Entrevistamos a Manuel Monge: «Non podemos esquecer que o PSOE, un partido que se define con raíz, tradición ou ADN republicanos, é hoxe o principal sostén da monarquía»

Por Daniel Seixo

Con que obxectivo nace Galiza pola República?

Cando se anuncia a abdicación do rei Juan Carlos, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña convoca a forzas políticas e sociais da comarca para dar unha resposta porque rexeitamos a abdicación, que só pretendía dar continuidade á monarquía, e non queremos rei. Apróbase a convocatoria dunha manifestación o 19 de xuño de 2014 na que participan máis de 3.000 persoas, baixo o lema“Galiza pola República e polo dereito a decidir”. O escritor Manuel Rivas lía o manifesto.

Co gallo do 50º aniversario (1969) da designación de Juan Carlos polo ditador Franco como o seu sucesor na xefatura do Estado, tres membros do colectivo de Galiza de presas e presos políticos do franquismo na ditadura (Nicanor Acosta, Manuel Villares e Manuel Monge) convocaban a organizacións políticas, sindicais e entidades de todo tipo, que constituían unha plataforma cívica, aprobaban o manifesto “Galiza pola República e polo dereito a decidir”e convocaban unha concentración na Coruña o 23 de xullo de 2019.

Esta plataforma cívica convocaba unha concentración o 21 de novembro de 2020, coincidindo co 45º aniversario da proclamación de Juan Carlos como rei (22-11-1975), baixo o lema: “Non queremos monarquía, herdeira do franquismo. Galiza non ten rei. Que devolvan o roubado”. Houbo numerosas entidades de toda Galiza que manifestaron o seu apoio a este manifesto.

O seguinte paso foi promover o manifesto “Non queremos monarquía. Galiza pola República”, co gallo do 90º aniversario da proclamación da República (1931-2021), que foi apoiada por 73 entidades de toda Galiza, e 29 entidades da comarca da Coruña convocaban unha concentración o 13 de abril.

Consideran que existe actualmente na vida política e social un pulso republicano o suficientemente forte como para poder avanzar cara a unha nova república?

Hai unha mobilización social crecente de rexeitamento da monarquía e por unha alternativa republicana e isto pode constatarse nas numerosos plataforma cívicas republicanas constituídas nos últimos anos por todo o Estado.

No meu libro “Una monarquía corrupta y heredera del franquismo” (Edicións Laiovento), recollo algúns concellos que xa aprobaron mocións para retirar a Juan Carlos rúas e distincións. Pontevedra (goberno BNG-PSOE) acordaba o pasado 15 de febreiro eliminar a avenida Juan Carlos I como un “acto de xustiza, decencia e hixiene democrática”. E a Deputación de Pontevedra (goberno PSOE-BNG) retiraba un busto do rei Juan Carlos situado na entrada do palacio provincial. En Vitoria (goberno PNV-PSOE) cambian a avenida Juan Carlos I por “8 de Marzo”, e o alcalde declara: “Vitoria merece que sus calles lleven el nombre de personas honradas, honestas, que han trabajado por el bien común, por la comunidad, y este caso no lo es”. En Getxo (goberno de PNV, PSOE y Elkarrekin Podemos) retiran o busto do rei Juan Carlos do salón de actos porque “no merece estar en un lugar tan honorífico y simbólico”. En Xixón (alcaldía do PSOE) cambian a avenida Juan Carlos I porque “ya no representa los valores institucionales, morales y democráticos de la sociedad”. O alcalde de Pinto (PSOE) manifestaba: “Alguien que no es capaz de tener una conducta intachable no debe recibir homenaje público”

Fan os partidos que se definen como republicanos o suficiente para que isto suceda?

Hai un esforzo importante para trasladar á rúa e ás institucións información e propostas a prol da república, mais aínda queda moito por facer. Falta coordinación para levar a uns concellos o que se aproba noutros. E falta coherencia porque, ás veces, a mesma moción aprobada nun concello é rexeitada noutro polo mesmo partido.

Non podemos esquecer que o PSOE, un partido que se define con raíz, tradición ou ADN republicanos, é hoxe o principal sostén da monarquía. A pesar desta clara aposta pola monarquía da súa dirección, algo se move polas bases, e non poden impedir que en moitos concellos se aproben mocións de denuncia da corrupción e para que o pobo poda decidir sobre monarquía ou república. Por outra parte, os partidos monárquicos, é dicir, que hoxe traballan pola continuidade da monarquía (PSOE, PP e Vox) rexeitaron sistematicamente, até en oito ocasións non últimos anos, que o Congreso investigue sobre os numerosos casos de corrupción da monarquía.

Pode un sistema monárquico ser considerado democrático?

Hai moitos países que teñen monarquía e son democráticos, pero como sinala o manifesto de Galiza: “Rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas”.

No noso caso hai que engadir que a monarquía borbónica ten unha especie de impunidade e que o mesmo Goberno, a través da Fiscalía e da propia Axencia Tributaria, protexen a Juan Carlos para que non se investiguen os numerosos casos de corrupción. José Antonio Martín Pallín, ex maxistrado do Tribunal Supremo, considera que o rei Juan Carlos podería haber cometido delitos de branqueo de capitais e fraude fiscal.

Na súa opinión, a que se debe a paciencia política e mediática cos continuos escándalos da Coroa?

Hai que partir de que a inmensa maioría dos medios de comunicación son monárquicos e isto non ten nada que ver coa vontade das traballadoras e traballadores deses medios. Defenden a monarquía porque os propietarios deses medios, é dicir, o capital, considera que o sistema monárquico é quen hoxe mellor defende os seus intereses.

O xornalista Iñaki Gabilondo recoñecía as dificultades para que certos temas sexan divulgados e falaba do desequilibrio entre os criterios da empresa e de quen traballan nos medios de comunicación (entrevista de David Sanz en El Mundo, 1-05-2017): “El gerente y el redactor tienen un objetivo común, tener el mayor número de lectores, oyentes o espectadores; pero normalmente viven líneas de acción diferentes. En este momento, en el periodismo español, y en otros, la lógica del gerente se ha impuesto a la lógica de la redacción porque hay angustias financieras tan grandes que un porcentaje muy alto de la energía de los medios está dedicada a sobrevivir y esto provoca el desequilibrio que estamos padeciendo”.

Despois de coñecerse as fundacións e contas opacas de Juan Carlos I no estranxeiro, o xornalista Pedro J. Ramírez declaraba que estaba “desolado”. E Iñaki Gabilondo, contestando á pregunta “¿Qué hacemos con la monarquía” do xornalista Jesús Ruiz Mantilla, manifestaba: “Todo esto ha abierto un capítulo de vergüenza que ha degradado a mi generación públicamente. Se ha degradado él, ha degradado a la institución y con él nos hemos degradado los que acompañamos el proceso. Hemos sido desnudados y yo me siento avergonzado” (El País, 17-8-2020). Pode haber moitos profesionais da información “desolados” ou “avergoñados”, pero case todos apostan pola continuidade da monarquía na persoa de Felipe VI. Resumindo, critican a Juan Carlos, pero o obxectivo está claro: salvar a Coroa.

Os libros críticos coa monarquía nin se mencionan a súa existencia; os que se difunden son aqueles que apostan por un futuro monárquico. E aí está o exemplo de José Antonio Zarzalejos, significado monárquico, que é entrevistado en todas as televisións públicas e privadas, progres ou menos progres, propagando o futuro esplendoroso que ten este país co rei Felipe VI.

Para non falar de que temos unha monarquía corrupta e herdeira do franquismo, desvíase a atención da cidadanía con numerosas entrevistas á autora dun libro sobre as condutas sexuais dos borbóns, onde a xornalista describe con todo detalle o pene de Fernando VII.

Debe unha futura república garantir o dereito de autodeterminación dos pobos?

A autodeterminación é un dereito democrático dos pobos, que se está a exercer, tamén nos últimos anos. Numerosos estados europeos como Letonia, Lituania, Estonia, Bosnia, Croacia, Montenegro, Eslovenia…. Que non existían hai poucos anos, son hoxe independentes. Quebec pode decidir o seu futuro en Canada nun referendo, o mesmo que Escocia no Reino Unido.

Comparto o que sinala o eurodeputado Miguel Urban no libro colectivo “¡Abajo el rey! Repúblicas”: “Una idea alternativa de soberanía democrática, social y política de los pueblos en toda su diversidad que permita ir estableciendo nuevas relaciones de igualdad ente todos ellos para poder llegar a auto-gobernarnos”. Por outra parte, reclama “la idea original de federalismo –entendido como proceso abierto y no cerrado que puede incluir fórmulas federales y confederales y que en nuestro caso ha de ser plurinacional y pluricultural– como la vía más deseable desde un punto de vista democrático. Y ello siempre que parta del reconocimiento previo del derecho a la autodeterminación –incluida la independencia– de aquellos pueblos que lo reclamen”.

Como definiría o estado da memoria histórica no estado español?

Asistimos nos últimos vinte anos á creación de numerosas entidades memorialistas que recuperaron unha memoria histórica secuestrada durante corenta anos de ditadura e tamén durante a chamada Transición. Froito desa presión social foi a Lei de Memoria Histórica de 2007.

Esa lei é hoxe claramente insuficiente e está pendente de concretar aspectos importantes como é acabar coa impunidade dos crimes do franquismo, eliminación da Lei de Amnistía, que é entendida como unha lei de punto final; é unha auténtica vergoña de Estado que haxa que recorre á xustiza arxentina para que se xulguen crimes contra a humanidade, que non prescriben.

Debería concretarse e non deixar na ambigüidade, como até agora, os criterios para a eliminación da simboloxía franquista: rúas, monumentos e distincións a franquistas e criminais. Eliminación das fundacións franquistas, que hoxe se dedican a facer propaganda do fascismo. Recuperación para o patrimonio público de propiedades hoxe en poder da familia de Franco e doutros dirixentes franquistas.

Está anunciada unha nova Lei da Memoria Democrática, pero todo parece indicar que o goberno do SOE só está por un lavado de cara. O movemento memorialista vai ter que continuar coas súas actividades de información, homenaxe ás vítimas da ditadura e mobilización social.

Resulta vital esclarecer e dignificar a loita democrática durante a segunda república para poder chegar a unha nova república?

Hai que recuperar a historia democrática, tamén no currículo escolar. Coñecemos moi pouco dos logros da II República. Aquí non houbo un “Alzamento Nacional” como aparece nos libros de texto, senón unha sublevación militar e fascista contra o goberno lexítimo e democrático da República. Está por difundir a defensa heroica da democracia durante tres anos despois do inicio desa sublevación. En Galiza non houbo a chamada Guerra Civil, senón un xenocidio con máis de 5.000 persoas asasinadas. O “Réxime” como aparece na historia oficial, foi unha ditadura criminal durante corenta anos, ao mesmo nivel que Alemaña nazi e a Italia fascista de Mussolini, como declaraba Nación Unidas en 1946.

Se queremos avanzar na conquista dunha nova república hai que poñer tamén en valor a loita popular durante a ditadura e até as primeira eleccións democráticas de 1977. Hai que explicar que os partidos que en 1977 defendían a república estaban ilegalizados e non puideron presentarse a esas eleccións, e quen facíamos propaganda da república acababamos na comisaría da Policía. Hai que difundir que foron sete ministros de Franco os que crearon Alianza Popular (despois Partido Popular), e que o seu congreso constituínte acababa así, como recolleron os medios de comunicación: “NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas”. (Diario 16 de 7 de marzo de 1977).

Cal é actualmente a tarefa máis urxente para construír a III República?

Creo que sería un erro poñer hoxe, como obxectivo fundamental, un cualificativo á república porque pode ser a III República Española ou poder ser outra cousa. O importante é acabar coa monarquía e poñerse de acordo no proceso. No citado manifesto de Galiza e despois de moito debate chegamos a un punto de consenso: “Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español”.

A tarefa máis urxente é a constitución de plataformas pola república nas distintas nacións e comunidades autónomas do Estado e despois chegar a uns puntos mínimos de acordo a nivel estatal. A situación política é distinta, pero hai que lembrar o chamado “Pacto de San Sebastián”, resultado dunha reunión o 17 de agosto de 1930 de numerosos partidos republicanos de todo o Estado, que foi decisivo na caída da monarquía e a proclamación da república o 14 de abril de 1931.

Mentres tanto, habería que potenciar unha rede de Concellos pola República con pronunciamento expreso nos plenos das corporacións municipais. Por outra parte, se hai persoas do mundo da cultura, por exemplo, que se manifestan pola continuidade da chamada “monarquía parlamentaria”, seguindo a consigna xeneral de “Todos con Felipe VI, salvemos a Coroa”, habería que impulsar declaracións ou manifestos, apoiados tamén por miles de persoas, que denuncien a corrupción da monarquía, exixan o dereito a decidir a forma de Estado en referendo e manifesten que hoxe están pola república.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.