Artigo elaborado a partir dunha entrevista realizada a Mustafa Mohamed Lamin al-Kattab, representante da Fronte POLISARIO para Oriente Próximo
Por Nithya Nagarajan / Enxergar
Cando entramos no campo de refuxiados palestinos de Chatila en Beirut, no Líbano, as pantasmas do masacre de Phalangist apoiada por Israel en 1982 saúdan o visitante, aloxadas no «cemiterio dos mártires». Máis aló, notamos os cables revoltos de electricidade roubada, esnaquizados, entrecruzándose e cortando o horizonte. Abaixo, corpos humanos, xeracións de familias que perseveran por regresar, esnaquízanse uns enriba doutros en xunglas de cemento. A topografía do deserto do Sáhara do Tinduf en Alxeria non podería ser máis diferente, aínda que a primeira ollada, tanto os campos de refuxiados saharauís como os palestinos parecen mundos sen horizontes. A mocidade, precarizada, sen traballo, sen esperanza, emigrando por desesperación, soporta a asfixia dos poderes imperiais que negan a ambos os pobos o seu dereito á autodeterminación. Isto fai aínda máis tráxico que as faccións dominantes do movemento nacional palestino se enfronten aos “palestinos do Magreb”, un dos movementos de liberación máis silenciados do mundo, o do pobo saharauí.
A medida que os ollos mediáticos centran a atención nos refuxiados ucraínos, a situación dos refuxiados saharauís e palestinos agóchase: a hipócrita e dobre vara de medir das potencias occidentais en plena exhibición.
O Sáhara Occidental é un punto chave da colonización occidental e o imperialismo no Magreb e no continente africano, importante peza xeopolítica dos actuais conflitos impulsados polos Estados Unidos e a OTAN. Mentres condenan a ilegalidade da invasión rusa de Ucraína, os gobernos europeos, incluído o español, inclínanse ante os seus amos norteamericanos en Palestina e no Sáhara.
A decisión estadounidense evidencia a semellanza entre as forzas rexionais reaccionarias que ambas as loitas continúan enfrontando, uns 45 anos despois de que George Habash, o líder da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), visitase os campos de refuxiados no Tinduf nos anos 80. Habash dixo aos mozos do Exército de Liberación do Pobo Saharauí, “cando combatestes a monarquía reaccionaria en Marrocos, tamén combatestes os inimigos da Revolución Palestina”; denunciou a traizón de Hasan II ao aceptar os Acordos de Camp David do 78 que normalizaron a relación entre Exipto e Israel; sinalou a estreita alianza de Marrocos cos Estados Unidos, que apoia militarmente a colonización de ambos os pobos; denunciou a monarquía de Marrocos como un alicerce chave no Magreb xunto coa xordana e a saudita, impulsoras materiais e ideolóxicas cruciais do imperialismo occidental e a colonización sionista. Identificar os inimigos comúns que impiden a autodeterminación dos seus pobos foi a base da solidariedade construída entre os líderes do POLISARIO e o FPLP, Al-Ouali Mustafa Sayed e G. Habash respectivamente.
Aínda que o POLISARIO e a FPLP non teñen as mesmas raíces ideolóxicas, ambos inspiráronse nos movementos de liberación panárabes centrados en Beirut e Damasco, promovendo concepcións de ‘liberación nacional’ antiimperialistas. Fundado en 1973, logo do establecemento da OLP, o POLISARIO buscou evitar os erros do Movemento Nacional Palestino que caeu nunha profunda fragmentación, consagrando na súa constitución no exilio o principio de unidade como máxima central na loita de liberación, non só a unidade interna senón a unidade panárabe e africana contra a dominación colonial. O mesmo principio que sustenta a iconografía da bandeira da FPLP que simboliza que a ‘liberación de Palestina percorre o mundo árabe’. Para Habash, acabar co xugo da opresión colonial require a unidade da clase traballadora internacionalista. Cando al-Ouali se quixo reunir con Habash, dise que este só lle concedeu 20 minutos. Finalmente, a reunión durou catro horas e desde entón mantense a amizade e o compromiso entre os dous movementos.
A ocupación marroquí do Sáhara Occidental cambiou os termos da loita: pasou de ser anti colonización europea a conflito inter-árabe. Da era do Exipto de Nasser, quen “a pesar dos seus erros” foi un referente central para a unidade panárabe, os Acordos de Camp David deron paso ao Exipto de Anwar Sadat, quen normalizou a visión dun “Gran Israel”, do mesmo xeito que os Acordos de 1975 e a ocupación pretendían construír un “Gran Marrocos”. Ambos os réximes, que comparten unha visión expansionista (así figura nas súas constitucións), buscan volver trazar os límites territoriais do seu Estado-nación a través de ocupacións militares. O mundo árabe dividiuse entre os que caeron no campo occidental proimperialista e apoiaron os Acordos (26 países) e os que se opuxeron. As contradicións e divisións necesarias para soster a inestabilidade xeopolítica rexional e a dominación neocolonial foron aseguradas polas potencias europeas saíntes, alimentadas materialmente polos petrodólares sauditas que lograron atraer á súa esfera de influencia a maioría dos réximes árabes, excepto os gobernos de Alxeria, Libia e Siria, entre outros.
Coa caída da Unión Soviética, a propaganda ideolóxica estadounidense e occidental alterou a política internacional ao cambiar os lugares e métodos da loita política. Mudou as formas de loita permisíbeis, “pacíficas non asociadas á violencia”, para os movementos de liberación nacional. O POLISARIO e a OLP, que defendían o dereito á loita armada, víronse obrigados a adoptar unha postura defensiva: “Non somos terroristas, simplemente loitamos pola nosa liberación. Estamos a construír xustiza”. Estes feitos marcaron unha nova etapa histórica nas batallas de liberación nacional palestinas e saharauís. A partir das fendas dos anos 70, o POLISARIO e as tendencias dominantes do movemento nacional palestino atópanse en campos opostos. A pesar das duras críticas de Habash aos coqueteos palestinos cos réximes árabes neocoloniais, a OLP, baixo o liderado de Arafat, asumiu un camiño de dependencia cos poderes reaccionarios que os obrigou a acatar os novos conceptos de loita: o binomio de «moderados» versus «extremistas». Co POLISARIO permanecendo en alianza co campo árabe antiimperialista, Marrocos librou unha batalla ideolóxica cualificando o POLISARIO de “terroristas” e “mercenarios”. A OLP, incluída a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina, “renunciou á causa saharauí”, incluso considerándoo como “competencia”. Cando Habash escribiu “Liberación, non negociación” en 1974, presaxiaba a traizón que caería sobre a revolución palestina na que a dependencia dos palestinos do estado sionista e o campo imperialista os obrigaría a acatar a fórmula: “un anaco de terra, por un anaquiño de paz”. Acatamento que os levaría tamén a traizoar os saharauís.
En 2020, despois de 30 anos de boicot marroquí ao referendo de autodeterminación, a Fronte POLISARIO rompeu o acordo de cesamento do fogo para relanzar a loita armada. Tras este movemento, di o representante internacional da organización xuvenil da Fronte POLISARIO, UJSARIO, “Rabat volveuse contra Palestina e aceptou o acordo ilegal de Trump, tentando crear unha nova situación sobre o terreo na que Estados Unidos e Israel están implicados directa-mente… Agora está a vender os palestinos e a causa palestina polo vergoñoso recoñecemento da súa ocupación ilegal do Sáhara Occidental…”.
Esta “repartición colonial” de ambos os pobos forma parte dos esforzos dos EUA por salvar a súa hexemonía en declive cos seus aliados. Por que, España, que ao ser a potencia colonial saínte obtería os maiores beneficios económicos e políticos dun Sáhara indepen-dente, entrega o Sáhara Occidental a Marrocos e Mauritania? Mustafa Kattab responde: “Foi unha directiva dos Estados Unidos de que o Sáhara Occidental non pode ser independente”. En 1975, Henry Kissinger, daquela Secretario de Estado dos EUA., aclarou o xogo xeopolítico rexional, advertindo que o recoñecemento da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) implicaría fortalecer Alxeria, Exipto (baixo Nasser) e Siria, países e forzas que impulsaban unha axenda antiimperialista, panárabe e africanista. Nos conflitos xeopolíticos actuais no Magreb, con Rusia, China e a alianza BRICS, tamén dependentes de Marrocos para os fosfatos e outros recursos do Sáhara ocupado, cos conflitos polo control das augas do Mediterráneo e do Estreito de Xibraltar, o rei Mohammed VI é un aliado rexional «moderado» e crucial. Os saharauís, do mesmo xeito que os palestinos, son sacrificados neste xogo colonial e neocolonial.
Mohamed Madi, xefe do comité palestino de solidariedade co pobo saharauí en Gaza, pregunta aos líderes palestinos: á luz da normalización de 2020 na que Marrocos mostrou abertamente a súa alianza cos israelís, non é hora de repensar as nosas relacións coa loita saharauí?
Como Madi, podemos facerlle a pregunta ao movemento sindical internacional en apoio a estas dúas loitas: non deberíamos interrelacionar a loita antiimperialista e a loita obreira? Cales son os límites e contradicións da nosa solidariedade ao velas diferentes? Como o eixo analítico antiimperialista e de clase sinalado por Habash e Al-Ouali axuda a guiar os actuais internacionalismos sindicais anticoloniais? Cuestións especialmente urxentes pola chamada da UGTSARIO a un movemento sindical internacional en apoio á súa causa, pero urxentes tamén para aqueles actores do movemento sindical solidario con Palestina, que non recoñecen as contradicións dentro do movemento nacionalista palestino, e acaban aliándose cos dirixentes palestinos e os seus homólogos no movemento sindical, que están apoiados polos mesmos réximes reaccionarios e estado colonial que están a exterminar aos palestinos.
Se el primero en comentar