![]()
Conversamos con Carmen V. Valiña, investigadora, divulgadora e directora da escola de feminismos PeriFéricas. Especializada na recuperación da memoria das mulleres silenciadas, ‘Illa de Sangue’ (Galaxia) é a súa primeira novela.
Por Angelo Nero | 16/09/2026
San Simón, a nosa Illa da Memoria, é máis que un escenario, a protagonista principal da primeira novela de Carmen V. Valiña, doutora en Historia contemporánea, profesora da Universidade Internacional de Valencia, directora de PeriFéricas, escola de feminismos alternativos, e investigadora sobre a memoria da mulleres. Memoria e Mulleres son os elementos principais de “Illa de Sangue”, mulleres unidas por un fio de prata como Coral e Helena, mulleres maltratadas como Lucia e María, mulleres que sofren o abandono ou a represión, pero tamén mulleres que se rebelan. As voces de todas elas converxen nunha memoria regada con sangue.
O movemento memorialista galego leva moitos anos demandando que se recoñeza a San Simón como illa da Memoria, unha cousa que se conseguiu fai uns días, e que deixe de utilizarse para todo tipo de eventos festivos, dende festivais de música ata búsqueas do tesouro, ¿cal é o uso que debería ter San Simón, e que importancia ten para ti a illa?
Estou totalmente de acordo do recoñecemento de San Simón como illa da Memoria, de feito creo que era unha reivindicación que se levaba facendo moito tempo, e xa cumpría levar a cabo. Non esquecendo, pero si tendo en conta, que máis aló desa vertente lúdica que ten San Simón e da beleza paisaxística que sin dubida tamén posúe, pois foi un espazo no que tamén se reprimiu e no que se castigou. Polo tanto tamén debería ser un espazo de Memoria Democrática. Para min a illa ten esa relevancia dende o punto de vista da propia Memoria Democrática, que a min é unha cuestión me interesa e me toca especialmente, de feito traballo en Illa de Sangue, e tamén ten unha importancia máis persoal pola Residencia Literaria que puiden realizar alí, hai un par de ano, e de onde naceu a miña novela.
Hai outros lugares de memoria que, a ta o de agora, permaneceron agochados, como o manicomio de Conxo, un dos escenarios da novela, que tamén foi motivo de estudo no libro “Rotas” de Montse Fajardo, e no teu ensaio “As tolas que non o eran”. ¿Pode dicirse que Conxo foi un lugar central na represión das mulleres galegas, antes e durante a ditadura?
Sen dubida Conxo foi un lugar central na represión das mulleres galegas, entre outras cousas porque era o único psiquiátrico existente en todo o noroeste da península, dende o ano en que se funda, en 1885, ata ben entrado o século XX, co cal aglutinaba alí a moitas mulleres, e dende logo foi tamén un lugar de represión. Non so polo papel que tivo de represión directa, dígamolo así, contras as mulleres partidarias da república, ou a homes que eran partidarios dese réxime, como tamén un lugar de represión, como analizo no meu libro As tolas que non o eran, das mulleres consideradas incómodas. Alí cabían desde nais solteiras ata mulleres que desexaban divorciarse, ata mozas que mantiñan relacións sexuais antes do matrimonio. Entón, dende finais do XIX no que é fundado, ata tempos ben recentes, foi ese espazo de represión, utilizado ademais por réximes ben diversos, non so pola ditadura franquista, senón por toda a caste política que gobernaba en España antes da ditadura tamén, e por suposto en connivencia coas familias que levaban a esas mulleres alí, e en connivencia coa igrexa católica que foi a propietaria directa de Conxo.
Unha das protagonistas, Coral, é unha desas tolas que non o eran, ¿inspirácheste nalgunha das pacientes coas que te atopaches no proceso de documentación para escribir o teu ensaio sobre as mulleres de Conxo?
A personaxe de Coral non está inspirada directamente en ningunha paciente. Non había na documentación que eu analicei, no Arquivo de Galicia ningunha muller con ese nome, nin que tampouco reunira exactamente as características de Coral, pero ben é certo que as mulleres coma Coral tiñan moitas posibilidades de rematar en Conxo, por ser mulleres incómodas para o seu momento, no caso de Coral por ser filla dun mariñeiro e dunha costureira, que acode á universidade, que ten diferentes parellas antes de casar, e en definitiva por ser unha muller que non se conformou co rol social da súa época. Entón digamos que non é unha paciente real de Conxo, pero non tería sido moi difícil que o fora.
Helena, e unha moza que quere recuperar a memoria e rachar co silencio, e darlle voz ás que foron silenciadas. ¿Aínda hai esperanza na xeración das netas daquelas que sufriron a represión franquista?
Eu penso que sempre hai esperanza nas xeracións que ven detrás nosa, e a diferentes persoas que son moi pesimistas no relativo ó mundo que estamos deixando, ou como son as persoas que van herdar este mundo noso. Eu quero ser positiva nese sentido e pensar que canto máis se coñeza unha historia, sexa a de Conxo, sexa a de San Simón, máis se racha co silencio. Particularmente, eu con esta obra de Illa de Sangue, a través das protagonistas femininas, tentei conectar cunha herdanza de mulleres valentes, de mulleres que non se resignaron, e penso que desa xenealoxía vimos todas nos e temos que ser conscientes diso. Ademais, no caso da represión franquista, o feito de que fora unha represión moi dirixida cara ás mulleres, pero moi especialmente virulenta cara ás mulleres procedentes do rural, mulleres pobres, no meu caso enfatiza máis a conexión, como muller rural que eu mesma son.
Entón, penso que efectivamente esas novas xeracións, que ademais de coñecer a historia teñen unha bagaxe máis feminista, ou máis volcada cara á perspectiva de xénero, pois é fundamental para revisar a historia, e para quizais coñecer historia que na sua familia non se deron a coñecer, e para tamén reflexionar como os logros que conseguimos nun momento dado as mulleres, poden volver atrás e retroceder, máis no momento en que están, tan grave a nivel político e social como o que estamos vivindo.
Seica unha parte da novela foi traballada na Residencia Literaria da Illa de San Simón. ¿Dalgún xeito as voces da illa animáronte a construír esta historia de silencios?
A illa de San Simón foi fundamental para construír esta historia, e a Residencia Literaria que puiden realizar no 2024 alí, e dende logo foi fundamental tamén para poder traballar a obra en base, como ben preguntas, ó silencio, á propia paisaxe, á propia historia da illa. Serviume para descubrir esa historia que eu coñecía un pouco pero non tan en profundidade, dunha maneira paseniña, porque non tódolos días tes a oportunidade de estar alí unha semana, ás 24 horas, vivindo na illa, coa posibilidade de paseala, de reflexionar sobre o que se puido vivir alí, sobre a posibilidade tamén de localizar certos escenarios, en base ó que ti mesma vas tento, e por suposto con outras persoas que tamén estaban creando as súas obras nese momento, pois axudou a dar forma ó que ó final foi Illas de Sangue.
“Illa de sangue” ten algo deses thriller que comeza cunha desaparición, e a través de sucesivos flash-back, se mergullaban nas orixes do crime, ¿cales son os problemas á hora de fiar una historia con tantos saltos no tempo?
A principal dificultade para fiar unha historia con tantos saltos no tempo, como ten illa de sangue, é conseguir darlle coherencia a eses saltos, e tamén a min interesábame moito, a cuestión de como os silencios e os tabús familiares que veñen de xeracións anteriores chegan ata a actualidade, poden influír en nós mesmas, aínda que nos consideremos persoas independentes e absolutamente desvencelladas do que pasou antes. Entón, este tamén foi outro dos fíos dos que houbo que tirar, un pouco como conectar as diferentes personaxes, como conectamos a historia de Coral coa de Helena, pero tamén como conectamos a de Helena coa da bisavoa, que é outro tipo de muller moi diferente a Coral, pero que tamén a influíu. Ahi estiveron por enriba de todo os principais retos.
As mulleres da túa novela sofren a represión silenciosa, ou silenciada, das que quedaron, tamén a violencia doméstica, que non se ve nin se escoita, e a das relacións tóxicas. ¿Querías mostrar que hai un fío invisible que une a violencia que sufriron as mulleres no 36 e en diante, coa que sofren as rapazas de hoxe?
Á hora de construír unhas personaxes femininas que efectivamente veñen marcadas en moitos casos pola represión e pola violencia máis directa o máis indirecta, non se se o fixen de xeito consciente, pero evidentemente si hai ahi unha reflexión que atravesa todo o meu traballo sobre as violencias estruturais que sufrimos as mulleres, pois aínda que as formas de violencia cambian ó final esa estrutura patriarcal e social fai que sexamos vítimas desas mesma violencia en períodos históricos moi diferentes.
Por iso a personaxe de Helena, que nun principio se presenta como unha muller independente, unha muller afastada de todo o que viviron as outras integrantes da súa familia, sen embargo ó final tamén acaba amosando as súas debilidades e e problemas con certos aspectos da sua vida.
E, por outra parte ¿pensas que aínda queda moi por escribir sobre esa Memoria das Mulleres agochada?
Por supostísimo queda moito por escribir da Memoria das Mulleres agochada. Eu, cando traballaba sobre o arquivo de Conxo, de feito descubrín moitas historias, que doutro xeito, de non ter sido rexistradas nese arquivo, probablemente non terían chegado ata nós. Pero eu sempre fago a reflexión de que sabemos moito sobre os grandes nomes da historia feminina, dende logo tamén masculina, pero sabemos moito menos sobre as nosas veciñas, ou sobre as nosas avoas. Por suposto que queda aínda moito que investigar.
As túas obras foron merecedoras do Premio de xornalismo Johán Carballeira, o Premio Narrativa Breve Repsol, e o Premio Losada Diéguez, ¿que importancia teñen este tipo de recoñecementos para unha investigadora e creadora coma ti?
Os premios sempre son benvidos, son un recoñecemento. No caso da investigación avalan a solidez desa investigación e o impacto social que pode ter. E no caso do Premio Narrativa Breve con Illa de Sangue foi un respaldo cara a miña produción de ficción, xa que ata ese momento, sobretodo estivera especializada en asuntos de ensaio e investigación, e ese tipo de recoñecemento ó final amosa que en certo sentido o que escribes ten impacto e hai xente que considera que debe ser lido.
Despois de pasar do ensaio á ficción, aínda que unida polo fío invisible da Memoria, ¿cal será o próximo proxecto literario de Carmen Valiña?
Actualmente estou empezando, aínda que polo de agora nos escasiños momentos entre o meu traballa na Universidade e PeriFéricas, estou outra vez analizando o arquivo de Conxo para centrarme nas testemuñas de mulleres a partir do ano 1936, xa que As tolas que non o eran remataba nese ano, e a miña idea era ver como nos primeiros anos do franquismo seguiron entrando alí moitísimas mulleres galegas. Tamén vou escribindo, aínda que xa máis en formato de relato, certos textos de ficción, que espero que tamén poidan adquirir unha forma máis definitiva nos vindeiros meses.
Se el primero en comentar