“Lola, filla de Cangas”, de Asun Bernárdez Rodal

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Ao brillante currículo como profesora e investigadora desenvolto nos eidos ensaísticos dos discursos de xénero e da comunicaciónAsun Bernárdez Rodal abéirase, con extraordinaria fortuna ao meu ver, á ficción en lingua galega co libro Lola, filla de Cangas.

Un dos seus acertos talvez radique na asunción dunha perspectiva que quere recrear, con recursos novelísticos, a figura e a memoria de Lola Rodal Blanco, de xeito de que o discurso narrativo se inspira nas gravacións desta muller canguesa que, na actualidade, están depositadas no Museo do Pobo Galego. Este é o fío fundamental da novela, quer dicir, a evocación persoal dos acontecementos que ela viviu na vila de Cangas antes e despois do golpe de estado de 1936, mais faise de tal maneira que a súa voz narrativa está sobreposta, con bastante acerto ao meu ver, á da propia autora de maneira que se incorpora tamén, como se sinala nun epílogo, “o que a min me contaron, porque a memoria social articúlase nun enredo de voces e experiencias que asumimos como propias”, alén doutras referencias bibliográficas, sen desapegarse dunha fórmula moi solvente vinculada coa oralidade, entretecida con naturalidade con fragmentos de filiación máis lírica.

É este, así pois, un libro que relata uns acontecementos terríbeis, nucleados no ámbito familiar de Lola Rodal, filla de pais sindicalistas -detidos en varias ocasións antes e despois da guerra- e cunha familia rota pola guerra onde se repara na biografía dun irmán asasinado, Ángel, e outro máis, Pepe, internado nun campo de concentración en Túnez e logo exiliado. Ademais, deséñase con transparencia a atmosfera social dunha vila como Cangas antes e despois da guerra, isto é, a miseria e a pobreza á que estaba condenada a clase traballadora, a solidariedade que existía entre ela e o traballo político que se levou a cabo desde as forzas da esquerda, sen esquecer nin as diferenzas sociais existentes nin tampocuo a represión e persecución exercida, de maneira implacable, contra tantas persoas que resultaron asasinadas e, no mellor dos casos, coa vida truncada para sempre. Velaí como se incorporan na novela os nomes e apelidos das persoas que sufriron a represión -xorden aquí e acolá, por exemplo, referencias a José Mejuto ou á Capirota, por exemplo, ou como as mulleres, polo feito de selo, sufrían especialmente a tortura e o desprezo- e tamén os daqueloutras responsables de exercela a través dos alcumes ou referencias cunha inicial, nun universo onde ademais do poder político tamén actuou de maneira salientable o poder relixioso.

Resulta difícil non pechar este libro sen sentir a emoción de que se asistiu a un testemuño vital dunha persoa mais tamén dun longo período recreado literariamente que cómpre coñecer e, sen dúbida, divulgar. Rescátase aquí con xustiza a memoria de Lola Rodal e quedan entre nós os nomes de Taratola, Evaristo, Camilo Rodal, Lorenzo Corbacho, os mártires de Anguieiro, Charrúa, os da Illa e os de San Simón ou Taratola, rescatados do esquecemento e aos que a palabra lle pintou un rostro e construíu unha biografía. Un gran libro que nos deixou este 2020.

(A publicación, velaquí as súas primeiras páxinas, pode adquirirse en librarías de Cangas, a través do contacto coa directiva da “Asociación 28 Agosto”, ou escribindo ao correo lolafilladecangas@gmail.com)

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.