Memoria e Reparación na Foxa de Soutelo

o protagonismo do acto foi para as familias de Antonio e Manuel, que pechaban unha ferida que levaba aberta noventa anos, e que se transmitira de xeración en xeración

Por Angelo Nero | 25/03/2026

Fotos: Demetrio Monteagudo

Antonio Dalmiro Domínguez González e Manuel Fernández Diz eran dous mozos veciños de Tui, asasinados en setembro de 1936. Pouco se sabe das circunstancias polas que caeron nas baixo as balas fascistas nun monte de Soutelo, aínda que si sabemos que en Tui se ofreceu a derradeira resistencia da República ante o golpe militar, na Volta da Moura. Case noventa anos despois, localizaron os seus corpos nunha foxa común no adro da igrexa de San Vicente de Soutelo, grazas ó traballo de exhumación dirixida polo antropólogo forense Fernando Serrulla, do Instituto de Medicina Legal de Galicia, impulsado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, coa colaboración do Concello de Salceda de Caselas e da FEMP. Grazas as mostras de ADN de dous sobriños das vítimas, confirmouse a identidade de Antonio e Manuel, e os seus restos puideron ser devoltos ás súas familias, nun acto celebrado o pasado 20 de marzo no mesmo lugar onde foron exhumados os seus corpos.

A presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa, declarou que no próximo mes de abril comezará unha nova fase de escavación da foxa de Soutelo, na procura de outros cinco represaliados polo franquismo: Modesto Barreiro Cubillos, veciño de Lavadores e Leoncio Muíños Rey, Ramón Pérez Cabaleiro, José Cordal Yánez e Severo Boente Rodríguez, veciños de O Porriño, que testemuñais orais como a de Jesús González Estévez, e o traballo de investigación do historiador Xosé Ramón Paz Antón sitúan neste lugar.

No acto de Reparación e Memoria, e de entrega dos restos mortais de Antonio Dalmiro Domínguez González e Manuel Fernández Diz, participaron distintos representantes das institucións, como a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada, asi como o antropólogo forense, Fernando Serrulla. Ademais de membros da Comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, estiveron presentes no acto membros de outros colectivos que traballan pola Memoria Antifascista como Capitán Gosende e a Asemblea Republicana de Vigo.

Máis o protagonismo do acto foi para as familias de Antonio e Manuel, que pechaban unha ferida que levaba aberta noventa anos, e que se transmitira de xeración en xeración. Alí estaban o sobriño de Antonio Domínguez González, que agradeceu a recuperación dos restos mortais do seu tio, do que descoñecía onde estaba soterrado. Dende o outro lado do Atlántico, dende Bos Aires, viaxou Marta Fernández, Gachi, sobriña neta de Manuel Fernández Diz, que asistiu ó acto aferrada a un feixe de fotografías da súa familia.

Helena Pousa, presidenta da Comisión, salientaba no Diario Nós: “A identificación de Manuel foi posible grazas a que un forense de Buenos Aires recolleu as mostras de ADN a dous irmáns de Marta. Tiveron que ir facelas a onde estivo a terrible Escola de Mecánica de la Armada (ESMA), un dos maiores centros clandestinos de tortura durante a ditadura militar arxentina. Segundo eles entrar alí aínda lles dá moitos arrepíos e nunca pensaron que algún día terían que ir a ese lugar maldito para axudaren a identificar a seu tío avó Manuel, vítima mortal da ditadura española.” Gachi contou que o seu avó Joaquín, o irmán de Manuel, salvouse porque cando se inicio a represión fascista agochouche baixo un monte de esterco, ata que logrou coller un barco para fuxir cara a Arxentina.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda de Caselas e natural de Soutelo, salientou no acto, que o concello ten a obriga moral de propiciar e participar nestes actos de Memoria “porque un concello non só se ten que dedicar a limpar as cunetas para os días da festa do patrón, senón tamén limpalas do sangue derramado inxustamente.”

Pola sua parte a presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa, salientou que pouco se sabe das biografías de Antonio e Manuel, máis é doado pensar que foron asasinados por participar na defensa da República, ou fosen militantes dalgún sindicato o mesmo dese agrarismo que era particularmente activo na comarca, onde están documentadas 680 vítimas mortais da represión franquista.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.