Los Reyes del Mundo, pura poesía visual

Dende as rúas de Medellín ata as terras do Bajo Cauca antioqueño, atravesando o río Nechi, acompañamos aos cinco protagonistas do filme na súa busca da terra prometida

Por María Seráns

Atópome escribindo a miña opinión sobre a segunda película da Colombiana Laura Mora, gañadora da “Concha de Oro” no último festival de San Sebastián, no día da poesía… Bendito azar! que de cando en vez nos regala oportunidades coma ésta, que nos animan aínda máis a plasmar as nosas emocións nun papel.

O filme aborda o punto neurálxico do conflito colombiano, a loita pola terra. A principios do 2012 entrou en vigor a “Ley de Víctimas y Restitución de Tierras”, pero dende aquela ata hoxe, como denuncia Amnistía Internacional, a situación non fixo máis que empeorar para dirixentes e activistas que fan campaña pola restitución das terras roubadas.

Dende as rúas de Medellín ata as terras do Bajo Cauca antioqueño, atravesando o río Nechi, acompañamos aos cinco protagonistas do filme na súa busca da terra prometida; nunha viaxe chea de lirismo e de metáforas, pero sobre todo chea de rabia e de liberdade, chea de vida, na que, nun exercicio de intertextualidade, atopamos o espírito de Huckleberry Finn na súa travesía polo Mississipi.

Como na obra de Twain, aquí hai moita violencia e racismo, mais tamén beleza, ésa que se atopa na busca da xustiza, na solidariedade, na amizade, no amor, na esperanza, representada no filme por esa imaxe recurrente do cabalo branco, símbolo de triunfo sobre as forzas negativas.

A maioría de actores (naturais, non profesionais) protagonistas do filme saíron dun casting anterior (feito para unha escena de “Matar a Jesús”, ópera prima de Mora, do 2017), durante o cal a directora puido velos practicar “Gravity Bike” e que ela mesma define como “necios, libres, incontenibles, espíritus indomables”, que “odian el mundo pero aman la vida”, sentimentos que sen dúbida contaxian a calquera cun mínimo de sensibilidade.

A destacar tamén, ademais dos cinco protagonistas, o traballo das actrices procedentes dos colectivos de traballadoras sexuais “Guerreras del Centro” e “Putamente Poderosas”, que na súa casa-bordel constrúen unha “matria” (poderoso plano dun tapete coa bandeira de Colombia) que acolle aos seus fillos perdidos, ofrecéndolles sustento e amor.

“Un día todos los hombres se quedaron dormidos… Y los cercos de la tierra, ardieron”, frase que escoitamos ao comezo (e fin) do filme, pronunciada polo seu protagonista, que deixa clara a intención poética da directora cunha obra que reflicte (mediante o uso da luz, o son, a música…) tanto a exultante beleza da selva colombiana como as emocións do grupo de rapaces; en definitiva, se me permitides deixarme contaxiar por ditas emocións e ser un pouco “punk”, unha PUTA MARABILLA.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.