Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica
Dentro do seu amplo catálogo, a histórica editorial compostelá Alvarellos outórgalle, desde hai tempo, un papel esencial a aqueles volumes que reparan, con especial atención, en aspectos vinculados coa nosa memoria colectiva. Entre os últimos que viron a luz na devandita editora rescatamos aquí tres títulos, entre outros máis que poderiamos escoller.
Aramados, que chega nunha espléndida edición traducida polo profesor e poeta Miro Villar, é un libro de imposible acceso desde hai bastantes anos que se publicara orixinalmente no ano 1941 na editorial Celta de Bos Aires. Manuel Gerpe, o seu autor, foi un avogado, xornalista e político natural de Ordes que nos ofrece unha sorte de autoficción en forma de crónica que bebe das súas propias experiencias desde as datas previas ao seu ingreso, no ano 1939, no campo de concentración francés de Septfonds -na rexión de Mediodía-Pireneos- dándolle forma literaria ás vivencias que alí o rodearon. Neste testemuño agroma, por unha banda, unha visión moi crítica das tensións xeradas entre os republicanos e, abofé, unha denuncia tanto das condicións infrahumanas que dominaban a vida cotiá no campo como unha crítica ás decisións políticas que posibilitaban que unha persoa puidese acceder a un barco cara ao exilio. Por extensión, expón tamén unha ricaz reflexión sobre os comportamentos humanos expostos a situacións límite.
Outro volume, da autoría do profesor Miguel Paz Cabo e baixo o título de ¡Viva la libertad!, aborda a historia, moi descoñecida, do mestre Fernando Barcia no Santiago republicano, responsable da Asociación Socialista de Santiago desde 1931 ata o seu asasinato en 1938. Un mestre rural que foi presidente da Asociación de Traballadores do Ensino e que desempeñou un papel fundamental na aprobación do Estatuto de Autonomía, alén de presidir o Comité Executivo para a Defensa da República que organizaba a resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936. O meritorio traballo de Miguel Paz, moi rigoroso e documentado, reconstrúe con brillantez o perfil biográfico de Barcia e a cidade de Santiago daquela época e as súas xentes -inclúe asemade un mapa dunha ruta completa polo Santiago republicano-, alén de iluminar as dimensións da represión que se instalou na sociedade compostelá naquela altura.
Por outro lado, Henrique Alvarellos, unha das persoas que máis intensamente traballou nestes últimos tempos na recuperación da figura de Lorca para a cultura galega a través de diversas publicacións ou de iniciativas como a celebración do 25 de outubro como “Día de García Lorca en Galicia”, publica arestora Federico García Lorca en Santiago de Compostela: un libro que percorre, minuciosamente e cun admirable pulso narrativo, os pasos do poeta granadino pola cidade, ao tempo que incorpora un vizoso capítulo sobre o paso de Lorca pola cidade de Bos Aires exercendo como embaixador da nosa propia cultura ou outras vivencias do poeta acontecidas no ano 1936 e pouco divulgadas. Como o anterior, o libro ofrece unha suxestiva ruta con catorce lugares composteláns con pegada lorquiana.
Tres achegas substantivas que beben no pozo da historia e que permiten acceder a espazos, aínda recónditos, da nosa memoria.
Se el primero en comentar