Por María Ortega / Deputada de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra
Voz das persoas torturadas polo franquismo, Chato Galante tiña un sorriso eterno sempre nos seus beizos. Así o coñecín nas I Xornadas sobre Memoria Histórica –Na Loita Contra a Impunidade do ano 2019, á miña chegada á Deputación de Pontevedra como deputada.
Xa tivera escoitado falar del, lera entrevistas, vira o seu documental, pero comprobei que a súa presenza transmitía calma a pesares de todo o que vivira. Como persoa sosegada, dende o sosego argumentaba e transmitía a importancia da memoria como fortaleza e unha defensa incansable da liberdade , da xustiza e da reparación e da loita contra a impunidade de aqueles que asasinaron, vexaron e torturaron.
A súa achega persoal, aínda que breve, deixoume un pouso grande, como se tivera compartido con el a loita contra o franquismo e a impunidade durante toda unha vida. Creo firmemente que aquelas xornadas estiveron marcadas pola maxia de telo a el na cabeza e no corazón mentres organizabamos, dándonos apoio na distancia ata a súa chegada a Pontevedra. Os seus parabéns por como tivo saído todo gardámolos no pano do corazón.
Chato supuxo unha inxección de forza non só para min como deputada, senón para todo o movemento memorialista galego. Sempre instaba á acción e por iso se activaron na Galiza as querelas arxentinas que hai poucos meses se formalizaron por parte das familias Bóveda, Paz e Andrade. Podemos dicir que el foi o seu xermolo inicial e que el foi tamén o que teceu as redes para unir aínda máis e impulsar a todas as xentes galegas que traballaban na memoria.
Así o quixemos reflexar nós dende a Deputación na súa homenaxe o pasado ano nas II Xornadas de Memoria celebradas en Pontevedra facéndolle entrega a Justa, a súa compañeira, un agasallo no que se lía a lenda ‘A Chato Galante, por tecer redes de memoria na Galiza’, obsequio que ela recibiu afectuosamente asegurando que o propio Chato, cando viña ata o noso país, volvía a Madrid cargado de forza e ánimo pola enerxía que recollera na terra galega.
Chato era un home que se facía querer alí onde ía e deixaba a todas as persoas coas que compartía o momento sorprendidas coa súa maneira de actuar. A súa comprensión polo sentir propio dos pobos era tamén outra das súas ‘marcas’, e así o deixou ver nas súas estadías canda nós… Exemplo do seu particular ‘amor por Galiza’ foi cando na Illa de San Simón, despois dun acto en homenaxe ás vítimas, levantou o puño e comezou, como todos os que estaban ao seu arredor, a cantar o himno galego de principio a fin. Coñecíao perfectamente e interiorizárao estando na cadea xunto a compañeiros galegos, igual que tamén aprendera outras expresións vascas ou catalás.
Era un home optimista, non vía nada imposible e faleceu sen deixar de loitar un só momento da súa vida. Coñecida é a súa historia para escapar do cárcere no que estaba preso intentando facer un túnel para escapar quitando terra cunha culler. Como ben dicía o seu amigo Gus, sempre quixo excavar túneles de liberdade, e aínda que xa non estea, seguirá á nosa beira para que manteñamos a culler sempre en alto.
Se el primero en comentar