Incendios en Portugal: o negocio do lume non ten fronteiras

Protesta contra la macrocelulosa Altri (Plataforma Ulloa Viva)

A combinación de grandes masas de eucalipto coas consecuencias do cambio climático poden levarnos a un escenario moi similar ao de Portugal se non actuamos pronto.

Por Xaquín Pastoriza | 27/09/2024

Estes días puidemos comprobar mirando os ceos do Sur de Galicia as consecuencias da devastadora vaga de incendios que arrasa Portugal. As nubes de fume e de cinza tinguiron o Sol e a lúa dun manto avermellado, o aire volveuse menos respirable e hai un persistente cheiro a queimado.

Por desgraza, os galegos e as galegas estamos afeitos a estes fenómenos de ceos promizos de fume, como ocorreu coas vagas de incendios de 2022, 2017 e 2006, sen ir máis lonxe no tempo. Que podemos aprender do que ocorreu en Portugal? Que riscos compartimos co país veciño?

Nesta gran onda de indendios, que provocou 7 mortes e na que arderon máis de 100.000 ha., téñense queimado sobre todo grandes masas forestais de eucalipto (xunto con algúns piñeiros), empregadas maioritariamente para producir pasta para papel. As maiores empresas deste sector en Portugal son Navigator Company e Altri (sóalles esta última?), que promoven o monocultivo dunha especie arbórea que arde con facilidade e propaga incendios. As dúas empresas posúen unha suma total de 240000 ha., abastecéndose ademais de 100.000 ha. en mans de pequenos propietarios. Estas dúas celulosas foron comprando a prezo de saldo terreos ardidos, até incrementar 10 veces a súa área forestal nos últimos 10 anos. Curiosamente, as áreas forestais en mans destas empresas apenas arden, xa que dispoñen dun servizo de bombeiros privados propio, son as áreas límitrofes as que caen vítimas do lume.

En Portugal, no 81 % das áreas reforestadas tras un incendio plantouse eucalipto. É un círculo vicioso de lume e papel, hai un interese claro das empresas celulosas en manter este modelo no que os incendios xogan un papael decisivo na expansión do monocultivo de eucalipto. É o negocio do lume, que empobrece os chans, arrasa coa biodiversidade e fomenta o cambio climático para beneficio duns poucos. É o capitalismo, amigos.

Por suposto, este modelo non podería funcionar sen a conivencia do poder político, que non só permite senón que alenta a expansión do eucalipto. Un exemplo dramático o temos no feito de que sexan precisamente os gobernos dos municipios máis afectados por esta vaga de incendios (como Alvergaría-a-Velha, Aveiro ou Figueira da Foz) os que asinaron en 2018 un manifesto en defensa do cultivo de eucalipto promovido por Navigator e Altri.

Pero este domingo 22 a sociedade portuguesa mobilizouse en todo o País baixo a lema “o país arde, temos que espertar?” pondo o foco na responsabilidade das celulosas, que ten aos bosques como reféns do seu negocio e esixindo un cambio de rumbo na xestión forestal.

Altri e Navigator tamén son responsables de verteduras contaminantes desde as súas plantas celulosas ao Río Texo, provocando mortalidades catastróficas de peces e acabando con boa parte da biodiversidade. Por suposto, a pesar da denuncia dos grupos ecoloxistas, a investigación sobre a orixe destas verteduras foi arquivada e nunca se depuraron responsabilidades.

Estas empresas con semellante historial ambiental puxeron os seus ollos en Galicia. Navigator incrementou nun 69 % as áreas de explotación de eucalipto que posúe en Galicia. E de Altri, que imos descubrirlles, o seu proxecto de construción dunha macrocelulosa en Palas de Rei (Lugo) desatou unha fortísima oposición en toda Galicia polo desaforado consumo de auga que tería, o grave risco de contaminación das augas e a extensión do modelo de monocultivo de eucalipto para alimentar a factoría.

Estas empresas, ademais, están a investigar introducir novas variedades de eucalipto, como o Nitens, máis adaptables ao clima do interior de Galicia que o eucaliptus globulus que domina no litoral. A combinación de grandes masas de eucalipto coas consecuencias do cambio climático poden levarnos a un escenario moi similar ao de Portugal se non actuamos pronto. Vemos así como existe unha conexión entre os incendios de Portugal e Galicia, ademais do fume que está nublando os últimos raios do sol do verán. E é que o negocio do lume non ten fronteiras.


Xaquín Pastoriza es Coordinador de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas. Este artículo fue publicado originalmente en Viento Sur.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.