte de Galiza que instalan pantallas, a dos intelectuais que escriben artigos moderados, a dos políticos galleguistas que negocian coa cabeza en Madrid, precisa dese mito para reconciliar a súa dobre identidade. Porque o seu proxecto non é revolucionario, é reformista: queren unha Galicia dentro de España, con máis competencias, con máis orzamento, pero sen romper. Celebrar a roxa é a expresión simbólica desa renuncia, é o rito que lles permite durmir tranquilos, dicíndose a si mesmos: «Somos nacionalistas, pero non somos rupturistas, non somos extremistas, somos xente de orde que tamén sabe gozar do fútbol». Pero o mito revolucionario galego, o da República Galega, o do socialismo con identidade propia, foi derrotado en 1936 non só polas balas, senón tamén pola imposición dunha nova relixión nacional, a franquista, que a democracia posterior revestiu de vermello e amarelo. Celebrar a roxa é aceptar a versión da historia que escribiron os vencedores, é borrar a memoria do 36, do fusilamento de Bóveda, do exilio de Castelao, da queima de libros en galego. Cada gol de España é unha pedra máis sobre a tumba da nación galega, e cada celebración é unha negación da nosa propia existencia como pobo.
E aquí vou ser novamente claro, integrarse no marco mental do Estado autonómico foi un erro, por aceptar o marco constitucional, por xogar o xogo das institucións españolas, por pedir migallas de competencias e chamarlle «autogoberno». Facer as paces co colonizador, aceptar o seu marco, xogar o seu xogo. Cando un concelleiro do BNG instala unha pantalla para ver o partido de España, non está a facer un favor á veciñanza: está a facer o traballo sucio do Estado. Está a lexitimar a selección, a monarquía que a preside, o exército que a escolta, o himno que corean os xogadores. Está a dicir á veciñanza, aos nenos e ás nenas que miran: «Este concello é español, esta vila é española, e nós, os nacionalistas, tamén somos españois cando convén». Ao celebrar a roxa despolitiza as masas, desvía a rabia social cara ao fútbol en lugar de canalizala cara á loita pola soberanía enerxética, pola lingua, pola xustiza fiscal, pola recuperación dos montes comunais. Instalar pantallas é un tiro no pé e a rendición institucionalizada. E non hai escusa: non se pode dicir que é «só fútbol», porque nunca é só fútbol; é ideoloxía en movemento, nación en estado puro, hexemonía en acción, loita de clases disfrazada de deporte, opresión nacional disfrazada de diversión.
Non hai mellor expresión da cultura líquida posmoderna que ver a un nacionalista galego celebrando os goles da selección española mentres se declara independentista. Esta é a era da contradición sen angustia, do «si, pero non», do «son galego pero tamén español cando me convén», do pensar unha cousa e facer a contraria sen que iso produza conflito interno algún. As identidades xa non son sólidas, non son compromisos de por vida, pódense poñer e quitar como unha camiseta de fútbol. E iso é exactamente o que fai o nacionalista galego que celebra a roxa: trata o seu nacionalismo como unha identidade de fin de semana, como unha afección, como un equipo de fútbol. «Eu son do Celta e do Barcelona», din algúns, e aplícanlle a mesma lóxica á nación: «Son galego e son español, son as dúas cousas, non hai problema». Pero a nación non é un equipo de fútbol, e o nacionalismo non é unha camiseta que te poñas os domingos para sentirte parte dun grupo. A nación é unha comunidade histórica, cultural, lingüística, que foi oprimida e negada, e o nacionalismo é unha ferramenta de liberación, non un adorno identitario. O posmodernismo reduciu todo a relato, a construción, a elección persoal, e así o nacionalista galego pode sentirse independentista pola mañá, celebrar a roxa pola tarde, e durmir tranquilo pola noite porque non ve contradición ningunha. Pero a contradición está aí, é obxectiva, e non se resolve con psicoburradas posmodernas nin con relatos líquidos. A opresión nacional é real, a negación da lingua é real, o expolio dos recursos é real, e celebrar ao opresor non se pode xustificar con que «as identidades son múltiples» ou con que «todo é complexo». Non, compañeiro, non é complexo: ou estás coa túa nación ou estás co Estado que a oprime. Non hai terceira vía, non hai líquido que valga, non hai posmodernismo que disolva a memoria de Bóveda. O nacionalista galego que celebra a roxa non é posmoderno, é colonizado, e a cultura líquida é só a súa escusa para non enfrontarse á súa propia contradición, para non mirarse ao espello e ver a camiseta vermella sobre a pel galega. Porque o nacionalismo reformista é líquido, flexible, acomodaticio, e por iso pode poñerse a camiseta vermella sen vomitar. Pero a revolución non é líquida, é sólida, é compromiso, é coherencia, é non poder celebrar a roxa porque che sabe a sangue, a Castelao exiliado, a Bóveda fusilado. E mentres o nacionalismo galego se deixe atrapar pola lóxica posmoderna da identidade líquida, mentres trate a nación como un equipo de fútbol, mentres pense que se pode ser galego e español á vez sen contradición, seguirá sendo un nacionalismo derrotado, de salón, que instala pantallas xigantes para ver ao inimigo e chama a iso «diversidade». A liberación non é líquida, é seca, dura, é romper coa camiseta vermella e poñerse a nosa, aínda que a FIFA non a recoñeza, aínda que a televisión non a emita, aínda que a esquerda española nos chame extremistas. Porque a nación galega non é unha identidade líquida, é unha realidade sólida, e a súa liberación esixe compromiso, non un «si, pero non». Non existe nada de galego niso, iso é a visión que en Madrid teñen do galego.
Pero o máis noxento, o máis vomitivo de todo, é esa puta esquerda española que nos vén dicir que esta selección é de esquerdas porque leva un Lamine Yamal, como se un rapaz de orixe marroquí que xoga para España fose un símbolo de progresismo, cando o mesmo Estado que o aplaude é o que deixa morrer no mar a centos de persoas como el cada semana. Esa mesma esquerda que nos di que a selección é diversa e inclusiva, pero que non di unha puta palabra cando o mesmo Lamine Yamal contrata prostitutas e ananos para celebrar o seu aniversario, porque claro, iso non é fútbol, iso é vida privada, e a vida privada dos futbolistas non se toca, pero a vida privada dos galegos, a nosa lingua, a nosa cultura, esa si que se toca, esa si que se pisotea. Esa mesma esquerda que nos vén con Borja Iglesias, o dianteiro que se pinta as uñas, que se define «antifascista», pero que xoga ao lado de Marcos Llorente, un fascista declarado. Pero non, non pasa nada, porque Borja ten as uñas pintadas, e iso é o que fai que a selección sexa de esquerdas. Porque a esquerda española, esa que se di progresista, feminista, antiracista, non ten ningún problema en abrazar os símbolos do españolismo, en validar a roxa, en poñerse a camiseta e berrar «viva España», mentres nos din a nós, os nacionalistas galegos, que somos retrógrados, pechados, uns fachas por querer defender a nosa lingua e a nosa cultura. Non, compañeiros, non. Non hai nada máis parecido a un español de dereitas que un español de esquerdas cando se trata de borrar as nosas identidades. Porque o español de dereitas di que o galego é un dialecto, e o de esquerdas di que é unha lingua «bonita» pero que non hai que impoñela. O de dereitas di que España é unha e indivisible, e o de esquerdas di que é plurinacional, pero que ao final todos somos España, e que o fútbol nos une. O de dereitas fusilou a Bóveda, e o de esquerdas celebra os goles do seu país mentres Bóveda segue enterrado sen xustiza. Os dous, dereitas e esquerdas, están do mesmo lado cando se trata de nós, os galegos, os vascos, os cataláns. Os dous son o Estado, os dous son o inimigo, os dous son a roxa. Porque a esquerda española non é máis que a faciana amable do mesmo monstro, o brazo cultural do Estado, o que lle pon unha capa de pintura progresista ao mesmo edificio que construíu o franquismo, e os nacionalistas galegos, en lugar de derrubar o edificio, póñense a admirar a pintura.
E Castelao, Castelao, o noso, o que debuxou a alma de Galiza, o que exiliou e morreu lonxe da súa terra porque o Estado español non lle deixou vivir nela, que diría se vise a un nacionalista galego coa camiseta vermella? Castelao, que definiu a nación galega como unha comunidade de homes que falan unha lingua e teñen unha cultura común, e que loitou toda a súa vida por unha Galicia libre dentro dunha República federal, pero libre, non sumisa. Castelao, que no seu «Sempre en Galiza» deixou escrito que a nación galega é unha realidade histórica e cultural que non se pode negar, e que a súa liberación pasa por romper coa opresión do Estado centralista. Castelao, que viu como o seu pobo era humillado, a súa lingua prohibida, a súa cultura ridiculizada. Castelao, que no exilio seguiu debuxando e escribindo contra o franquismo, contra a opresión, contra a negación de Galicia. Que diría Castelao, o noso Castelao, se vise a un concelleiro do BNG instalando unha pantalla xigante para ver o partido do Estado que o exiliou, do Estado que fusilou a Bóveda, do Estado que lle negou a lingua ao seu pobo? Non, Castelao non celebraría a roxa, non aplaudiría os goles de España, non se poñería a camiseta vermella. Seguiría debuxando a súa rabia, escribindo a súa denuncia, dicindo que Galiza é unha nación e que non se pode render, nin en política, nin en cultura, nin en fútbol. E cando Castelao falaba de Galiza, falaba de todo: da lingua, da terra, do mar, da xente, e tamén da dignidade. E non hai dignidade en celebrar ao que te oprime, en aplaudir ao que te nega, en poñerse a camiseta do teu verdugo. Castelao sabíao, e por iso exiliouse, non claudicou, seguiu loitando ata a morte. O nacionalista que celebra a roxa está a negar a Castelao, a súa loita, o seu exilio, a súa morte. Está a dicirlle: «Non, ti estabas equivocado, España non é o inimigo, España é o meu equipo, a miña selección, a miña alegría». Pero Castelao non se equivocaba, e o nacionalista que celebra a roxa está equivocado, perdido, colonizado.
E aquí entra a cuestión de fondo: ou se rompe con España en todos os terreos, político, económico, cultural e deportivo, ou non se rompe en ningún. Porque o fútbol é o último reduto da unidade nacional española, o único espazo onde o español medio e o galego medio se senten iguais. Se os nacionalistas galegos ceden nese terreo, ceden no esencial. O que está en xogo é a hexemonía: quen define a identidade do pobo galego? O Estado español, a través da roxa, ou o movemento nacionalista, a través dos símbolos propios? Hai que crear seleccións galegas recoñecidas, boicotear a roxa, denunciar que Ana Peleteiro, cando se enfunda a camiseta vermella, está a renegar da súa nación, a usar o seu talento para engordar o medalleiro do Estado que lle prohibiu o galego na escola. Non se pode ser internacionalista sen ser nacionalista galego, e non se pode ser nacionalista galego sen rexeitar a roxa. É unha cuestión de coherencia revolucionaria, non de oportunismo electoral. Porque a loita nacional é tamén unha loita de clases, e a clase traballadora galega non ten nada que gañar coa vitoria da selección española, ten todo que gañar coa vitoria da súa propia nación, coa recuperación dos seus recursos, coa soberanía sobre a súa lingua e a súa cultura.
Pero a masa social que celebra a roxa non é consciente da súa alienación, e aquí hai que ser dialéctico, non dogmático. Esa masa, composta por traballadores, campesiños, pequenos comerciantes e mozos e mozas, non son «traidores»: son vítimas da hexemonía cultural do Estado, dese «sentido común» que o Estado inxecta a través da televisión, da escola, dos medios. Cando a masa celebra a roxa, está a actuar dentro do marco que o Estado lle marcou, a reproducir a súa propia subalternidade sen sabelo. A súa alegría é prestada, a súa identidade é prestada, o seu orgullo é prestado. Pero a tarefa do revolucionario, do que quere a independencia, non é desprezalos nin insultalos, senón sacalos da caverna, explicarlles que a roxa é a camiseta do verdugo, que o himno que corean é o mesmo que soaba mentres se prohibía o galego, que o escudo que lucen é o mesmo que lucían os que fusilaron a Bóveda. Hai que mostrarlle ao traballador galego que os seus verdadeiros intereses non están en que gañe España, senón en que Galiza recupere o control dos seus recursos naturais, da súa lingua, da súa educación, dos seus portos, das súas eólicas. A batalla cultural é a batalla decisiva, e pérdese cada vez que un nacionalista cede terreo, cada vez que un intelectual orgánico di que «non pasa nada» porque o fútbol é «neutro». Non, non é neutro, nunca o foi, e o momento de denuncialo é agora. Porque a revolución non é só tomar o poder burgués, é tamén descolonizar a mente, e mentres a mente siga colonizada, o poder seguirá sendo do colonizador.
Por iso o independentismo galego debe ser iconoclasta, radical, sen concesións.
Porque a verdade, a verdade máis incómoda, é que o nacionalismo galego levou décadas gañando batallas políticas, estatutos, leis de normalización lingüística, pero perdeu a batalla cultural. Perdeu porque a masa social prefire celebrar a España antes que construír Galiza. Perdeu porque os concellos nacionalistas poñen pantallas de España antes que poñer escolas de galego. Perdeu porque os seus líderes teñen medo de dicir en público o que eu estou a dicir aquí: que a roxa é o inimigo, que a selección é o símbolo do Estado opresor, e que celebrala é un acto de colaboracionismo. E mentres ese medo exista, mentres os nacionalistas sigan xogando a ser españois durante 90 minutos, o Estado español seguirá gañando, non só os mundiais, senón a guerra de verdade, a guerra pola alma do pobo galego. E esa esquerda española, esa que nos di que a selección é de esquerdas, é a súa aliada, a que lle pon a cara amable á opresión, a que lle di ao pobo galego que non pasa nada, que o fútbol é de todos, que España é diversa, que Lamine Yamal é o futuro. Pero o futuro non é Lamine Yamal, o futuro é unha Galiza libre cunha selección propia na que o talento galego xogue para Galiza, e para chegar a ese futuro hai que romper co pasado, co presente, e sobre todo, coa roxa.
Pero eu creo que aínda hai esperanza, porque a memoria non se borra con pantallas xigantes. A memoria está nos petróglifos, nas cantigas de amigo, nas palabras que aínda resisten. A memoria está no sangue de Bóveda, que aínda mana da terra. E un día, cando o pobo galego deixe de celebrar os goles do seu verdugo, cando as pantallas xigantes se apaguen e no seu lugar se poñan fotos de Castelao, cando Ana Peleteiro compita cunha camiseta galega e non coa roxa, cando os nacionalistas galegos deixen de escoitar á esquerda española que lles di que a roxa é inclusiva, ese día comezará de verdade a liberación. Mentres tanto, eu vou seguir aquí, na praza común, dicíndolle á xente que non se enganen, que cada gol de España é un gol contra Galiza, que cada celebración é unha traizón, e que a independencia non se gaña nos estadios, gañase nas conciencias. E se iso me converte nun radical, nun extremista, nun nacionalista de merda, pois que así sexa. Pero non me pidas que celebre a roxa, porque eu celebro a Galiza, e Galiza non xoga en España, Galiza xoga contra España. Sempre xogou, sempre xogará. E cando esta terra gañe, cando sexa libre, entón si que haberá festa, pero non haberá pantallas xigantes, haberá un pobo enteiro celebrando a súa propia vitoria, non a do amo. E esa vitoria, compañeiros, non a imos ver na televisión, imola construír na rúa.
Se el primero en comentar